LE CONCOURS, de Claire Simon

Le Concours 2

Esta peza foi elaborada durante o obradoiro do Seminario de Crítica Cinematográfica que organizamos en Play-Doc, Festival Internacional de Documentais de Tui 2017

A pesares de ter prendida a etiqueta de documentalista, Claire Simon vese a si mesma como cineasta, consciente, probablemente, da imposibilidade da obxectividade de quen encadra e escolle a imaxe. Se cadra por iso, en Le concours (2016), decidiu levar o aparato de rodaxe ao interior da prestixiosa escola de cinema La Fémis –onde ela mesma traballou como directora do departamento de realización entre os anos 2003 e 2014– para gravar aló as probas de acceso da 29ª promoción. Os planos picados da entrada dos aspirantes no recinto da escola, que ten as cancelas simbólica e literalmente pechadas, así como a gravación das conversas entre eles, establecen dende o inicio os dous puntos de vista entre os que alternará o discurso do filme: o da institución e o dos participantes no seu esixente proceso de selección.

Le concours realiza un dobre exercicio de afastamento da neutralidade: dunha banda, o da cineasta, que retrata unha institución particularmente relacionada con ela; e doutra, o dos membros dos tribunais avaliadores, que nas súas deliberacións exteriorizan as súas dúbidas, afinidades e personalidades. Simon toma partido, non é neutra, pero non se decanta. A súa cámara establece un xogo dialéctico que nos sitúa canda os aspirantes, polo que sentimos as súas ansias, desesperación e malestar; pero tamén nos pon no pelexo dos examinadores, un papel que tampouco é fácil, xa que deben tentar deixar de lado as súas preferencias persoais. Neste lance emerxen as eivas do proceso, lastrado polo peso da historia da institución como escola de elite. O desexo dos examinadores é estar cos tempos e abrirse a un (forzado) eclecticismo, para que os alumnos non sexan todos mozos e mozas acomodados da burguesía francesa, pero tampouco queren renunciar ao halo de exclusividade que rodea La Fémis.

Le Concours 3

O relato do filme xira, polo tanto, arredor do proceso de admisión dos futuros alumnos, que Simon é capaz de converter en personaxes cun carácter definido, facendo que as afinidades e as fobias do espectador se decanten por uns ou por outros: somos partícipes da súa ilusión, dos seus nervios e da súa incerteza, mais tamén das propias afinidades dos membros do tribunal. Simon escribe o relato con planos xerais, mais emprega planos medios e curtos para deixar pequenos comentarios visuais aquí e acolá. As mans e os acenos de avaliadores e avaliados acadan a súa máxima expresividade nos seus encadres, sempre moi calculados: dous membros do tribunal míranse ante o comentario dunha compañeira e case parece que sabemos o que pensan; as mans dun aspirante xogan cun amuleto para chamar a atención dos avaliadores, e vemos como esa técnica funciona con algúns deles. A acción desenvólvese así a medio camiño entre os discursos e os xestos dos personaxes.

O grande tema do filme vén sendo un tema clásico: a xustiza e a súa execución. Un tribunal, ao final, sexa cal sexa o seu ámbito de actuación, xulga e imparte xustiza. Nese sentido, Le concours é unha encrucillada na que conflúen os periplos vitais dos aspirantes, para os que a decisión do tribunal suporá un antes e un despois. Podemos entender unha certa épica nesta narración “cando o conflito sobre a xustiza se centra no reparto mesmo entre o pequeno número de persoas que decide a vida dos outros e a multitude dos que se someten ao seu poder”, como di Jacques Rancière (1). O final do filme, que coincide co final do proceso de selección, deixa aos espectadores noutra encrucillada: as nosas propias reaccións ante as imaxes fan de nós intérpretes e cómplices da situación representada. Quen pode, a fin de contas, ser completamente obxectivo?

(1) Rancière, Jacques. 2012. Las distancias en el cine. Ponte Caldelas: Ediciones Ellago: 110.

Comments are closed.