LAS LETRAS DE JORDI, de Maider Fernández Iriarte

Comezar falando dunha película coma unha pequena fiestra que nos amosa anacos dun mundo máis ou menos grande, podería parecer unha valoración manida ou pouco ousada. Despois de todo, o cine sempre foi unha porta a novas realidades. Sen embargo é a definición que máis xustiza lle fai ao que nos poderemos atopar en Las letras de Jordi, a ópera prima da directora vasca Maider Fernández Iriarte.

Da man da cineasta e a súa cámara, imos entrando pouco a pouco no mundo de Jordi, un home de 51 anos, nado con parálise cerebral e que decidiu ir vivir a unha residencia para non depender dos coidados dos seus pais, xa maiores.

Ao longo da película, poderemos ir descubrindo os espazos, persoas e inquedanzas que forman parte da vida de Jordi e como son para el pilares imprescindibles para acadar o seu desenvolvemento persoal. Fuxindo dun formato narrativo impersoal ou aséptico, Maider faise presente coma directora, cun papel fundamental coma co-protagonista da cinta, acompañando e axudando a Jordi, sempre de xeito sutil e en segundo plano, sen chegar a escurecer a historia que se quere contar.

A relación de amizade e complicidade que se vai forxando entre o protagonista e a directora da peza, vese favorecido polas formas de gravación escollidas, que desprendidas dun despregue técnico ou artificioso, conseguen centrar a atención do espectador na esencia da historia narrada.

O formato de filmación sinxelo e espido, que lembra ás gravacións afeccionadas ou de eventos familiares, propicia un clima íntimo e próximo que fomenta que o espectador se sinta un elemento máis da película, coma se acompañase á directora nas súas visitas á habitación de Jordi.

A película comeza con planos detalle das mans do protagonista, recorrendo lentamente e con dedos vacilantes o alfabeto de cartón que emprega para se comunicar coas persoas do seu redor, e en concreto coa directora, con quen está a compartir a súa historia. As letras son o seu mundo, o seu nexo entre el o que lle rodea.

Antes de verlle a cara a Jordi, o espectador é partícipe dos esforzos que fai debido a súa parálise cerebral para transmitirlle á directora os seus pensamentos e responderlle ás súas preguntas. Sen cortes de edición, con longos planos secuencia que poden chegar a facerse angustiosos, o espectador pode sentir as dificultades do protagonista para converter en palabras as súas ideas.

Pouco a pouco os planos van sendo cada vez máis amplos segundo a relación entre Jordi e Maider se vai facendo máis fluída e de xeito sutil. Como se unha néboa se fose diluíndo paulatinamente, os elementos que compoñen a vida do protagonista van collendo forma, o seu universo vaise volvendo cada vez máis amplo a ollos do espectador e aos personaxes vánselles debuxando as caras.

Un dos principais temas que se tratan en Las letras de Jordi, é a empatía e o anhelo do ser humano por comunicarse. A necesidade de darlle unha voz a o protagonista, fuxindo da pena ou condescendencia, afondando nunha situación na que sería sinxelo quedarse mirando dende fóra, caer en tópicos ou tentear a superficie do tema.

Todo o que Jordi quere é ser escoitado, que a xente o trate sen condescendencia, coma a outra persoa calquera a pesar de ter necesidades diferentes do resto. Ser quen de procurar un propósito na súa vida, que neste caso é escoitar a Deus.

Por medio das viaxes a Lourdes e momentos cotiáns, vaise desvelando pouco a pouco o lado humano e espiritual de Jordi. Para el, unha das facianas máis importantes da súa vida é poder ser capaz de volver falar con Deus, sentir a súa voz, saber que este ten un propósito e misión para el, para dotar de sentido á súa existencia. Para o protagonista, Lourdes é sinónimo de esperanza, un pouco de luz que o poida guiar polo percorrido do seu duro camiño.

Las letras de Jordi amósanos a un home con desexos e sentimentos, que a pesares das súas limitacións para se comunicar, segue experimentando alegría, tristura, impotencia e é capaz de transmitirllas ás persoas de seu redor. Que pode desfrutar das actividades mundanas, ver por televisión un partido de fútbol coa súa familia ou dar e recibir tenras apertas de boas noites. Porque se algo desprende a película é a tenrura e dozura coa que Jordi trata aos seu achegados. Ser partícipe da relación de complicidade que se vai forxando en torno a Jordi e a directora do filme.

Sen dúbida, unha película que é unha verdadeira declaración de intencións da súa directora. Cine de autor sen artificios, que ten claro que o seu obxectivo principal é contar unha historia do xeito máis humano posible. Unha obra sobre a necesidade se se comunicar e de ser escoitado, do dereito do ser humano a ser feliz e atopar o seu lugar no mundo, independentemente das circunstancias.

Comments are closed.