LA VIDA LLIURE, de Marc Recha

La-vida-lliure-2017

“Lémbrome del como se fose onte, a arrastrar os pasos até a porta da hospedaría, e do cofre que o seguía nunha carreta; alto, forte e pesado, era un home acastañado; o cabelo oleoso caíalle nos ombros do abrigo azul sucio; as mans encalecidas e cubertas de cicatrices, as unllas negras e rachadas, e a marca do golpe de sabre a través do rostro era dun branco sucio e lívido”. Así rememora Jim Hawkins o momento en que a súa vida se cruzou por vez primeira coa de Billy Bones. Xunto co pirata, o mozo é parte do combinado literario da clásica novela Treasure Island, do autor británico Robert Louis Stevenson. O pirata, o protagonista novo e inexperto, o tesouro agochado, o cadáver, os inimigos… Todos estes elementos xuntos, característicos da novela de aventuras canónica, son usados por Marc Recha, que toma a liberdade de reproducilos e reinterpretalos na súa nova obra, La vida llirure (2017).

Como a meirande parte dos tropos narrativos, os lugares comúns como as historias de piratas non só permiten ao público un refuxio nos torrentes e meandros previsíbeis do conto, senón que ofrecen tamén unha base firme sobre a que reinventar e construír. Após dos seus filmes Petit indi (2009) e Un dia perfecte per volar (2015), onde experimenta con outros xéneros como o western ou os relatos de fábula ou fantasía, Recha toma o turno de palabra en La vida lliure nun diálogo ficticio que establece con Josep Pla.

O grande prosista catalán inflúe co seu estilo claro e preciso sobre esta película. Destaca principalmente a pegada da súa obra Aiuga de mar (1966), un conxunto de narracións breves de temática mariñeira, cunha alta carga autobiográfica da súa mocidade. Cunha vontade consciente por evitar filigranas estilísticas e retóricas fútiles, Pla traballa unha arte literaria baseada na observación atenta da realidade.

Emulando esta sinxeleza do autor, Recha dirixe –a partires duns recursos mínimos, tanto estilísticos como técnicos– unha película de acción sen acción, un espazo de formas puras nos que Tina (Mariona Gomila) e Biel (Macià Arguimbau) son personaxes centrais. “La vida lliure comeceina sen diñeiro, eu só co meu fillo, en Menorca. E, pouco a pouco, foise sumando o resto do equipo, igual que os cartos e as axudas para a produción”, comenta o director (nunha entrevista a RTVE), quen tamén recoñece a influencia innegábel de Moonfleet (1955), filme de aventuras protagonizado tamén por crianzas.

1519758059168

Na película, Tina e Biel son dous irmáns menorquinos que, no ano 1915, viven co seu tío (Miquel Gelabert) mentres a súa nai traballa en Arxelia. A súa rutina afastada dos grandes eventos que sacoden Europa nese intre –a Primeira Guerra Mundial– vese alterada coa chegada de Rom (Sergi López), un forasteiro que comeza a vivir nunha cabana de mariñeiros próxima a eles. Os irmáns axiña comezarán unha relación con esta misteriosa personaxe que vixía de preto a opulenta embarcación que fondea a costa. Rom non só abrirá novas portas ás crianzas, senón que será unha fonte de conflitos e enigmas ante a descuberta dun tesouro atopado polos irmáns.

A perda da inocencia e a natureza son elementos centrais nesta narración intimista que presenta Marc Recha e para a que se precisa certa disposición da persoa espectadora. Cunha formulación sen grandes alardes, o director logra crear unha atmosfera natural e infantil que non cae en paraxes bucólicas ou relatos simplistas, senón que capa tras capa consegue un hummus de historias que remiten ás tardes de verán, aos xogos e ensoñacións das idades mais tenras. La vida lliure incita a imaxinación e presenta, para quen queira peneirar, historias paralelas de traizón, pobreza e guerra.

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.