‘HAI UNHA GRAN DEMANDA PARA ATOPAR O SOCIO AXEITADO PARA O PROXECTO AXEITADO’. ENTREVISTA CON JO MÜHLBERGER, PRODUCERS ON THE MOVE

TIFF 2011 September 8

Press here to read the English Version

Como xorden as coproducións? Onde se coñece toda esa xente-que-coñece-xente? Ninguén nace aprendido, polo que a European Film Promotion (EFP) organiza cada ano no Festival de Cannes unha xuntanza de produtores de tódolos países do continente para que compartan tempo, ideas e proxectos. Este programa chámase PRODUCERS ON THE MOVE, e nel está a xénese de filmes como Force Majeure (Ruben Östlund, 2014), a gañadora do premio do xurado da sección Un Certain Regard na última edición do Festival de Cannes, ou Every Thing Will Be Fine, o último traballo dirixido por Wim Wenders, que arestora se atopa en fase de post-produción. O director deste proxecto, Jo Mühlberger, fálanos nesta entrevista do traballo previo que hai detrás de moitas coproducións internacionais.

Cal é o obxectivo dun evento como PRODUCERS ON THE MOVE?

A nosa idea é servir de guía e apoio para aqueles productores europeos que veñen a Cannes a facer contactos e adicarse á promoción. A EFP ofrécelles un entorno de traballo axustado ás súas necesidades que inclúe sesións de pitching e reunións individuais, ademais de facer promoción do seu traballo a través da publicación dos seus perfís na prensa internacional do sector. Deste xeito, axudamos aos produtores a atopar socios para os seus proxectos, reforzando as oportunidades de facer contactos e ofrecéndolles unha plataforma na que damos a coñecer o seu potencial.

Que caste de produtores participan en PRODUCERS ON THE MOVE?

A flexibilidade e intereses dos nosos participantes abrangue moitos campos a un tempo. Ao comezo, o proxecto estaba enfocado a produtores de longametraxes de ficción, mais estamos vendo un cambio nos filmes que producen: hai quen está a facer tamén documentários e filmes de animación, e hai xente moi activa na produción televisiva. Iso si, tódolos participantes adoitan estar nunha fase semellante da súa carreira: a maioría ten bastante experiencia na produción de longametraxes, acadou unha posición relevante no seu mercado doméstico e traballou cando menos nunha coprodución internacional. Con este perfil, os produtores están no intre axeitado para aproveitar as vantaxes de seguir traballando a nivel internacional cunha rede de contactos que vai alén das súas fronteiras estatais.

Que adoita funcionar mellor, as clásicas sesións de pitching ou as reunións individuais a xeito de citas rápidas?

Unha combinación das dúas. Dunha banda, a mesa redonda introdutoria serve de presentación para os participantes e os seus proxectos, e tamén axuda a que cada un estableza un perfil determinado en relación ao grupo e aos outros produtores. Doutra banda, as reunións individuais, ao xeito de citas rápidas (speed dating), é o que finalmente permite o contacto entre os produtores, porque o feito de pasar dous días seguidos no mesmo cuarto non garante que vaian falar automaticamente os uns cos outros cara a cara. Niso consisten as citas rápidas, que supoñen un bo punto de partida para os contactos e debates posteriores.

Mesa Redonda Introductoria (Producers on the Move, 2014)

Mesa Redonda Introductoria (Producers on the Move, 2014)

Reunións Individuais a xeito de Citas Rápidas (Producers on the Move 2014)

Reunións Individuais (Producers on the Move 2014)

Que caste de sinerxías se poden establecer neste encontro?

A principal sería o establecemento de coproducións europeas: este ano, por exemplo, a gañadora do premio do xurado da sección Un Certain Regard, Force Majeure (Ruben Östlund, 2014), é unha coprodución entre Suecia, Francia, Dinamarca e Noruega (entroutros países) que xurdiu no PRODUCERS ON THE MOVE de 2009, cando o seu principal produtor, o sueco Erik Hemmendorf, coñeceu ao co-produtor noruegués Yngve Sæther. Pero hai moitas máis sinerxías alén do que chamamos networking. Ao contrario do que acontece nun mercado de coproduccións, o foco deste programa non está en proxectos concretos senón que afecta ao conxunto do traballo dos produtores participantes: se un produtor de xénero coincide no programa cun produtor de documentários, ambos poden trocar impresións e pedir consello mutuo, como cando un precisa información sobre produtoras ou contactos no país do outro.

Polo xeral, a maioría de participantes nunha mesma edición adoita manter o contacto alén dos días intensos que compartiron en Cannes, xa que o importante para un produtor é ampliar a súa rede profesional de contactos paneuropeos. Polo tanto, para medir o éxito e o impacto deste programa, cómpre ter en conta a cooperación entre os distintos participantes, o desenvolvemento de proxectos compartidos e as colaboracións en coproducións internacionais. Arestora, por exemplo, 51 dos produtores que participaron no programa entre 2011 e 2013 están traballando no desenvolvemento de 48 co-producións.

PRODUCERS ON THE MOVE naceu asociado ao Festival de Cannes. Podería celebrarse noutro lugar, noutro momento?

Cando decidimos crear este evento no ano 2000 foi porque daquela non había demasiadas actividades semellantes en Cannes. Poderíamos celebralo noutro festival, abofé, mais preferimos mantelo neste porque nos parece que é un entorno perfecto debido á elevada asistencia de profesionais de tódalas áreas que hai nel: moitos dos nosos participantes veñen a Cannes para participar noutros programas, como o Producers Network do Marché du Film, e logo aproveitan tódalas oportunidades que ofrece o festival para reunirse cuns e con outros. Este é o motivo polo que os festivais son unha boa plataforma, mesmo un bo socio, para organizar esta caste de eventos, xa que nos permite aproveitar as súas estruturas para atraer a xente experta e valiosa ás nosas sesións. A experiencia sería completamente diferente se creásemos un evento único.

Presentación de 'Force Majeur' (Ruben Östlund, 2014) como Caso de Estudo (Producers on the Move 2014)

Presentación de ‘Force Majeur’ (Ruben Östlund, 2014) como Caso de Estudo (Producers on the Move 2014)

A xulgar polos anos anteriores, como é a situación da produción cinematográfica europea?

Hai unha gran demanda para atopar o socio axeitado para o proxecto axeitado, como amosa a gran variedade de eventos que hai adicados aos produtores, dende os mercados de coprodución até os programas de formación. Un dos elementos máis importantes dunha coprodución exitosa é a confianza que se establece na cooperación entre os socios, polo que hai unha necesidade moi alta de coñecerse en persoa. Cada vez é máis difícil financiar proxectos, polo que os socios internacionais poden axudar a reunir o orzamento necesario para producir un filme. Ao mesmo tempo, estes contactos tamén poden axudar a que o filme atope distribución fóra do seu mercado.

Detectades moitas diferencias entre uns países e outros á hora de artellar coproducións?

Por motivos económicos, os produtores de países pequenos están máis afeitos a facer coproducións cos seus veciños, mais tamén hai países meirandes que adoitan establecer coproducións con determinados países máis a miúdo que con outros. Pode ser por motivos culturais, mais tamén porque as súas estruturas profesionais fomentan esta caste de asociacións.

Hai algunha estratexia común que se podería adoptar para paliar as actuais dificuldades da produción cinematográfica?

Non hai unha solución clara para iso: o traballo vai seguir sendo difícil. Iso si, unha idea podería ser mellorar os estudos sobre a recepción do público e o seu comportamento, e non o digo no sentido de producir somentes para a maioría, senón de procurar distintos canais de distribución para chegar até os distintos grupos de espectadores interesados no cinema europeo. A boa nova, en todo caso, é que hai unha demanda crecente de contidos por parte dun público potencial que está a sinalar distintas oportunidades de consumo. 

Press here to read the English Version

Comments are closed.