JEAN PAINLEVÉ: MICROCINE SUBACUÁTICO

Na obra teatral Obediently Yours, Orson Welles1, do dramaturgo Richard France, un Welles septuaxenario e fatigado argumenta con soberbia a súa decisión de prescindir do seu primeiro nome de pila (George) no seu nome artístico: “imaxinan Pygmalion asinada por un tal George Shaw?2 Ou a alguén chamado George que fose guionista e director en Hollywood, actor de cine e de teatro, produtor e director en Broadway, comentarista de radio e televisión, escenógrafo, debuxante, violinista, pianista, novelista, articulista e prestidixigitador?” Tras este elocuente prontuario, lanza a luva ao auditorio cun provocador e desafiante: “non lles dá vergoña que aquí arriba sexamos tantos e aí abaixo tan poucos?”. Sería interesante preguntar ao autor de Citizen Kane (1941) a súa opinión de todo un clásico da sabedoría popular: “quen moito quere agarrar pouco lle dan a apreixar”.

Desde o omnipotente Charles Chaplin ata o extravagante Alejandro Jodorowsky, o cosmos cinematográfico nutriuse desde o seu nacemento dun inesgotable batallón de versátiles, ambiciosos e inconformistas autores para quen o adxectivo polifacético sería insuficiente. Prolíficos todoterreos a quen non bastarían sete vidas.

Un caso particularmente insólito é o do francés Jean Painlevé, un dos maiores precursores do chamado “cine científico”. Autor de dous centos de curtametraxes de divulgación científica entre 1928 e 1982, entre as que predominan exploracións da inusitada fauna subacuática, este asombroso autor vangardista conxuga nas súas filmacións a fertilidade expresiva do cine co poder instrutivo da ciencias naturais, incorporando ao ríxido discurso empírico utilizado pola comunidade científica un lirismo apaixonado e irreverente.

Calquera tentativa por definir a Jean Painlevé sería tan imprecisa como estéril, pero un esbozo do seu currículo mostraríanos un anarquista, surrealista, activista, biólogo, zoólogo, cineasta, submarinista, automobilista profesional e ata deseñador de xoias3, ademais de fundador ou cofundador de numerosas publicacións, asociacións e institucións como a Asociación Internacional de Cine Científico, a World Union of Documentary Filmmakers (que se disolveu tras unha liorta con John Grierson), o Comité Cinematográfico Francés de Axuda á Infancia ou ata un clube de submarinismo. Ademais, entre outros recoñecementos, Painlevé foi nomeado presidente da Asociación Francesa de Cineclubes e foi a primeira persoa en realizar un programa televisivo de divulgación científica no país galo (experiencia que repetiría tamén na BBC).

Fotograma de ‘La Pieuvre’ (1928)

Arte vs Ciencia

Fillo do matemático e dúas veces Primeiro Ministro francés Paul Painlevé, o interese do infante Jean polo cine naceu como resultado da soidade que padeceu durante a súa nenez. Fillo único, orfo de nai e menosprezado por moitos dos compañeiros do elitista liceo no que recibiu a súa educación a consecuencia das ideas progresistas do seu pai, o pequeno Painlevé comezou a visitar con asiduidade o parisiense cine de Saint Michel, onde, como explica Brigitte Berg, descubriu “as comedias de Mack Sennett, as fantasías de George Méliès e as animacións de Emile Cohl, así como os populares seriais Le Masque aux dents blanches, Les Mystères de New York e Fantômas”4. A autora tamén desvela a outra gran querenza de Jean durante a súa infancia, a ciencia: “a miúdo, en lugar de asistir ás súas clases, pasábase o día no Jardin des Plantes axudando aos coidadores a alimentar os animais”5.

En 1921, seguindo o ronsel científico do seu pai, comezou os seus estudos de medicina na Sorbona, unha carreira que abandonaría apenas dous anos máis tarde para matricularse en zooloxía e bioloxía. En 1924 licenciouse en física, química e bioloxía, comezando deste xeito unha prometedora carreira científica á que todos auguraron un brillante futuro cando, con apenas vinte e un anos, se converteu na persoa máis nova en presentar unha investigación na prestixiosa Académie des Science.

Con todo, a pesar da formidable estrea de Jean Painlevé no terreo das ciencias naturais, a súa paixón pola sétima arte non fixera máis que intensificarse durante a súa adolescencia. Ese crecente entusiasmo por esta disciplina traduciuse no seu debut como actor en L’inconnue des six jours (1926), un proxecto de René Sti que, aínda que nunca chegou a finalizarse, permitiu a Painlevé coñecer ao operador de cámara André Raymond, quen se convertería ao cabo nun dos seus colaboradores habituais. Raymond non só foi camarógrafo de moitos dos preto de douscentos filmes que realizou Painlevé ao longo da súa carreira cinematográfica, senón que tamén desenvolveu innovadores dispositivos técnicos e mecánicos que permitiron efectuar filmacións microscópicas e subacuáticas.

Precisamente desta colaboración naceu o primeiro proxecto cinematográfico de Painlevé, Oeufs d’épinoche: de la fécondation à l’éclosion (1929), unha curtametraxe sobre a reprodución dunha variedade de peixe agulla. A exhibición en primicia desta peza na Académie des Sciences ante un auditorio composto principalmente por científicos foi acollido “con gran escepticismo, cando non con indignación”6 entre moitos dos asistentes. Un deles chegou ata a clamar, alporizado, que o cine non era unha disciplina que puidese ser tomada en serio. Non en balde, este novo medio foi obxecto de receo por parte de numerosos científicos e académicos durante as súas primeiras décadas de vida. Neste sentido, unha das voces máis críticas foi a do escritor Georges Duhamel, quen arremeteu contra o cine acusándoo de ser “un pasatempo para ilotas, unha diversión para ignorantes, desgraciadas e apagadas criaturas consumidas polas súas preocupacións (…) Un espectáculo que non require concentración e que non presupón intelixencia algunha”7. A polémica que envolveu a presentación da súa ópera prima foi o primeiro dos numerosos e constantes desencontros entre Painlevé e a comunidade científica gala, entre a que cultivou rexeitamento, descrédito e apatía ao longo de toda a súa carreira cinematográfica.

Un dos aliens mariños de Jean Painlevé, en Les Oursins (1958)

Un dos fascinantes “aliens mariños” de Jean Painlevé, en Les Oursins (1958)

Predilecto dos surrealistas

A animadversión da comunidade científica cara a figura de Jean Painlevé contrastou, con todo, co entusiasmo co que a vangarda francesa celebrou a súa incursión cinematográfica, especialmente entre os surrealistas. De feito, foi un dos editores do primeiro e único número da revista Surréalisme, en colaboración con autores como Guillaume Apollinaire, René Crevel ou o seu íntimo amigo Yvan Goll, un dos principais rivais ideolóxicos de André Breton dentro do propio movemento surrealista.

Un dos cineastas que formaba parte do círculo de amizades de Painlevé foi Luis Buñuel, quen lle outorgou a insólita función de “encargado xefe das formigas”8 en Un Chien Andalou (1929). Outra das súas persoas máis achegadas durante aquela época foi Jean Vigo, con quen mantivo unha relación tan estreita que, tal e como detalla Brigitte Berg, “cando Jean Vigo morreu o 6 de outubro de 1934, Painlevé e (a súa parella) Geneviève Hamon acompañárono no seu leito de morte”9.

Durante unha visita a Ámsterdam, Painlevé protagonizou xunto ao cineasta holandés Joris Ivens un peculiar acontecemento que poría de manifesto tanto a súa impetuosa cinefilia como o seu espírito contestatario. Ambos organizaron na capital neerlandesa unha proxección de Battleship Potemkin (Bronenosets Potyomkin, Sergei Eisenstein, 1925), un filme cuxa exhibición estaba prohibida naquela época. Cando a policía accedeu á sala e interrompeu a proxección, Ivens, Painlevé e o auditorio en pleno trasladáronse a unha nova sala onde se reanudou a proxección ata ser de novo interrompida pola policía. Esta operación repetiuse ata en seis ocasións ao longo dunha tarde ata que a obra (de setenta e cinco minutos de duración) foi finalmente exhibida na súa totalidade.

Painlevé foi anfitrión do propio Eisenstein cando o cineasta soviético visitou París en 1930. O francés utilizou a influencia do seu pai para asegurar unha permanencia tranquila ao director de October (Oktyabr, 1928) na capital gala e ata arranxou para el unha viaxe clandestina a Suíza escondido no interior dunha furgoneta de roupa sucia. Como mostra de agradecemento, o letón recoñecería a Painlevé: “en canto a milagres se refire, ti só poderías facer a competencia á nosa señora de Lourdes”.


A ciencia é ficción

Para entón o singular creador galo era xa considerado unha reputada figura entre a vangarda artística parisiense. Non en balde, as súas películas expuñan ao espectador un desafío ao que xamais se enfrontara con anterioridade, o de poder identificarse con estraños seres procedentes da ignota fauna subacuática, “alieníxenas mariños” cuxos patróns de conduta estimulaban ao público a cuestionarse as súas propias convencións sociais.

Painlevé incitaba a empatía con esas misteriosas criaturas a través da “antropomorfización” das mesmas, un propósito que lograba mediante enxeñosos comentarios e que concordaba con congruencia coa súa máxima “a ciencia é ficción”. Xa nun dos seus primeiros filmes, Hyas et stenorinques (1929), ironiza sobre o modo en que dous tipos de crustáceos empregan algas ou esponxas de mar para cubrir os seus corpos: “Cada un ten o seu propio estilo en canto á vestimenta. As algas na punta do nariz son algo, sen dúbida, abraiante”.

No seu ensaio Fluid Mechanics, o historiador da arte Ralph Rugoff explica que, “en mans de Painlevé, o antropomorfismo é unha ferramenta que subverte o noso autorretrato narcisista para aproximarnos con sinxeleza aos nosos amigos os animais”. Esta antropomorfización foi unha transgresión que xerou unha profunda fascinación entre os surrealistas. Proba diso foi, por exemplo, a decisión de Man Ray de incluír na súa obra L’Étoile de Mer (1928) imaxes de estrelas de mar filmadas por Painlevé. Outro dos seguidores da súa obra foi Fernand Léger, coautor da famosa curtametraxe experimental Ballet mécanique (1924), quen definiu o filme de Painlevé Caprella and Pantopoda (1930) – un estudo sobre o camarón esquelético e a araña de mar – como o ballet máis fermoso que xamais vira. Tamén o pintor bielorruso Marc Chagall eloxiou a “incomparable riqueza plástica” desta peza, á que bendiciu como “arte xenuína, sen obxección”. Sarah Boxer xustifica do seguinte xeito a atracción dos surrealistas polo cine de Painlevé: “o seu mundo é un lugar no que o apareamento parece un combate, un bico é un preludio de morte, os machos dan a luz e as ramas camiñan. As súas películas son misteriosas, oníricas, sexys e aterradoras, todo o que os surrealistas querían ser”10.


L’hippocampe e Le Vampire

L'hippocampe (1934)

L’hippocampe (1934)

Ademais da cegadora e hipnótica beleza deste animal e a súa insólita forma de nadar, o que máis seducía ao biólogo deste peixe mariño era que é a única especie animal na que a fecundación se produce no macho. Neste extraordinario caso, a femia insire os ovos maduros na bolsa incubadora do macho, onde estes son fertilizados. “O cabaliño de mar – escribiu Painlevé – supuxo para min un modo espléndido de promocionar a virtude e bondade do pai, mentres subliñaba a necesidade da nai. Noutras palabras, quería restablecer o equilibrio entre o macho e a femia”.

Outra das películas máis atractivas, sorprendentes e populares de Jean Painlevé é Le Vampire (1945), un proxecto que naceu dunha invitación que o Instituto Pasteur lle propuxo para filmar as súas novas e exóticas adquisicións animais. Entre todas elas, o biólogo sentiuse cativado polo desmodus rotundus, tamén coñecido como vampiro común, un diminuto morcego procedente dun bosque limítrofe entre Paraguai, Arxentina e Brasil.

O filme, de apenas nove minutos de duración, comeza dun modo exquisitamente perturbador, mostrando unha procesión de estraños insectos e seres acuáticos (entre os que se inclúe, por suposto, o cabaliño de mar) mentres soa a composición ‘Black and tan fantasy’ de Duke Ellington. Tras tres minutos de película sucede algo abraiante. O desfile de criaturas finaliza, a melodía de ‘Black and tan fantasy’ desvanécese para dar paso a ‘Echoes of Jungle’ (tamén de Ellington) e ante os nosos ollos emerxe o arrepiante Nosferatu de Murnau. Mentres mostra algunhas das escenas máis memorables deste filme, Painlevé reflexiona acerca da creación do mito do vampiro, para finalmente concluír que, en efecto, o vampiro existe, pero é en realidade un pequeno quiróptero que vive nalgunhas selvas sudamericanas. O narrador trasládanos entón ao bosque do Chaco, en Paraguai, para mostrarnos un desagradable e ao mesmo tempo atrainte morcego capaz de intimidar, sedar e chupar o sangue a unha cobaia, unha vítima que o triplica en tamaño.

O modo en que Painlevé combina un discurso científico e instrutivo con incisos sarcásticos sobre a vampirización, o parasitismo ou a transmisión de enfermidades evoca un inimigo moito máis temible, próximo e coñecido que odesmodus rotundus: o nazismo. O propio Painlevé explica como asociou ambas as dúas ideas: “cando estaba finalizando a película deime de conta de que este morcego estende as súas ás antes de ir durmir. Ao ver este xesto pensei que se parecía ao saúdo nazi ‘Heil-Hitler’”.

Painlevé fai unha alegoría do nazismo a través do morcego de Le Vampire (1945)

A utilización de música jazz como banda sonora para unha película sobre morcegos exemplifica con perspicacia o característico e expresivo modo en que Painlevé concibía a compoñente musical dos seus filmes. Outro caso rechamante é a banda sonora de Les oursins (1958), a súa primeira película en cor e segunda que dedicaba aos ourizos de mar tras unha homónima realizada en 1929. Neste remake utilizou como pista de audio unha gravación dun grupo de mozos facendo soar potas e tixolas. Chamou a este son “ruído organizado” en homenaxe ao seu amigo Edgard Varèse, un compositor francés de vangarda, e acompañouno dalgúns compases de ‘Le vrai Mambo’ (‘O verdadeiro Mambo’). Painlevé materializou a súa paixón polos polbos na espléndida Amours da pieuvre (1965). Tamén neste caso a banda sonora foi un elemento fundamental que correu a cargo de Pierre Henry, un dos creadores da chamada ‘música concreta’ e pioneiro da música electroacústica.

En 1928, tras máis de medio século dunha traxectoria na que filmou dous centos de curtametraxes11 (entre as que se incluía ata unha ficción en animación titulada Barbe-Bleue, de 1936), Jean Painlevé realizou a súa última película: Les pigeons du square. Nela, o octoxenario creador rodéase dun grupo de nenos nun banco do parisiense parque de Square des Batignolles para ofrecerlles unha clase sobre as pombas. Con este proxecto despedíase invocando e reafirmando por última vez o espírito que impulsara durante toda a súa vida, o de crear a través do seu cine unha “escola sen muros”.

_____

1 A versión en castelán da obra, Su seguro servidor: Orson Welles, foi dirixida por Esteve Riambau, experto na obra de Welles, e protagonizada admirablemente polo gran Josep María Pou

2 O nome completo do escritor irlandés Bernard Shaw, Premio Nobel de literatura en 1925, era George Bernard Shaw

3 Painlevé aproveitou o enorme éxito do seu filme L’hippocampe, ou ‘Cheval marin’ (1934) para lanzar unha liña de xoiería con motivos de cabaliños de mar. A colección, que incluía brazaletes, colares, pins e pendentes, chamábase JHP (Jean Hippocampe Painlevé) e foi deseñada en realidade pola súa parella sentimental, Geneviève Hamon.

4 Berg, Brigitte. “Maverick Filmmaker Jean Painlevé”, Journal of Film Preservation nº 69, maio de 2005

5 Ídem

6 Íbidem

7 A pastime for helots, a diversion for uneducated, wretched, worn-out creatures who are consumed by their worries (. . .) A spectacle which requires no concentration and presupposes no intelligence”, en Duhamel, Georges. Scènes de la vie future, Paris, 1930, p. 52.

8 «Traiteur en chef de fourmi »

9 Berg, Brigitte. “Maverick Filmmaker Jean Painlevé”, Journal of Film Preservation nº 69, maio de 2005

10 Boxer, Sarah. “The Slightly Surreal Scientist Who Knew Nature’s Odd Side.” The New York Times. 13 Dec. 2002: N.Y. Times Online, 20 Mar. 2007.

11 A distribuidora The Criterion Collection editou o pasado ano un pack de tres dvd’s que inclúe vinte e tres obras de Painlevé cunha duración total de 315 minutos. Esta edición especial recibiu o nome de Science Is Fiction: 23 Films by Jean Painlevé.

Comments are closed.