La Gomera, de Corneliu Porumboiu

A nova película de Corneliu Porumboiu foi unha das, múltiples, afectadas pola crise da COVID-19. Ante un panorama de estreas que se tivo que reinventar e recalcular no 2020, este 2021 tráenos o filme La Gomera (2019), a incursión no cinema negro dun dos referentes do Novo Cinema Romanés. Unha aposta forte para recuperar as salas de cinema e a tradición de mergullarnos nas historias da grande pantalla branca. Nesta ocasión, Porumboiu abandona ese retrato social tan presente nas súas obras anteriores para asinar unha película de factura moi comercial pero sen perder os trazos autorais que o definen.

Cristi é un dos policías que investigan á mafia en Bucarest… pero tamén é un topo da mafia. Xogando ás dúas bandas, Cristi vai poñendo paus nas rodas da investigación que intenta localizar os 30 millóns de euros que Zsolt, un dos membros da mafia, agochou nalgures. Con todo, a súa actuación errática e sospeitosa provocará que a súa xefa, Madga, comece a vixiar todos os movementos de Cristi. Só queda unha alternativa para seguir traballando coa mafia sen ser detectado, aprender unha lingua que a policía non coñeza: o silbo gomero.

La Gomera divídese en diferentes episodios que veñen precedidos dunhas cartelas en cor pastel que lembran a un cinema máis próximo a Wes Anderson que á obra de Porumboiu. Así, asistimos de forma desestruturada, que non desordenada, á detención de Zsolt, a viaxe a La Gomera de Cristi e a aprendizaxe desta nova lingua, e ao desenvolvemento desta carreira por localizar os cartos. Todo envolto nunha atmosfera do cinema negro máis clásico onde non faltan as tradicionais personaxes como a femme fatale, neste caso personificada en Gilda, parella de Zsolt, e motor da historia en moitas ocasións.

Quizais é este recurso do cinema noir máis tradicional o que peor lle senta a un director que xa ten traballado nestes rexistros, cómpre non esquecer a memorable Politist, adjectiv (2009), pero con métodos radicalmente diferentes. Fáltalle a La Gomera ese retrato social que Porumboiu tan ben sabe traballar; ese retrato dunha clase social que aínda sinte o peso da herdanza soviética na pel. E, sobre todo, bótase de menos ese patetismo cómico que outras veces creaba un maior vínculo empático coas personaxes. Aquí estamos ante os arquetípicos “policía corrupto pero honrado”, “a femme fatale sensible”, ou “o vilán sen piedade que dá discursos grandilocuentes”. Personaxes que, ao fin e ao cabo, xa vimos unha e outra vez en todos os grandes títulos do cinema negro pero que, por sorte, están acompañadas doutras sorprendentes, como a implacable xefa da policía Magda que, no medio do tiroteo máis testosterónico do filme, remata a persecución cun simple asubío e un certeiro disparo.

Con todo, La Gomera non é un filme menor. Trátase da aposta dun cineasta, referente na corrente do Novo Cinema Romanés, por facer algo diferente aos seus anteriores traballos: unha obra con todos os signos do mainstream e nun xénero como é o cinema negro. Unha aposta que funciona e que mantén ao espectador enganchado e interesado por unha historia ben narrada, e onde, aínda que abunden fórmulas xa coñecidas, segue a rezumar o talento dun cineasta referente. Sen caer en vicios como a autorificación sen medida, si que cómpre recoñecer que, aínda con esas “grallas” que sinalamos, Porumboiu é sempre unha aposta segura á hora de ver cinema.

Comments are closed.