LE QUATTRO VOLTE de Michelangelo Frammartino

A velocidade do presente ten tendencia a esquecer os ritmos propios daqueles lugares arredados dos principais fluxos económicos mundiais, como é o caso do medio rural. A súa representación adoita dividirse entre un discurso positivo, centrado na nostalxia polas comunidades perdidas, fronte a outro negativo, onde se incide no atraso e no illamento destes espazos. Por exemplo, algúns documentarios, como El Cielo Gira (Mercedes Alvarez, 2004), evocan as paisaxes do rural como fonte de identidade, mentres que outros, na liña de Las Hurdes (Luis Buñuel, 1933), denuncian a súa pobreza como un andazo estrutural. Esta primeira diferenza non impide que, ao mesmo tempo, estes exemplos compartan cando menos a mesma percepción do paso do tempo, describindo en imaxes o ‘tempo xeográfico’ do que falaba o historiador francés Fernand Braudel nas súas obras1: un tempo case inmóbil onde o importante é, antes que os acontecementos, a relación do home co mundo que o rodea, é dicir, co lugar onde reside e coa terra que traballa.

Le quattro volte, segundo título do cineasta milanés Michelangelo Frammartino e ‘filme revelación’ da Quincena dos Realizadores de Cannes 2010, retrata ese mesmo tempo ‘de longa duración’, evitando a dicotomía anterior: os ritmos de vida da aldea calabresa protagonista visualízanse atendendo a catro ciclos concéntricos que suxiren a posibilidade da ‘reencarnación’: os últimos días dun vello pastor doente, os primeiros meses dunha cabuxiña que se perde no monte, a translación dunha vella árbore dende o monte até a praza da aldea e a queima da súa madeira para facer carbón vexetal. Estes saltos dun ser a outro propoñen a metáfora da ‘transmigración dos espíritos’ ou da ‘transformación da enerxía’ para documentar un modo de vida a piques de desaparecer, trocando a nostalxia por un humor poético baseado na observación e na posta en escena.

O interese etnográfico de Frammartino polas tradicións da Calabria leva implícito unha ollada positiva cara o rural, mais iso non significa que renuncie á crítica, como proba o ton, entre a mofa e a tenrura, das escenas nas que o pastor vai procurar á igrexa as ‘mediciñas’ para a súa doenza. Deste xeito, a aldea de Le quattro volte non é un lugar mellor ou peor que calquera outro, senón un lugar singular que esixe o seu propio tratamento cinematográfico. Ese dispositivo, baseado na observación paciente das costumes e dos acontecementos cotiás, permite a representación do que o cineasta entende como ‘a esencia do lugar’, sempre a partir dos seus propios elementos e sen necesidade de importar tramas narrativas alleas.

Unha cabuxa protagoniza a escena máis comentada da película

FICCIÓN OBSERVACIONAL

A escena máis comentada de Le quattro volte dende a súa estrea en Cannes é unha longa toma duns oito minutos onde a cámara fai varias panorámicas á esquerda e á dereita para seguir a acción que se desenvolve debaixo súa: o can do pastor percorre o encadre dunha banda a outra, ladrándolle aos participantes dunha procesión relixiosa, até que retira a pedra que serve de freo a unha camioneta, provocando un accidente que ten máis de gag cómico que de traxedia2. A camioneta, obviamente, esvara pola pendente até chocar contra a corte das cabras, mais a cámara de Frammartino segue a carreira do can cara a esquerda en troques de ficar agardando polo desastre. A colisión prodúcese fóra de campo, e só coñeceremos as súas consecuencias cando a cámara complete a súa última panorámica cara a dereita, revelando a fuxida das cabras.

En termos narrativos, esta secuencia anticipa un dato que se revelará uns minutos despois (o vello pastor está morto e non hai ninguén que coide do can e das cabras), mais en termos de posta en escena Frammartino ‘controla’ estes acontecementos a partir de procedementos propios da ficción. Non hai nada arbitrario na secuencia: o can, o seu protagonista absoluto, non é un actor espontáneo que se interprete a si mesmo senón unha ‘estrela’ contratada para representar un papel de ficción3. As panorámicas, daquela, están completamente medidas: Frammartino filma aquilo que previamente concibira en termos teóricos, de maneira que a elección do encadre, nesta e noutras secuencias, establece un punto de vista subxectivo e ficticio para representar ‘o real’ dun xeito estético, igual que ocorría nas actualidades decimonónicas.

Se o can é un actor, o vello tamén: a súa morte permite pasar da súa historia á da cabuxiña, mentres que a desaparición deste animal no monte emprega unha fermosa elipse para saltar á historia da árbore centenaria. Estas ferramentas narrativas serven para que Frammartino modele a imaxe do territorio que está documentando en termos creativos, sen as restricións da ortodoxia documental. Algúns acontecementos, como o accidente da camioneta, son provocados, e outros, como a morte do pastor, son invencións; mais mentres tanto o rexistro cinematográfico mantense sempre dentro da estética observacional que asociamos cos documentarios: a cámara recolle imaxes que despois, na montaxe, van ir tecendo unha narrativa que explica a relación telúrica dos carboeiros da primeira escena co pastor e demais personaxes. Estas licencias fan de Le quattro volte un filme que renova o debate entre documentario e ficción sen necesidade de decantarse exclusivamente por un deses rexistros, senón que emprega as posibilidades dun e doutro para levar á pantalla elementos, paisaxes e ritmos tirados directamente do real.

Velaquí daquela unha ‘ficción observacional’ pertencente a ese subxénero híbrido que algúns críticos chaman ‘documentarios de creación’. Oito décadas atrás, Robert J. Flaherty e John Grierson empregaban estas mesmas técnicas para facer os seus documentarios máis fluidos e verosímiles, mentres que agora Lisandro Alonso e Pedro González-Rubio constrúen ficcións como La Libertad (2001) ou Alamar (2009) a partir da mesma caste de elementos. O debate sobre os modos de representación do real segue felizmente aberto, e a creatividade de Le quattro volte confirma que non hai necesidade de pechalo.

__________

(1) Ese concepto desenvólvese, por exemplo, tanto en La Méditerranée et le monde méditerranéen à l’époque de Philippe II (1949) como en Écrits sur l’histoire (1969).

(2) O crítico Quim Casas compara este gag cos de Jacques Tati ou Jerry Lewis na súa crítica de Le quattro volte para Dirigido por… (número 404, outubro 2010, p. 22)

(3) O propio Frammartino confirmou este dato durante a presentación do filme no pasado London Film Festival.

Comments are closed.