La vida de los demás, de Mohammad Rasoulof

La vida de los demás, de Mohammad Rasoulof

“Isto é Irán. Aquí non hai lei, só diñeiro e nepotismo. Dinche que apartes o tallo e falo, ou serás ti e o teu mellor amigo apartará o tallo dos teus pés”. Reflexións tan explícitas como estas nos filmes de Mohammad Rasoulof valéronlle ao director iraniano sucesivas condenas dos tribunais da república islámica. No seu último traballo, La vida de los demás (There Is No Evil), que se estrea nas salas españolas este venres 25 de xuño, o cineasta realiza unha contundente denuncia da pena de morte a través de catro relatos independentes entre si agás pola súa vinculación coa execución capital como fío condutor. O filme foi distinguido co Oso de Ouro na última edición da Berlinale (podes ler a nosa crónica aquí), mais Rasoulof non puido acudir á cita por estarlle prohibida a saída do país desde o ano 2017.

Resulta inevitábel, pois, relacionar o narrado no filme coa propia situación do autor baixo o réxime dos aiatolás, máis aínda cando ao comezo da cinta se nos informa de que na actualidade Rasoulof cumpre unha nova condena en situación de arresto domiciliario, como medida excepcional derivada da pandemia, polo que as autoridades consideran propaganda. Ademais, as catro historias que compoñen o filme están ambientadas no Irán actual. Porén, as cuestións que se expoñen e debaten nelas, como o conflito entre a lei e a moral ou a banalidade do mal, son atemporais e universais pola súa propia natureza e permiten realizar unha lectura xeral alén do contexto particular no que se desenvolven. Resulta significativo, ademais, que o cineasta mostre en todos os casos o punto de vista dos verdugos e non o das vítimas, o que lle outorga ao filme un carácter moito máis político, practicamente de exhortación á desobediencia civil, que de mera denuncia moral do sufrimento do condenado a morte. 

O primeiro dos episodios, quizais o que mellor e máis sutilmente condensa o espírito do filme, amósanos un día na vida dun cidadán iraniano corrente, ao que vemos realizar unha serie de actividades cotiás, como recoller á súa muller no traballo e á súa filla na escola, ir con elas ao supermercado ou visitar a súa nai anciá e axudarlle nas tarefas do fogar. Todas estas accións preséntansenos devagar, con planos bastante longos e un certo pouso documental que reforza o dramatismo dun desenlace abrupto no que se nos revela un terríbel segredo. Por outra banda, a segunda das historias céntrase na experiencia dun mozo que está realizando o servizo militar e agarda con ansiedade que as xestións que estivo realizando para conseguir un traslado frutifiquen antes de ser obrigado a intervir nunha execución. Resultan fundamentais neste episodio as discusións sobre a cuestión entre o protagonista e os outros recrutas cos que comparte cuarto, xa que cada un deles encarna un punto de vista diferente sobre o asunto: a visión de quen se sinte incapaz de executar a alguén, a de quen considera que se trata dun simple deber que ten que ser cumprido, a do pragmático que opina que non hai mellor solución que acatar a orde por pura conveniencia, a do escarmentado que xa se negou e sufriu as consecuencias, a do sacrificado que pensa no benestar dos seus antes que no seu propio, etc.

Os outros dous episodios recuperan o mesmo tema do servizo militar, mais desde outros prismas. No primeiro deles preséntasenos a historia de Javad, un rapaz que aproveita tres días de permiso para saír do cuartel e visitar a súa moza, Nana. Fóra do cuartel, el, que nunca se interesara pola política e mesmo desconfiaba dos activistas, descobre un segredo relacionado coa familia da súa moza, comeza a reflexionar sobre o asunto e vese confrontado con opinións como a da nai de Nana, que parafrasea a Camus para dicirlle: “O teu poder radica en dicir non”. A partir de aí, a historia irá evolucionando até adquirir características de traxedia grega. O derradeiro episodio céntrase precisamente nas consecuencias persoais de rebelarse e dicir non, personificadas nun home que acolle á súa sobriña por uns días co propósito de revelarlle unha verdade incómoda que non sabe como contarlle, pois pode alterar a súa vida por completo.

La vida de los demás, de Mohammad Rasoulof

Como se pode deducir destes argumentos, o suspense é un factor clave que Rasoulof alimenta e dosifica de maneira moi calculada, quer proporcionando pistas pouco a pouco ao espectador, quer desviando a atención con elementos secundarios, para reforzar o impacto da súa mensaxe de denuncia da pena capital, sempre presente no cerne dos conflitos persoais que expón. Tamén emprega neste sentido a construción dos planos nos diferentes espazos nos que se ambientan as historias. Así, nalgúns momentos de calma ou alegría en contextos naturais, o cineasta acentúa a maxestade das fermosas paisaxes iranianas con grandes planos xerais e moita luz natural, mentres que os espazos da prisión ou do cuartel tenden a ser sempre moi lúgubres, con escasas luces artificiais alumeando intermitentemente e dominados pola simetría, especialmente no caso dos longos corredores polos que desfilan os verdugos e os condenados.

Outro aspecto fundamental do filme é que, malia a contundente denuncia que realiza, mesmo con chamamentos explícitos á desobediencia civil, non adopta un enfoque maniqueo nin simplista á hora de retratar os verdugos. Deste xeito, amósasenos, por exemplo, como un executor pode ser ao mesmo tempo un veciño amábel que axuda a uns nenos a rescatar o seu gato, pondo de manifesto que non se trata dun monstro sedento de sangue, senón dun simple funcionario que cumpre obedientemente co seu cometido, sexa cal sexa. Na mesma liña, o cineasta fai sempre fincapé nas diferentes situacións e motivos que poden levar a alguén no momento decisivo a aceptar o papel que lle tocou na cadea represiva ou a rebelarse contra el, así como nas dificultades e no alto prezo a pagar por cada unha das escollas: os remorsos ou a morte civil, que impide conseguir un pasaporte, un carné de conducir ou un emprego co que poder subsistir. Existe, pois, unha vontade de comprender e mesmo unha certa empatía cos executores, cando menos con aqueles que cuestionan o seu papel. Isto exemplifícase moi ben nunha secuencia, moi semellante á que constrúe Berlanga en El Verdugo, na que un deles acompaña o condenado polos corredores do cárcere, guiados ambos por un garda máis experimentado, e é o verdugo quen non consegue camiñar, de tan agoniado que vai pola penosa tarefa que lle foi encomendada. 

En definitiva, os catro episodios que compoñen La vida de los demás coinciden en presentar cidadáns correntes que desenvolven a súa vida na República Islámica de Irán representando diferentes roles dentro da engrenaxe dun sistema que non pode funcionar sen eles, como pezas esenciais da súa maquinaria. En función da súa posición, vense no dilema de asumir o seu papel, colaborando como brazo executor do Estado, ou declararse á marxe a risco de non poder desenvolver unha vida normal. Rasoulof pon o foco precisamente nese vello conflito entre a lei e a moral, o deber e a conciencia, e realiza unha nova variación dun tema universal que transcende tempos e fronteiras.

La vida de los demás, de Mohammad Rasoulof

Comments are closed.