LABO, DOS MECANISMOS DA MEMORIA

edens edge

Labo é unha sección ben interesante en Clermont-Ferrand. Entrar a ela supón entregarse ao descoñecido. No afán integrador do festival, un pode atoparse con performances filmadas, animacións abstractas, pezas de vídeo-arte, ficcións que pulverizan a idea tradicional da narrativa fílmica, ou documentais que botan por terra a veracidade que se lles presupón. Sobre a capacidade destes como grande arquivo da memoria pareceu orbitar boa parte da programación deste ano, comezando pola gañadora da sección, Eden’s Edge (Gerhard Tremi, Leo Calice, 2014). Non é estraño que nos atopemos con cruzamentos entre a animación, o documental e a vídeo-arte en Labo, habitualmente con trasfondo político. Esta curta é todo iso, e reúne boa parte das características desta tendencia filodocumental; polo que, atendendo a unha lectura da sección, pode dicirse que o xurado premiou unha película moi representativa de Clermont 2016. Nela, varios planos cenitais do deserto californiano, trucados por animación por ordenador, nos que certas figuras realizan unha tarefa concreta, sempre ligada á paisaxe. Cada plano ou capítulo é unha narración dun poboador desa paraxe. E cada marca na terra, un signo político das pegadas do ser humano na paisaxe.

Cun espírito similar de denuncia, The Atom Station (Nick Jordan, 2015) mestura tamén unha recolección de relatos, neste caso sobre a industrialización extrema de Islandia; mentres os contrapón a imaxes da paisaxe espectacular do país, feridas pola presenza de elementos antinaturais. A industria tratada coma un OVNI.

A voz como arquivo, outra das constantes desta tendencia. É The Pride of Strathmoor (Einar Baldvin, 2014), unha animación de corte expresionista alemán sobre un predicador branco que relata a súa angustia fronte aos personaxes negros cos que se atopa, na Georgia dos anos 1920, un documental? Para min, sen dúbida. A narración oral está tomada dos diarios dun pastor real. Os debuxos non son máis que unha representación en clave introspectiva dese diario. Non falamos logo de documento?

Mais o documento non implica sempre verdade. O cinema de reapropiación sábeo, é unha das súas intencións históricas, darlle novos significados ás imaxes, xogando coa natureza connotativa destas. Christoph Girardet faino moi ben en Syntheses (2015), un filme que me parece algo superfluo dentro da súa carreira, mais ao que non se lle pode negar mestría na montaxe. Con imaxes de células reproducíndose en laboratorios, crea unha translación do libro da Xénese bíblico, que non vai alén da ilustración, pero si contrapón ciencia e relixión mediante o choque voz-imaxe.

As imaxes tampouco son o que parecen en Hotaru (William Laboury, 2015), unha verdadeira ciencia-ficción, na que sen embargo o arquivo xoga un papel esencial. Unha nena é enviada ao espacio conectada a un dispositivo que transmite ondas coa súa localización. Ela carga os bens máis prezados da Terra, a nosa memoria en imaxes. Mais non é a memoria algo enganoso? Mediante a remontaxe do mesmo arquivo, e a mestura con outros – e moitas das imaxes son documentais, outras xeradas por ordenador – Hotaru pregúntase sobre a “montaxe” da Historia oficial da humanidade, sempre ligada a sentimentos de pertenza a unha comunidade, que dan lugar a narracións diversas, sempre connotadas. Unha pipa non sempre é unha pipa.

De símbolos controlan en Symbolic Threats (Matthias Wermke, Mischa Leinkauf, Lutz Henke, 2015), non sabemos se comedia ou filme de terror. Un colectivo artístico saca as cores ás bandeiras norteamericanas sobre a ponte de Brooklyn, deixándoas completamente brancas. O símbolo da paz. E o que había antes desta operación, que era, que simbolizaba? Documental de apropiación tamén, recolle as noticias difundidas polos medios deste evento e diversas reaccións en internet, compondo un retrato de como se entende a idea de nación en Norteamérica, que asusta e abraia. Aquí si hai verdade, outra cousa é como a interprete cada un.

Unha segunda tendencia clara en Labo foron as ficcións que non contan unha historia concreta, senón que se interesan máis por crear un ambiente. Se falamos dun cruzamento entre Andrei Tarkovski e Serguei Paradzhanov, o lector poderá situarse esteticamente en Kamakshi (Satindar Singh Bedi, 2015), preciosa fábula en branco e negro que ten un aquel tamén con O cabalo de Turín (A torinói ló, 2011) de Béla Tarr. Junilyn Has (Carlo Francisco Manatad, 2015) non deixa de ser un Apichatpong Weerasethakul urbano un tanto descafeinado, cun par de prostitutas novas que matan o tempo, adestrándose para o seu traballo nun club, sen que pase nada en realidade, alén da espera. Pola súa banda, Le Park (Randa Maroufi, 2015) entroncaba coa outra vertente documental, e recordábamos bastante o dispositivo de Nicolas Boone en Hillbrow (2014). Longos planos secuencia, tableaux vivants dun edificio ruinoso en Casablanca, con rapaces que levan a cabo distintas actividades nel. Unha violencia que aflora, nunha representación de forte carga política, nun antigo parque erguido sobre os xardíns da Liga Árabe. Volvemos aos trazos do home na paisaxe, chegamos a Eden’s Edge, e complétase o círculo.

__________

Crónica das seccións internacional e nacional de Clermont aquí.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario