LONDON FILM FESTIVAL 2014 (I / III): RETRATO DESTAS GUERRAS

23 LFF Opening Gala

O conflito bélico, nas súas distintas magnitudes, estivo moi presente na edición 2014 do London Film Festival. Non é que este feito nos sorprenda, posto que o cinema, en moitos casos, convértese nunha plataforma de denuncia e de representación dunha realidade que por cuestións xeográficas, históricas, económicas ou políticas non chega até nós. Este foi o caso, por exemplo, do filme gañador na sección oficial documental, Silvered Water, Syria Self-Portrait (Ossama Mohammed & Wiam Simav Bedirxan, 2014), un cru retrato sobre a guerra civil siria; ou do magnífico western Loin des hommes (David Oelhoffen, 2014), que nos transporta á Alxeria de 1954, ao comezo da súa guerra de independencia; mentres que o documental The Green Prince (Nadav Schirman, 2014) supón un acto de propaganda israelí pouco sutil no tocante ao conflito palestino-israelí. Con todo, os conflitos protagonistas do certame foron as dúas guerras mundiais que marcaron o rumbo histórico do século XX.

Á Primeira Guerra Mundial adicóuselle tres títulos: The Battles of Coronel and Falkland Islands (Walter Summers, 1927), Maudite soit la guerre (Alfred Machin, 1914) e Testament of Youth (James Kent, 2014). O primeiro, programada na gala da sección de arquivo, é un documentário sobre a Batalla das Malvinas restaurado polo BFI National Arquive con motivo do centenario da Gran Guerra. O segundo, Maudite soit la guerre –tamén na sección de arquivo– foi restaurado polo Koninklijk Belgisch Filmarchief e céntrase na relación de dous amigos enfrontados en bandos contrarios. Por último, o terceiro filme consagrada a este convulso período, Testament of Youth, é unha adaptación das memorias superventas da escritora inglesa Vera Brittain.

As dúas facianas do bando aliado

A Segunda Guerra Mundial, no entanto, foi a absoluta estrela de London Film Festival, e non só porque o certame fose inaugurado polo filme inglés máis agardado do ano, The Imitation Game (Morten Tyldum, 2014), senón porque a súa clausura correspondeu a outro dos títulos que máis expectación espertara: Fury (David Ayer, 2014). Como dúas facianas dunha mesma moeda, estas dúas longametraxes resultan complementarias ao reflectir dúas realidades moi distintas deste devastador conflito, dúas representacións que ademais veñen asinadas por dúas das tres grandes potencias aliadas: Reino Unido e Estados Unidos, respectivamente.

23 LFF The Imitation Game 2

The Imitation Game (Morten Tyldum, 2014)

A simple realización de The Imitation Game, un biopic centrado na figurada do matemático Alan Turing, xa é un feito a celebrar en si mesmo. Ninguneado pola historia e maltratado pola ríxida sociedade británica da época, o papel que Turing desempeñou na Segunda Guerra Mundial segue sendo ignorado polo gran público, malia os esforzos dalgúns individuos que renderon tributo á súa persoa, como o escritor Neal Stephenson na súa novela Cryptonomicon (1999) ou o documentalista Patrick Keiller en Robinson in Space (1997). Con este novo filme quérese reivindicar ao ‘heroe non recoñecido’ e ofrecerlle así un merecido eloxio.

A partir dun guión de Graham Moore e con dirección do noruegués Morten Tyldum -nomeado aos premios BAFTA 2012 por Hodejegerne (2011)- The Imitation Game preséntase como unha gran produción, solvente, moi coidada e cun elenco de excepción. Con todo, para aqueles espectadores familiarizados cos avatares da vida de Turing, o resultado deixaralles un marcado pouso de amargura e decepción; non só porque o filme altere ou suavice determinados episodios da súa traxectoria senón pola case absoluta falta de crítica social. Con isto non queremos dicir que a fita falte á verdade, mais si que pasa de esguello polo último tramo da vida do matemático, desposuindo de emotividade toda a sucesión de acontecementos que desembocou no tráxico desenlace da súa vida.

Doutra banda, a modificación da súa relación co personaxe interpretado por Keira Knightley, a criptoanalista Joan Clarke, resulta indignante. O guión busca a través da conexión entre estes dous personaxes unha porta para entender a mente de Turing e empatizar con el, mais para a que escribe estas liñas, este feito non xustifica que se reduza e desacredite o traballo e a loita de Clarke. Graham Moore constrúe o personaxe como unha muller intelixente malia estar atada ás normas sociais da época, que consegue traballo no proxecto Enigma porque Turing a recruta presentándosese na súa casa e facilitando o seu acceso ao equipo de traballo. A realidade, ben distinta, foi que ela entrou en Bletchley Park e pasou a formar parte do grupo dedicado a decodificar Enigma polos seus méritos propios. A estratexia serve pois para tratar dun xeito romántico a homosexualidade do criptógrafo inglés.

The Imitation Game, porén, ten moitas virtudes, malia que se vexan afectadas polo exposto anteriormente. Sen dúbida, o máis reseñábel é a soberbia interpretación de Benedict Cumberbatch, que semella especializado en personaxes excéntricos desque se puxo no pelexo de Sherlock Holmes. A dirección de Morten Tyldum é destacábel, que non sobresaínte, cun estilo sobrio e coidado ao detalle, mentres que a escritura de Moore consegue dar co ton axeitado para combinar o dramatismo e o humor inherentes ás torpes interaccións sociais do protagonista. Pola súa banda, a estrutura narrativa é o outro grande acerto do filme, xa que combina de xeito desordenado tres tempos narrativos da vida de Turing (adolescencia, o seu traballo en Bletchley Park e os seus últimos días), presentándoos coma se se tratase dun encrucillado que cobrase sentido a medida que se resolven os seus distintos enigmas. Se temos en conta que os encrucillados foron o sistema empregado por Turing para recrutar ao equipo de traballo, a propia estrutura do relato alcanza niveis metalingüísticos.

Fury (David Ayer, 2014)

Fury (David Ayer, 2014)

Mentres que The Imitation Game fai un retrato da Segunda Guerra Mundial na retagarda mediante a descrición do equipo encargado de descifrar o código de encriptación das comunicacións alemás, Fury sitúase directamente no corazón da batalla, en Alemaña, cando o conflito está xa preto do seu fin. Se cadra porque as expectativas sobre o último filme de David Ayer –guionista de Training Day (Antoine Fuqua, 2001)– eran moi elevadas, ou porque a sombra de Inglourious Basterds (Quentin Tarantino, 2009) é moi alongada, Fury resulta unha proposta interesante mais non excepcional. O retrato das miserias na fronte alemá dun grupo de soldados americanos destinados ao tanque ‘Fury’ ten momentos de gran lucidez que se apagan rapidamente para converterse nun relato de heroes made in USA.

A premisa é sinxela: os tanques alemáns son moi superiores, e o equipo liderado por Brad Pitt ten que loitar contra vento e marea pola súa supervivencia. En liña con filmes como Saving Private Ryan (Steven Spielberg, 1998), que buscan reflectir a brutalidade da Segunda Guerra Mundial sen desprenderse dun certo halo de romanticismo, a longametraxe de Ayer busca reflectir o lado máis humano dos seus protagonista, algo que se converte na súa maior virtude –fundamentalmente no interesante e complexo personaxe de Pitt– mais tamén no seu talón de Aquiles: como exemplo podemos apuntar a longa secuencia coas dúas alemás e un pouco crible encontro amoroso que fai que o conxunto perda credibilidade. Tampouco axuda a sobreexposición musical que debe sufrir o espectador, cunha banda sonora de Steven Price especialmente esgotadora e prescindíbel nos ‘momentos dramáticos’. En comuñón con esa narrativa clásica estadounidense dun grupo de homes defendendo o último bastión, o filme diríxese irremisibelmente cara un final máis que previsíbel para os seus heroes. Ao seu favor habemos dicir, iso si, que o tráiler promocional tampouco deixaba moito espazo á imaxinación.

Entre os seus aspectos máis salientábeis, o filme conta con dúas secuencias de acción espectaculares, sobre todo a da coreografía de tanques, e un elenco espléndido no que chama a atención o actor Logan Lerman e uns máis que solventes Brad Pitt e Shia LaBeouf. Fury, en resumidas contas, fica a medio camiño entre a realidade atroz e a mitificación do heroe soldado, unha figura moi querida na representación norteamericana que repite os patróns habituais. A sucidade da guerra preséntase a medio gas, entre violíns e historias de amor que nunca poderán ser. Se comparamos a cinta de David Ayer coa inglesa ’71 (Yann Demange, 2014) –unha das propostas máis interesantes do festival– o resultado é demoledor. Por máis que esta ópera prima non transcorra nunha guerra, senón no convulso Belfast de 1971, o seu realismo e veracidade á hora de representar unha emboscada, un asedio, unha fuxida ou a atrocidade dun conflito armado revelan a falta de credibilidade de Fury. Con todo, posto a establecer comparacións, e sen saír da industria estadounidense, reafirmámonos en que a serie Band of Brothers (2001) segue sendo un dos títulos máis interesantes do país sobre a Segunda Guerra Mundial.

'71 (Yann Demange, 2014)

’71 (Yann Demange, 2014)

Despois das bombas…

A representación da contenda en si mesma non foi a única homenaxe á Segunda Guerra Mundial, senón que tamén se ofreceron propostas nas que se presentaron as súas consecuencias directas, producidas curiosamente por dúas das antigas nacións que formaban o eixo do mal: Alemaña e Xapón. O país xermano conta con dous títulos ambientados no Berlín da posguerra. Deutschland bleiche Mutter (Helma Sanders-Brahms, 1980), un clásico sobre os avatares dunha familia antes, durante e despois da Segunda Guerra Mundial, foi proxectado nunha edición restaurada que conta con trinta minutos adicionais de metraxe. Xa dentro da produción de 2014, competiu na sección oficial o suxestivo filme Phoenix (Christian Petzold, 2014) – Premio FIPRESCI no Festival de Cinema de Donostia. A través da historia dunha cantante xudía desfigurada que trala guerra se ve obrigada a recorrer á cirurxía para poder amosar a súa cara, o cineasta alemán fai un retrato atractivo e atrainte sobre a culpa, a dor e a miseria humana. Se un é capaz de entrar no xogo que propón, deixarase levar polas súas poderosas imaxes e pola magnífica interpretación da actriz Nina Hoss, que xa traballara con Petzold en Barbara (2012).

O demoledor peche de Phoenix ao son do clásico de jazz ‘Speak Low’ é especialmente brillante, ao tratarse dunha escena que contén tódolos trazos significativos do xogo de aparencias de Petzold. Porén, en determinados momentos faise difícil aceptar as súas regras: a trama vira ao redor de Nelly Lenz, unha cantante xudeu-alemá que volve do campo de concentración esnaquizada física e mentalmente co único obxectivo de reunirse co seu marido. Este, un auténtico truán que non a recoñece, proponlle que se faga pasar pola súa defunta esposa para cobrar a herdanza desta. Nun primeiro momento, debido á operación estética, un pode aceptar a premisa, mais a medida que vai avanzando a trama faise máis e máis difícil de manter. Iso si, se se consegue salvar este obstáculo, Phoenix convértese nun belo e desapiadado retrato sobre a guerra, a traizón e a reconstrución tanto individual como da propia Alemaña dividida entre vítimas e traidores.

Phoenix (Christian Petzold, 2014)

Phoenix (Christian Petzold, 2014)

ジョバンニの島 (Giovanni’s Island, Mizuho Nishikubo, 2014)

ジョバンニの島 (Giovanni’s Island, Mizuho Nishikubo, 2014)

O último título que pecha esta panorámica sobre os rigores da Segunda Guerra Mundial é a cinta xaponesa de animación ジョバンニの島 (Giovanni’s Island, Mizuho Nishikubo, 2014). A longametraxe máis recente de Production IG ofrece unha interesante proposta na que se mestura unha historia ambientada nos últimos tempos da guerra e unha homenaxe a un dos fitos da literatura infantil nipoa: O tren nocturno da vía láctea, de Kenji Miyazawa. Con todo, o filme mantense firme na tendencia desta cinematografía por esquivar a culpa e presentar un relato de vítimas –coa única excepción recente e tanxencial de 風立ちぬ (The Wind Rises, Hayao Miyazaki, 2013). Nesta ocasión a tensión establécese entre un grupo de nativos insulares que se enfrontan á ocupación do exército ruso. Cun precioso deseño de animación, onde sobresaen especialmente os fondos, Giovanni’s Island é un filme interesante, irregular e moi previsíbel para aqueles que estean familiarizados coa novela de Miyazawa.

A través de todos estes títulos reconstrúese unha visión calidoscópica de ambas guerras que segue lembrándonos a importancia de non deixar caer no esquecemento a barbarie vivida na primeira metade do século XX. No entanto, malia que a temática aquí exposta foi a que máis atención mediática recibiu –como consecuencia directa da programación de The Imitation Game e Fury como galas de inauguración e clausura– houbo outro gran conflito que tamén protagonizou o festival: a liorta secular entre palestinos e israelís. Dado o seu peso e a extrema calidade dalgún dos seus títulos, adicarémoslle unha segunda crónica do London Filme Festival 2014.

Comments are closed.