INTERSECCIÓN 2020: HIPOCAMPO E RADICALIDADE

4 apuntamentos que atravesan Lume e Inside the Microtubule, dúas pezas da sección Galicia do Festival Intersección 2020.

Captura de ‘Inside the Microtubule’, recollida no Instagram de Judith Adataberna

Imaxe mental e imaxe física

No enfrontamento a calquera imaxe xérase unha imaxe interior. É dicir, ante unha imaxe exterior ao noso corpo humano -unha imaxe física- hai unha proxección interna, de forma que os conceptos de imaxe física e imaxe mental entran en relación. 

Lume nace do estímulo de atopar unha superficie na que proxectar unha imaxe, do encontro de Alberte Pagán cunhas raíces que conforman un corpo rectangular (ao estaren nunha maceta con esta forma). Pensando en “radicalidade”, Alberte proxecta e materializa sobre estas raíces a imaxe-rexistro dunha manifestación antifranquista en Compostela. Así, esas imaxes gardadas, medio esquecidas, do 2007 voltan a nós, visualízanse fisicamente, apelando á acción política.

“Las imágenes del recuerdo y la fantasía surgen en el propio cuerpo como si fuera un medio portador viviente”

Hans Belting [1]

Na peza de Judith Adataberna, a idea de imaxe interior conceptualízase. Hai un traspaso das imaxes do cerebro da súa avoa, os seus recordos, aos corpos das espectadoras, tamén en forma de imaxes interiores. Judith non representa estes recordos, non exterioriza a representación, é a voz do corpo que porta estas imaxes -o relato da avoa- quen provoca as imaxes mentais de quen está a ver Inside the Microtubule. En lugar de ver a representación dos recordos, somos testemuñas do corpo de Judith que porta tamén estas imaxes interiores da avoa, xa que recapacita sobre elas mentres sube unha montaña. 

Corpos e medios

O camiño de acceso aos vestixios da memoria da avoa da autora faise por medio dunha cámara-corpo que testemuña a acción da cámara -que agora é o corpo: a cámara produce imaxes a un tempo parello ao do corpo que a carga. A acción acompásase de imaxes de neuronas do hipocampo, feitas coa técnica de z-stacking. Deste xeito, Judith amosa o aparato perceptivo no que aínda se forman os recordos da avoa atacados pola demencia, destapando o medio físico e anatómico por onde viaxan estas imaxes no corpo. 

En Lume a imaxe corporalízase nas raíces. As raíces son a materialidade na que as imaxes se proxectan e o que lles confire unha textura e unha plasticidade. Isto fai que adquiran certa abstracción, provocando un sentido connotativo. Así, non só se desvela a superficie de proxección, senón que este medio portador tamén conforma as imaxes da manifestación, outorgándolles un novo significado simbólico. 

Vida e morte

A manifestación dese 20 de novembro do 2007 celebrouse como contra-resposta ás manifestacións franquistas polo cabodano do ditador. Un asasinato alimenta a manifestación que agora vemos sobre as raíces. Da morte de Carlos Palomino xorde a vida do lume, avivando a fogueira.

Ese 20 de novembro Compostela rendíalle homenaxe ao rapaz que colleu o metro o día 11 para protestar contra a manifestación xenófoba á que acudía o seu asasino: de aí a coincidencia no vagón.

O rescate desta gravación por parte de Alberte é unha resistencia á desaparición do asasinato no imaxinario colectivo. Nótese que algo pervive se as súas imaxes están presentes entre nós. Nesta liña, hai unha serie de acontecementos dignos de estudo derivados da presenza de certas imaxes dos feitos. Pois o acceso ás imaxes do metro onde o asasino clava a súa navalla no peito de Palomino serviron de culto a individuos e colectivos radicais ultra-dereitistas. As imaxes de Pagán, que voltan a traer a resposta antifascista, teñen un carácter -radicalmente- oposto.

En Inside the Microtubule os recordos illados son a resistencia á morte. O funcionamento neuronal intermitente apégase á vida, mais augura a morte; os microtúbulos desfanse por hiperfosforilación na demencia provocando a morte neuronal.

A luz como impulso

É obvio que en toda imaxe hai luz, non obstante, nestas dúas pezas hai amais certa referencia lumínica. Pois a forza de Lume reside na proxección de luz sobre o soporte orgánico, que é o que xera plasticidade na imaxe.

A voz das manifestantes nun berro colectivo conxurando “lume, lume, lume” xunto coa luz dos farois superpoñéndose nas raíces xera a imaxe do arder, a luz consegue prender lume ao soporte.

Se falamos de luz en Inside the Microtubule non podemos esquecer que é a que permite a imaxe, xa que percibimos as súas formas na noite, ate que se chega a un punto no que é únicamente a tráves destas formas que podemos seguir a acción do corpo en camiño. No momento en que a lanterna se acende comeza a película e é a lanterna a que debuxa o corpo dunha figura humana na escuridade da noite.

En ámbalas pezas perante o impulso lumínico as espectadoras conseguimos atisbar a unidade da mensaxe, conectándonos a esa viaxe de luz neuronal do recordo ou ao impulso motor do arder da colectividade frente a un asasinato fascista (DEP Carlos Palomino, acoitelado por un neonazi no metro de Madrid).  

Captura de ‘Lume’, recollida na páxina web de Alberte Pagán

________

  1. BELTING, Hans. Antropología de la imagen. Barcelona: Katz Editores, 2002. Pág. 17.

Comments are closed.