Intersección 2022: Super 8, formato doméstico

Nun dos focos organizados durante a última edición do festival Intersección, o fotógrafo Daniel Blaufuks presentou dous traballos en Super 8, formato doméstico por excelencia dos anos 70 e 80.

Family Films (2022) semella o material en bruto dunha película amateur que rexistra tempo de lecer ou unha viaxe. A meta: a praia, unha praia atlántica. O son do proxector evócame o momento no que a familia sentaba a ver o que filmaran. Blaufuks, de man (non notamos a edición de montaxe) e voz invisibles neste filme, leva este material privado a un terreo público mostrándose coma unha ficción. A muller en pantalla contén unha épica, contemplamos un arquetipo de muller protagonista dunha fábula mentres camiña decidida pola paisaxe en soidade.

Family Films (2022)

Family Films (2022)

En Judenrein (2018) non hai praia, nin pícnic, nin turismo que facer. É tamén unha película anónima en Super 8 que Daniel Blaufuks mercou por Ebay ou atopou nun mercado, non o recorda ben. O feito de non ser unha película amateur convencional xera unha aura misteriosa.

O dispositivo e a edición deste filme é visible e do máis interesante: Unha voz en off (a de Blaufuks, imaxino) explícanos como puido chegar o filme ás súas mans e todas as súas interpretacións ou, máis ben, as súas incógnitas e hipóteses.

O arquivo é tocado, manipulado; ralentiza a velocidade das imaxes e, sobre todo, cuestiona as mesmas. O que chegamos a saber é que estas imaxes son as da vila polaca de Klimontów nos anos 80, non moi lonxe de onde procede a familia de Blaufuks (xudeus que emigraron a Portugal).

Porén, as imaxes, explica Blaufuks, parecen de tempo atrás e quen as filma un estraño ao lugar, pola reacción que vemos nos rostros dos habitantes de Klimontów. Blaufuks pregúntase: Estou vendo demasiado nestas imaxes?

Judenrein (2018)

Judenrein (2018)

Judenrein, título do filme, é unha palabra forte. Significa “limpo de xudeus”. Era un termo usado polos nazis para dicir que toda traza de sangue xudía foi purgada. A voz en off cóntanos o exterminio levado a cabo dende os anos 30 ata 1946 nesta vila nos anos 20, máis da metade da poboación era xudía e, consecuentemente, dispuñan de librarías, sinagoga, escolas, hospitais e outras organizacións. Os feitos narrados van dende manifestacións até matanzas salvaxes, acompañadas do son do proxector ralentizado, outorgando tensión e suspense.

Estamos ante un arquivo revelador por todo aquilo que non pode aparecer nas imaxes e nos sons. A historia dos xudeus está na súa ausencia, entre cada frame, reflectida nos lugares, nos corpos e nos rostros que nos miran a través de este filme en Super 8.

Judenrein é un traballo de memoria, de extracción de memoria, a través dunhas imaxes sen autoría, sen protagonistas, sen feitos e sen probas. É un deber de memoria (coma Primo Levi) xudía esquecida nos anos posteriores ao exterminio, onde as escolas comunistas focalizáronse no martirio polaco e onde ninguén lembrou nin reclamou que as propiedades polacas foron unha vez (non moito tempo atrás) xudías; pois aínda que hoxe non haxa ningún, unha vez houbo xudeus en Klimontów.

Judenrein (2018)

Judenrein (2018)

Comments are closed.