DESEXAR O IMPOSIBLE – O CINE DE JOÃO PEDRO RODRIGUES

Seguir falando de queer cinema á hora de referirse a João Pedro Rodrigues é, canto menos, inxusto e reducionista. Ao longo da súa curta pero intensa filmografía conseguiu afastarse de todos eses tópicos e demostrou coherencia cara si mesmo e a súa obra. Polo tanto, desde un principio imos obviar as típicas influencias atribuíbles ao seu cine (Warhol, Fassbinder, Sirk) e as comparacións odiosas (por moito que nos seduza o paralelismo musical que fai Johnny Ray Houston no seu artigo Double ‘O’ Heaven: The Vertigo Pop and Phantom Desires of João Pedro Rodrigues, no que afirma que “si Hable con ella (2002) é o ‘Girlfriend in a coma’ de Almodóvar, Odete (2005) é Rodrigues pedíndonos que nos atopemos con el nas ‘Cemetery Gates’” .)

A materia prima das súas películas é, sen dúbida, o Desexo nas súas diferentes vertentes. En O Fantasma (2000), trátase de sentir o outro, de alcanzalo a calquera prezo. Sérgio, o seu protagonista, é un animal nocturno que traballa no servizo de recollida de lixos. Unha noite queda hipnotizado por un mozo sobre o que concentrará todas as súas fantasías. A partir de aquí, empeza a sentilo a través de fetiches, obxectos roubados que lle pertencen ou estiveron en contacto coa súa pel (as luvas, o bañador, a moto). Nada no auga da mesma piscina para sentilo dentro. Cóase na súa casa e ouriña sobre a cama, como para marcar o seu territorio. Finalmente, a carne do ser desexado é maltratada ante a imposibilidade de posuílo por completo, a súa bela faciana mazada e o seu corpo abandonado nunha ruela escura, o que conduce a Sérgio a un punto de non retorno e condénao a unha existencia fantasmagórica. Enfundado no seu traxe de coiro negro, retírase ao escampado onde se acumula todo o lixo, o perfecto non-lugar para a súa non-existencia.

En Odete, o desexo dos dous protagonistas está relacionado, en ámbolos casos, cunha persoa que xa non existe, á que xa que logo, é imposible amar. Pedro, o mozo de Rui, falece nos seus brazos tras un accidente automobilístico. Rui dedícase, a partir de entón, a buscalo sen éxito noutros homes. A súa pantasma apareceráselle neles. Polo outro lado, a presentación de Odete, cal Madeleine levitando nos seus patíns, arroupada polos violíns, enmarcada polos andeis do supermercado e destacada do resto da xente por un travelling de acompañamento, anticipa a idea da muller pantasma. O espectro de Pedro habitará nela en forma de embarazo psicolóxico e, progresivamente, a presenza do morto dentro do seu ventre irá cobrando maior protagonismo, chegando Odete a vampirizar a existencia de Pedro para terminar converténdose nel.

O principal anhelo de Tónia, a protagonista de Morrer como um homem (2009), é ser amada. E este pasa directamente por comprender e reconciliarse coa súa identidade sexual. Unha dragqueen en decadencia desposuída de calquera mínimo indicio de glamour e á que en ningunha ocasión vemos sobre o escenario, que nunca se decidiu a someterse a unha operación de cambio de sexo completa e que, sentíndose ao final da súa vida, debe decidir entre morrer como home ou como a muller que sempre foi. Fantasea coa posibilidade de, algún día, alcanzar aos seus dous seres queridos, e envorca todo ese agarimo non correspondido no seu pequeno terrier escocés, Agustina. O seu fillo, cheo de rancor homófobo cara unha nai que non acepta como tal, e Rósario, o mozo ionki que a humilla constantemente e a acusa de non ser “nin carne nin peixe, nada”, alimentan un desprezo que Tónia transforma en amor puro, incapaz de comprender que só aceptándose ela mesma será aceptada polos demais. Finalmente, conseguirá reconciliarse co estraño que habita no seu interior e aceptar definitivamente a súa identidade flutuante.

Podemos dicir entón que os suxeitos das súas películas están atrapados nunha viaxe infinita á conquista do pracer, un carreiro eterno que vai do que son cara ao que ansían ser, materializado a través de guindastres e sinuosos travellings. Pero dalgún xeito, todos eles conseguen chegar a un estadio de satisfacción: Sérgio consegue transcender a carne e converterse nunha pantasma, o espírito de Pedro introdúcese no corpo de Odete para que esta e Rui poidan saciar as súas fantasías e Tónia consegue finalmente desdobrarse e reconciliarse coa súa identidade sexual.


A abundante presenza de espellos reforza tamén esta idea dos anhelos e ambicións, proxectando unha imaxe fronte aos personaxes, imaxe que eles mesmos son os encargados de xulgar. A contemplación do propio corpo failles ser conscientes de quen son e que ou a quen queren conseguir. Tónia autoincúlpase pola súa carencia de amor, Sérgio e Odete, en cambio, -e quizais debido a que son bastante máis novos- habitan unha moralidade máis lixeira, máis sometida ao pracer inmediato e fugaz.

Sérgio enfeitizado polo pracer da carne
Sérgio enfeitizado polo pracer da carne
Odete viste a roupa de Pedro para convertirse nel

Tónia debe decidir quen quere ser
Tónia debe decidir quen quere ser

Do mesmo xeito que os personaxes das súas películas, Rodrigues vai depurando o seu estilo, avanzando na súa propia procura persoal. En tan só tres películas pode apreciarse unha evolución clara: se O fantasma é unha película concisa e centrada no corpo e a carne, Morrer como um homem é un filme máis adulto, máis calculado, no que a cámara toma aínda maior consciencia sobre si mesma e un importante grao de autonomía. Podemos tomar de exemplo o elaboradísimo plano secuencia que pecha a película, onde a mirada circula dende a pantasma de Tónia-muller cantando no alto do cemiterio, pasea polos cadaleitos de Tónia-home e Rósario e os amigos que asisten ao seu funeral, para chegar a unha vista xeral da cidade. Acto de amor último dos personaxes entre si e de Rodrigues cara a eles.

Permítese tamén o luxo de xogar a transgredir os xéneros cinematográficos, incluíndo escenas que perfectamente poderiamos identificar como típicas dun filme bélico, musical, fantástico ou mudo-“primitivo”. É habitual nas súas películas a irrupción dalgún tipo de elemento sobrenatural (os gamusinos, as aparicións fantasmagóricas), o cal rompe calquera expectativa do espectador e dilúe a estreita fronteira entre o mundo real e o imaxinario. Diferentes formas de intrusión teñen lugar nos corpos dos personaxes, posuíndoos: o hipotético feto en Odete, a identidade confusa de Tónia e o coiro que invade a pel de Sérgio. Nas súas tres longametraxes envía aos seus protagonistas a un cemiterio -ben sexa de cadáveres ou de lixos-, lugar misterioso e prohibido para os vivos, onde calquera cousa pode ocorrer.

A estraña beleza no grotesco é en cada película máis palpable.

Ler e descargar a versión orixinal deste artigo en asturianu


(1) RAY HUSTON, Johnny: Double ‘O’ Heaven: The Vertigo Pop and Phantom Desires of João Pedro Rodrigues, Cinemascope, n.º 25.

Comments are closed.