INHERENT LEBOWSKI

Chego a casa, medio bébedo, medio canso, e aínda así sinto a necesidade de adicarche unhas palabras. Sen saber a que conclusión chegar, déixome guiar por unha escritura automática na que só a realidade saía a relocer, faltas ortográficas incluídas. Sobre o papel a caligrafía xoga coa borracheira mentres describo os teus peitos preciosos, curvos e firmes. Como intentando perfilar o teu corpo no caderno, a miña man xoga co bolígrafo e pinta varias liñas nun xeroglífico que só o alcol sabe debuxar. Pecho os ollos e escribo de novo. Escribo sobre os teus beizos, grosos como doces, pura insulina que me revitaliza día a día. E sigo deixándome levar por palabras que non sei onde queren chegar falando de ti, en quen penso 24 fotogramas por segundo da miña película. E pola miña cabeza non aparece outra cousa que imaxes túas, o trailer dunha película que está en rodaxe e que non ten data de estrea, imaxes de sorrisos, de miradas, de labios tremendo ante ideas. E miro pola ventá intentando buscarte entre a noite e só atopo o meu reflexo manchado polo fume: e alí vólveste aparecer. Espida, bailando nas ondas que o cigarro fai no aire sobre a negrura da cidade durmida. E tírome de cabeza para collerte e o fume marcha e ti xa non estás. E agora lembro todo: o reloxo sen pilas, o calendario de hai dez anos, as lámpadas sen bombillas e a cama sen ti.

Comments are closed.