LA MORT DE LOUIS XIV, de Albert Serra

the_death_of_louis_xiv-672041369-large

“Nos meus filmes gústame deixar aos espectadores con ganas de menos”. Con esta frase o sempre ‘rebelde’ Albert Serra (Banyoles, 1975) describía a duración e o ritmo do seu último filme, La mort de Louis XIV (2016). E é que a última cinta do director catalán efectivamente regodéase nunha rutina mortuoria que esperta no vidente bostezos e continuas miradas ao reloxo. Porén, esta pausada forma de contar a morte dun dos símbolos das monarquías históricas non é contraproducente, senón que é o efecto buscado polo director. Como xa ten explicado en varias ocasións, a idea central deste filme era amosar a banalidade da morte nun símbolo como foi o chamado ‘Rei Sol’. Fronte a esas representacións da morte tan habituais no cinema onde os últimos momentos son empregados en dar discursos grandilocuentes e deixar leccións de vida escritas na memoria daqueles que rodean a cama do que xace ás portas da morte, Serra amosa unha repetición constante, unha morte que, se ben está presente desde o primeiro plano do filme, non chega de forma súbita.

O filme avanza paseniño, moito, como debe facelo. E é que só a través deste pesado e lentísimo ritmo poderemos chegar a sentir o que as personaxes na secuencia experimentan. Un rito funerario que non dá comezado, unha agonía eterna cuxos berros son silencios eternos. As conversas repítense unha e outra vez, todas arredor do mesmo protagonista: Louis XIV, marabillosamente interpretado polo que outrora fora actor fetiche para a Nouvelle Vague Jean Pierre Leaud. Postrado na súa cama ao longo de todo o filme, o seu diálogo é mínimo, permitindo que sexa a través da inacción, a través desa quietude de quen agarda á morte, onde o actor descarga a forza dramática.

La mort de Louis XIV reflexiona sobre si mesma e sobre a identidade do seu protagonista. A enfermidade que ameaza coa morte ao ‘Rei Sol’ comeza cunha pequena gangrena na perna do monarca. A solución máis doada? A amputación. Pero, que podería o absolutismo monárquico seguir sendo férreo mentres camiña sobre un dos seus pes? Pode un nunha posición de forza amosar algún tipo de debilidade, aínda que disto dependa a vida? En que momento a representación convértese na identidade do suxeito?

Como se quixera facer unha reflexión que vai alén da enfermidade e morte do rei, o filme estende estas cuestións ao longo de todo o filme. Pode un monarca ser monarca sen un séquito absurdo e inútil detrás? Pode un imperio, coma o francés, seguir sendo imperio a pesar de que as súas extremidades, as colonias, se queiran independizar?

Nun intre do filme, a cámara amósanos ao rei escollendo entre un gran arquivo certos documentos que, acto seguido, queima nun cinceiro. O carácter destes papeis nunca os coñeceremos, así como tampouco chegaremos a coñecer porque un rei temido e respetado dille a seu herdeiro que tenda a rama de oliva aos seus veciños e que non ame a guerra. Pequenas escenas que poboan o filme e que a fan máis realista e verídica que calquera outra representación que se poidese ter feito do rei antes. A vida non resposta a preguntas, simplemente ocorre. Por iso, Serra opta por non darlle todo ao espectador, senón poñelo fronte a un escenario onde ocorren cousas porque si. Nen todo ten que significar algo nin ten que responder a algunha razón oculta. Unha representación que axuda a banalizar a divinidade dalgunhas realezas e que debuxa a estes monarcas como persoas sinxelas.

553445

A habilidade de Albert Serra destaca neste filme pola forma que ten de gravalo. Apoiado por tres cámaras, que permanece agochadas para os actores en escena, Serra filma a habitación de Louis XIV facendo fincapé nos movementos, escasos, dos actores. Movementos repetitivos e que non levan a ningures, reforzando así a idea do absurdo da morte. Ademais, esta disposición das cámaras permítelle capturar a un Jean Pierre Leaud que ten que trocar a súa actuación, orientada cara ao obxectivo da cámara, cara un xeito performativo onde o espazo é o dispositivo. Leaud non actúa para que sexa a cámara a que grave/grabe, senón para que sexa o espazo, o tempo, o receptor das súas accións. Así, podemos afirmar que o actor francés non interpreta a Louis XIV: Leaud é Louis XIV.

En termos de montaxe cómpre destacar a continuidade espacio-temporal que Serra logra anulando a presencia de luz natural do escenario. A inexistencia de xanelas permite ao filme moverse a saltos entre días diferentes sen que para o ollo sexa posible localizar onde está o corte ou a transición. O espectador sofre esa pérdida das dimensións que Louis XIV vive. De súpeto, o médico volve a comprobar o estado da enfermidade do rei, pero, canto pasou desde que viu por primeira vez? En cantos días transcorre o filme? A eternidade vaise facendo maior coa concatenación de diferentes secuencias de forma imperceptible e grazas tamén a unha soberbia solapación sonora de secuencias pasadas e futuras, o que axuda a lograr unha maior confusión no espectador que, estando nun día futuro, aínda pode escoitar os ecos do pasado.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario