A GALERÍA NO PAPEL. RESEÑA DE ‘LABORATÓRIO CINEMÁTICO. SOLAR, 10 ANOS’

33 Laboratório Cinematico. Solar, 10 Anos

Un libro, un obxecto, unha lembranza. A publicación Laboratório Cinemático. Solar, 10 Anos (Nuno Rodrigues & Daniel Ribas, eds., 2016) recolle un feixe de materiais que dan conta das actividades desenvolvidas durante a primeira década de existencia da Solar – Galería de Arte Cinemática de Vila do Conde. Este proxecto xurdiu a partir da sección ‘Work in Progress’ do festival Curtas Vila do Conde ante a necesidade de crear “un espazo de cuestionamento dos problemas entre a sala de cinema e a galería cinemática”, como explica Nuno Rodrigues, co-director do festival, no prólogo deste libro. A galería converteuse así nun lugar intermedio, no tempo e no espazo, onde se proxectan obras durante todo o ano sobre toda caste de superficies, sen recluír as imaxes exclusivamente en cubos brancos (white cubes) ou caixas negras (black boxes). Este espazo parte ademais dun vello edificio en ruínas –o Solar de São Roque, no centro histórico de Vila do Conde– onde o pasado axuda a potenciar o compoñente espectral das imaxes expostas.

O libro, xeneroso en ilustracións, arrecende a tinta; un aroma que pode evocar, por un momento, o cheiro a celuloide: abrir o libro é así como entrar na galería e atopar un proxector analóxico funcionando. Se cadra, por iso, a primeira sección do volume, titulada ‘Arquivos’, está adicada a documentar os traballos que empregaron o celuloide como soporte, como a exposición inaugural da galería, ‘Revisitations’ (2005), de Christophe Girardet e Matthias Müller, dous vellos coñecidos do Curtas Vila do Conde – Müller, por exemplo, gañara dez anos antes o Gran Premio da Competición Internacional co seu traballo Alpsee (1995). A segunda sección do libro, ‘Histórias’, agrupa pola súa banda aqueloutros traballos con maior compoñente narrativo; mentres que a terceira, ‘Intervenções’, supón un rexistro daquelas instalacións concibidas para interactuar co espazo urbano de Vila do Conde. A cuarta, ‘Construções Cinemáticas’, é por último un inventario daquelas exposicións que exploraron as posibilidades espaciais da galería a través de esculturas audiovisuais, proxeccións performativas e algúns trebellos insólitos, como o coche accidentado da instalación ‘Boy Meets Girl / Girl Meets Boy’ de João Louro, unha dobre referencia cinéfila a Boy Meets Girl (Leos Carax, 1984) e Crash (David Cronenberg, 1996).

Instalación 'Waterfall' (Apichatpong Weerasethakul, 2006)

Instalación ‘Waterfall’ (Apichatpong Weerasethakul, 2006)

Un libro, catro seccións, vintetrés exposicións e vintesete autores. Moitos materiais para pouco máis de duascentas páxinas. Por iso, a organización do volume en dúas partes, opostas e complementarias, resulta sen dúbida un acerto de deseño e de discurso: o primeiro bloque é unha escolma de textos, escritos con tinta negra sobre páxinas en branco; mentres que o segundo é un cartafol de imaxes a toda cor, impresas sobre fondo negro. Textos e imaxes, cubos brancos e caixas negras, para pasar páxinas adiante e atrás como quen pasea polos distintos espazos da galería.

Os textos adoptan formas moi diversas: moitos proceden das follas de sala, algúns están asinados polos propios creadores (Christophe Girardet, Matthias Müller, Gustav Deutsch, Peter Tscherkassky), e tamén hai un bo número de entrevistas (con Bill Morrison, Tsai Ming-liang, Ben Rivers & Ben Russell, Lois Patiño, André Cepeda, etc), algunhas declaracións (Filipa César) e mesmo un diálogo entre artistas (Miguel Palma & Pedro dos Reis). Boa parte destes autores contan xa cun recoñecido prestixio internacional, e algúns, como Tsai Ming-liang e Apichatpong Weerasethakul, construíron a súa carreira cun pé no cinema expandido e outro no cinema de ficción. Moitos son nomes habituais do Curtas Vila do Conde, onde teñen gañado premios antes ou despois das súas exposicións (Girardet, Müller, Tscherkassky, Rivers, Tsai), e algúns expuxeron aquí por primeira vez a súa obra nun espazo museístico, como Peter Tscherkassky coa exposición ‘Frame by Frame’ en 2006.

O cartafol de imaxes, tan lisas e brillantes que da xenio agarimalas, amosa case sempre as pezas expostas no contexto da galería. Cómpre salientar a instalación ‘It’s a Dream’ (Tsai Ming-liang, 2009), concibida para a exposición colectiva No Cinema: unha proxección dunha curtametraxe rodada polo cineasta no interior dun vello cinema malaio que os visitantes podían ver sentados nunhas cadeiras procedentes dese mesmo cinema. Outras imaxes presentes no libro que teñen un gran poder de fascinación son os vellos fotogramas queimados e borrosos de Bill Morrison incluídos na exposición colectiva ‘Film’ (2013), ou o rexistro da instalación efémera ‘T. D., Transmissão Directa do Relógio da Igreja Matriz de Vila do Conde 2008’, de João Penalva, na que se podía contemplar, en tempo real, o interior do mecanismo dun reloxo situado a 300 metros da galería.

Light is Calling (Bill Morrison, 2004)

Light is Calling (Bill Morrison, 2004)

Esta última obra amosa a forte ligazón que existe entre a galería e a súa contorna, como ocorre tamén noutras pezas que dialogan coa memoria cinematográfica de Vila do Conde –a instalación ‘Onde o Coração se Esconde’ de Miguel Clara Vasconcelos, 2015-2016, realizada a partir da recuperación das imaxes atopadas en decenas de bobinas de celuloide gardadas na vila– ou cos espazos rara vez representados, por veces mesmo esquecidos, do Grande Porto – a exposición fotográfica ‘Moving’, de André Cepeda, sobre as paisaxes anónimas e cotiás dos arrabaldes da cidade. Alén dos traballos de Penalva, Vasconcelos e Cepeda, o volume reforza a visibilidade de moitos artistas visuais contemporáneos portugueses, como os xa nomeados Filipa César, Miguel Palma e João Louro, así como Daniel Blaufuks, que presentou na galería a exposición ‘Viagens com a Minha Tia’ en 2009, ou João Tabarra, responsábel á súa vez da recente instalación ‘4.56.20’ (2016).

Do local ao global, a galería mantén tamén unha boa relación cos artistas galegos: o volume inclúe, neste sentido, material da exposición ‘A Double Inmobility’ de Lois Patiño, quen convidou á súa vez a Carla Andrade a expor simultaneamente os seus traballos entre decembro de 2014 e xaneiro de 2015. As texturas hipnóticas de La Imagen Arde (Lois Patiño, 2013), por exemplo, iluminaron así as mesmas paredes de granito que acolleron antes e despois a tantos outros artistas, de Christophe Girardet e Matthias Müller en 2005 até João Tabarra en 2016. Unha década dá sen dúbida para moito, abofé, para desbordar de imaxes, de ideas e de emocións as páxinas deste libro. Laboratório Cinemático. Solar, 10 Anos é, polo tanto, unha obra notábel para ler, para ver e sobre todo para consultar, para volver unha e outra vez sobre ela, como quen volve, na distancia, visitar esta mesma galería.

33 Capa Solar, 10 AnosLaboratório Cinemático. Solar, 10 Anos

Nuno Rodrigues & Daniel Ribas (eds.)

Editorial: Curtas Metragens CRL

– Cooperativa de Produção Cultural

Páxinas: 228

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario