L’ALTERNATIVA: O CINEMA EXPANDIDO COMO RESISTENCIA Á IMPOSICIÓN DOS MODOS DE VER

Este artigo resume as principais cuestións que tiveron lugar durante o debate da mesa redonda sobre cinema expandido, que se desenvolveu en L’Alternativa, festival de cinema de Barcelona.

Participantes:

  • Blanca García (revista Lumière, CAMIRA)

  • Carles Guerra (Fundació Tàpies)

  • Xavi Hurtado (artista)

  • Regina Khanipova (CAMIRA)

  • Luis Macías (Crater-Lab)

  • Elena Pardo (LEC, México)

  • Manuel Trujillo (LEC, México)

  • Patricia Baena (CAMIRA)

  • Adriana Vila (Crater-Lab)

  • Cristina Riera Jaume (L’Alternativa)

taula cinema expanditDurante a primeira ronda de presentacións mencionouse que o cinema expandido, entre outras cousas, é un acto de resistencia ao poder mais que ao tempo exponse agora de xeito máis habitual en museos, filmotecas, festivais de cinema, todas elas institucións. Xa que é difícil desligar as institucións do poder, o público pediu aos participantes na mesa redonda que reflexionasen sobre esta contradición.

Luis Macías Penso que o cinema underground, incluído o cinema expandido, móvese por debaixo da institución. Mais temos que comer. Coido que todo debe estar baseado nun diálogo entre ambas as dúas cuestións, para poder seguir explorando novos territorios que poderían axudar a desenvolver a vangarda, por exemplo con esta forma de proxectar. Deberiamos pensar como esta práctica pode incorporar dentro dela o poder. Mesmo as películas underground dos sesenta e os setenta abriron un espazo dentro do movemento, coa procura de novos territorios, para un cinema máis mainstream. Hoxe en día o underground ten un significado diferente.

Carles Guerra Querería engadir algo, especialmente sobre a asociación entre o cinema expandido e a resistencia. Para min o cinema expandido representa un xeito de rachar coa atención institucionalizada. Expliqueino mellor na miña presentación usando a imaxe da prisión de Pentonville de 1859 (que se presenta tras este parágrafo) onde os prisioneiros quedan separados o un do outro mentres len a Biblia nunha capela. Convidábase a estes reos a autoexplorarse sen distraccións. Este é un exemplo dun dispositivo moi simple.

PENTONVILLE PRISON. /nThe prisoners' chapel at Pentonville Prison, England. Wood engraving, English, 19th century.Hoxe en día, na miña opinión, a resistencia bascula cara outros niveis. Un deles, evidente, é o feito de que vivimos nun mundo con estes dispositivos, coma os teléfonos móbiles, que nos dan a sensación de vivir nunha fluída, constante e exponencial circulación de imaxes que recibimos e producimos. Creo en estratexias coma o cinema expandido, e para min o cinema expandido non é máis que o mundo dos autores e os aparatos, coas súas infinitas posibilidades. Hoxe temos nas nosas mans a oportunidade de facer desta circulación algo máis incómodo, interrompela, dalgunha maneira devalala. Noutras palabras, cando un cineasta usa película de 16mm non se trata de fetichismo, senón de complicar as nosas vidas cun aparato que revela a construción interna deste ‘soño’ e a fluidez, a circulación exponencial, etc.

Polo tanto o cinema expandido bota abaixo a calidade homoxénea das imaxes a un nivel global. Un pode recibir traballos de diferentes autores nun museo e todos eles poden estar intentando acadar a mesma calidade, un vídeo pode vir de Karachi, de Nova York ou de calquera outra parte do mundo e a calidade non che dirá nada sobre o lugar no que se produciu, porque foi ecualizado. Así que a vía para o cinema expandido como modelo de resistencia, alén dos aparatos, os cables e outros compoñentes, é interromper a ilusión de continuidade na circulación das imaxes e da súa homoxeneización. Trátase de recuperar a idea de que as imaxes na súa calidade e deficiencia revelan as condicións distintivas de produción.

Elena Pardo Nós estamos a organizar un ciclo no Centro de Cultura Dixital, que é unha institución. É máis, ten unha mala reputación, pois construíuse con diñeiro investido durante a celebración da independencia de México. De todos os xeitos, atopamos a dúas persoas ao cargo que non traballaban no centro cando se trataba dunha fundación pública e déronnos a oportunidade de contar cunha liberdade absoluta na institución. Vexo este acto de resistencia na comunidade que logramos crear neses tres anos con artistas que viven na mesma cidade, mais que antes non se comunicaban entre eles. O modo no que vivimos agora baséase no illamento o un do outro máis que no desexo de construír unha asemblea ou unha comunidade. Decidimos usar a oportunidade que nos deu esta institución para xerar unha comunidade. Pode que exista un conflito no feito de que esteamos a usar este lugar, mais cando traballamos xuntos e ves que os traballos saen adiante, aceptas este conflito e vives con el.

Xavi Hurtado Penso que estamos a falar da resistencia do ollo, ou do que está alén deste, o visual. A pesar do feito de que houbo un progreso nestes 150 anos dende que se inventou o cinema no desenvolvemento da tecnoloxía, a maneira na que o ollo ve é a mesma. Na miña opinión hai unha natureza da visión que vai alén destes 150 anos. Durante un longo período de tempo viamos como células, como animais. A este respecto, o ollo traballaba de maneira moi diferente con respecto a estes 150 anos nos que nos enfrontamos a desenvolvementos técnicos e á transformación da percepción da atención. Hoxe en día hai moita xente, non só no mundo do cinema, a comunicación ou a arte, que cuestiona o que significa ver, observar. Non creo que os traballos de cinema expandido os fagan persoas que desexan facer algo que supere o rectángulo da pantalla, e que decidan volver traballar co 16mm como un acto fetichista, ou raiar a imaxe dun cacho de plástico porque semella interesante. Penso que é algo máis profundo. Trátase dunha necesidade de buscar, porque nos atopamos nunha sociedade necesitada de estímulos visuais; somos máis visuais que nunca. Así que é certo que existe unha relación co poder, mais é unha moi complexa, é difícil dicir se é boa ou mala, está aí. Coido que a base é máis fonda e que supera ao cinema, a arte ou a comunicación, mais é un problema de exploración que intriga a xente diversa de moitas partes.

Luis Macías, en plena execución de 'Spectral Landscapes'.

Luis Macías, en plena execución de ‘Spectral Landscapes’.

Manuel Trujillo Creo que a resistencia é ás veces unha pose ou snobismo. A resistencia clasifícase como algo per se e eu non creo que poida clasificarse. Hai diferentes tipos de resistencia, e o feito de facer arte nas rúas non implica que esa sexa a única vía de resistencia, pode facerse en todas partes. Debe analizarse con respecto a que entendamos por resistancia. Se falamos do centralismo, por exemplo, o cinema está completamente monopolizado e ás veces os museos, as rúas ou as casas poden converterse en lugares onde manifestarse, que descentralizan unha forma única de facer cinema. Somos moi visuais, dende logo. Somos tan visuais que a forma na que se nos manipula tamén o é. Os teléfonos, que deberan ser para falar, acaban por utilizarse con propósitos visuais; o visual é tamén unha forma de manipulación.

Porén hai moitas reflexións sobre como un pode saír deste marco de traballo. Ás veces usamos as palabras tanto que no fondo perden o significado; palabras como resistencia, marxe, perímetro, anárquico, hai moitos conceptos dos que abusamos. É importante reflexionar sobre do que vemos, o que oímos, sen importar o marco no que se ensine, pode que en institucións como museos, que están intentando romper co monopolio das salas de cinema e a mudar o xeito no que se fan as películas. É importante xerar puntos de ruptura, e en termos de público é importante ás veces achegarse á institución para xerar espectadores máis conscientes e críticos.

Blanca Garcia Eu véxoo dende o punto de vista da programación e para nós é un motivo de celebración que L’Alternativa decidise dedicarlle toda unha sección ao cinema expandido. Nós, os comisarios, estamos a loitar todo o rato, e non se trata só dunha cuestión retórica, realmente enfrontámonos a persoas que prefiren enviar filmes en full HD e non en 16mm., polo simple feito de que sexa máis barato. Mais deste xeito pérdese por completo a consciencia do acto, da sala de cinema. Por exemplo, recordo unha vez que estabamos a traballar nun festival cun programa específico de cinema expandido e en lugares de proxectar onde as demais películas, nun lugar que era axeitado para elas, movéronnos a un centro de arte con difícil acceso. Os festivais de cinema son hoxe en día a institución ideal para os comisarios porque as salas comerciais só botan mainstream.

Aquí en L’Alternativa somos como unha familia, coñecémonos, sempre hai o mesmo público, e respéctase dende o festival que unha sesión teña que pasarse 3, 4 ou 5 veces no mesmo auditorio do CCCB, no centro de Barcelona, pois son conscientes de que o concepto de sala debe reconfigurarse. E, ao contrario doutros festivais, non lles importa saírse dos formatos estandarizados de HD ou 35mm.

Porei outro exemplo. A semana pasada había un festival que quería organizar unha retrospectiva de cinema experimental europeo e o paradoxo era que a maioría destes traballos se fixeran en super8 ou 16mm.; e habitualmente tamén se centran moito en cinema expandido, performance e no uso de diferentes dispositivos. Mais o festival só estaba disposto a mostrar traballos restaurados en HD ou 35mm. Deste xeito reducen drasticamente a cantidade de pezas que poden mostrar! Así que penso que aínda existe este acto de resistencia, e que pode abrazarse como comisaria. Cando hai tantas portas que se che pechan, é tan alentador que algunha se abra para comezar a organizar cousas… En Barcelona contamos con espazos como Xcentric, unha institución municipal. Coido que tamén se lles debe dar crédito. Non me parece que exista unha contradición, máis ben un paradoxo positivo.

Adriana Vila Creo que unha das principais preguntas que debemos facernos é: resistir a que? Comentouse que hai que resistir ao poder, mais non creo que no caso do cinema expandido se atope nas institución, senón na industria do cinema. Aquí vemos unha contradición. O que me resulta interesante do cinema expandido en xeral é o seu intento de rachar co cinema comercial e experimentar outras fórmulas, reutilizando todos os dispositivos, explorando espazos, accións, reflexionando sobre o cinema e o non-cinema, e pensando en termos de público, ou no feito de meterse tanto na obra en si propia que se esquece o público. Cando o traballo se mantén coherente con esta resistencia e se impón ao mercado e á industria, entón o feito de que sexa absorbido pola institución, que outorga un espazo, non me parece contraditorio. A resistencia segue aí, simplemente ocupa outro lugar. É importante que ocupe estes outros espazos, coma os institucionais, mantendo ao tempo a súa coherencia existencial, porque o cinema comisariado nas institucións está programado por persoas que se interesan nel e que queren abrir novos espazos para o mesmo. Porén, os traballos aliñados coa institución deberan salvagardar o seu espazo propio para que algo novo e excitante poida saír desta unión.

Carles Guerra Cando falamos de “resistencia a un poder” todo parece quedar claro, mais a min prodúceme ansiedade, pois non somos quen de determinar como se produce esta resistencia e a que poder apunta. Cando estabamos a concretar este acto de resistencia, víame como un espectador que se pon diante da peli de Ridley Scott, Gladiator (2000), sentado no cinema. É un filme moi malo, mais a min tróuxome o meu momento de cinema expandido. Isto ocorreume cando Russel Crowe, que interpreta a un xeneral romano, cae en desgracia, convértese en escravo e chega a Roma. Ridley Scott non mostra a chegada dende o nivel da rúa coma nun filme tradicional de Hollywood senón dende un ángulo baixo, coma un monumento. Ridley Scott fai todo ao revés. Cando o gladiador chega a Roma vemos unha pantalla chega de nubes cunha cidade ao lonxe que se supón que é Roma. Como está tan lonxe, semella que estivésemos chegando a Nova York en avión.

Para min isto representa un momento de cinema expandido, xa que o meu concepto do mesmo non se limita ao uso das máquinas, os diferentes formatos, e a resistencia xeral ás institucións. O cinema expandido expándese de verdade ata incorporarnos e incorporando os nosos modos de atención. Este é o problema: o cinema non nos mostra imaxes, senón que nos adestra na maneira de velas, modula a nosa lectura (o que nos leva a Laura Mulvey e outros académicos que reflexionaron sobre este punto). Así que para min este momento, esta sorte de revelación que me fixo considerar que o filme era interesante, a pesares de que é malo, dime que hai un tipo de política, que non é política senón bio-política. Non se trata de resistir a un poder, é que o poder entrou no noso modo de ver, de observar o que temos diante. Este poder fai que nos centremos nalgo específico.

Momento da posta en marcha de 'Desaparecer', do colectivo LEC.

Momento da posta en marcha de ‘Desaparecer’, do colectivo LEC.

Luis Macias A min gustaríame aproveitar o feito de que temos entre nós hoxe a algúns comisarios de cinema expandido para lanzar unha pregunta: que supón programar actuacións en directo nun museo?

Cristina Riera Jaume Falarei da nosa experiencia aquí en L’Alternativa. Comezamos a programar cinema expandido o ano pasado e durante este ano decatámonos de que abriran en Barcelona dous laboratorios de revelado de película. Dous colectivos auto-xestionados que nos parecían moi interesantes e queriamos saber que estaba a acontecer aí. Logo de falar con Crater-Lab e Laboratorio Irreversible, interesounos explorar o que estaban a desenvolver estes colectivos e convidar a outros doutros países para ver en que consistía tamén o seu traballo. Sorprendeunos canto hai de auto-xestionado nestes proxectos, que enfatizan a resistencia construíndo unha comunidade. Trátase de controlar todo o proceso, de principio a fin. Honestamente, era moi emocionante. Organizamos performances nas que comentabamos entre nós: “é impresionante como este acto que estamos a presenciar aquí, ao que asistimos un número reducido de persoas, nunca se vai volver repetir”. L’Alternativa podería ser un festival onde programásemos só filmes nos que o público estivese pasivo, mais intentamos contribuír a algo máis valioso con mesas redondas, e este tipo de espazos porque é agora ou nunca. A maxia que se xera nestes espazos nun momento moi concreto forma esta comunidade.

Houbo algúns retos á hora de realizar estas sesións. O primeiro era onde conseguir todo o equipo que necesitabamos dado o noso orzamento reducido. Este ano puidemos conseguilo todo grazas a Crater-Lab. O segundo é que o nivel de risco durante estas sesións é moi alto. Non obstante, estas accións poden sorprender mesmo aos organizadores, pois non sabemos o que vai pasar nelas. Para min é máxico e necesario que non todo estea programado con antelación. A performance ofrece un momento de experimentación, que se constrúe no propio día da mesma; a maxia provén do feito de que sexa en directo. O público non sabe cara onde debe mirar, se cara adiante ou cara atrás, porque é tan interesante ver como funciona o dispositivo coma o que se proxecta.

Manuel Trujillo No noso caso, era moi importante ver un cambio no público. Contar cun ciclo só nun espazo institucional era complicado. Así que fixemos un esforzo por organizar obradoiros en varios lugares, desenvolvendo proxectos con universidades, nenos, anciáns, comunidades indíxenas, xente doutros países, académicos. Así experimentamos o cinema expandido con salas cheas, mesmo se a sesión está baseada en conceptos do cinema experimental, non narrativo, onde o público sexa libre. Para nós é moi importante ver como persoas do público pasan integrar colectivos. É gratificante levar este proxecto a un nivel internacional a este cativos que viven con moi pouco e teñen un acceso escaso á tecnoloxía. A pesares das limitacións que sufrimos en México e na nosa cidade, é gratificante ver o cinema cheo de entusiastas.

__________

FOTOGRAFÍAS: Eladio Agudo.

Comments are closed.