LONGA NOITE DE LERIA

Sala Metropol, Tui. 5 de Abril de 2014. FOTO: Tamara de la Fuente

Madrugada do 6 de Abril de 2014. Sala Metropol, Tui. FOTO: Tamara de la Fuente

Os ritmos do pop comercial, do house máis empalagoso e dos tempos da melancolía tornáronse en creación electrónica pop fresca con voz embelesadora, tornáronse en versos galegos cunha posta en escea de rapeiros que non transmitiron máis ca enerxía e desvergoña, e tornáronse nese rock que nos lembra aos anos oitenta coas cazadoras vaqueiras e o estilo punk da época que nunca pasa. Sequin, Malandrómeda e Novedades Carmiña, por riguroso orde de actuación, gañáronse a louvanza dos asistentes.

Na noite do 5 de abril na Sala Metropol de Tui toda a atmósfera semellaba formar parte do esceario dun novo documental, tal vez de estilo musical coma When You’re Stranger (Tom DiCillo, 2008), proxectado esa mesma tarde no Teatro Municipal. As vestimentas habituais dos sábados pola noite xa non estaban alí, e se estaban pasaban desapercibidas. Cores, raias, lunares, faldas longas, melenas, barbas, rastas, piercings, diademas, botas estilo chiruca, botas doutros estilos… Outra xuventude que non adoita ocupar esa sala calquera madrugada do ano estaba esa noite alí, estaban porque o que había que ver e escoitar pagaba a pena. Os de enriba do esceario non eran precisamente músicos ou artistas de portada de revista, nen teloneiros de artistas, se cabe, máis grandes, senón artistas, iso sempre, da propia terra, de idades similares aos do público, que con estilos totalmente diferentes chegaron a unha xuventude probablemente esgotada das incesantes mensaxes negativas dos medios de comunicación que, coma raios láser saíntes da caixa cada vez máis grande, apuntan ao cerebro.

Sequin. FOTO: Tamara de la Fuente

Sequin. FOTO: Tamara de la Fuente

Malandrómena. FOTO: Tamara de la Fuente

Malandrómena. FOTO: Tamara de la Fuente

Novedades Carminha. FOTO: Tamara de la Fuente

Novedades Carminha. FOTO: Tamara de la Fuente

Non supuxo ningún esforzo, nin para os iluminados polos focos de cores, nin para os que os observaban coas botellas de cervexa na man, converter cada segundo do espectáculo colectivo nunha escusa de troula e unidade, salientando ese compromiso de unión dos rapeiros Malandrómeda. Cara o final da súa actuación saltaron, coma se de estrelas de rock se tratase, ao barullo do público para bailar, xunto a eles, as súas cancións e empatizar así, máis se cabe, cos que até alí se achegaron para bailar incluso as súas parodias reguetoneiras. É de entender así que a mocidade saíra sen reparar nos 7 euros da entrada, buscando contaxiarse conxuntamente da enerxía que a idade caracteriza e a positividade aínda en pé .

A xornada nocturna do Play-Doc conseguiu aglutinar á mocidade non só da contorna, senón doutras partes de Galicia, cun interese común coma é o cinema e o documentalismo, conseguindo algo tan máxico coma a creación de novas amizades e o encontro de vellos colegas da carreira ou dos ciclos da arte audiovisual. A choiva que acompañou a meirande parte do festival non foi impedimento para que público e directores se congregasen un ano máis, o décimo para ser exactos, neste recuncho do Baixo Miño que durante cinco días foi o foco da actualidade cinéfila.

Sequin. FOTO: Tamara de la Fuente

Sequin. FOTO: Tamara de la Fuente

Malandrómena. FOTO: Tamara de la Fuente

Malandrómena. FOTO: Tamara de la Fuente

Novedades Carminha. FOTO: Tamara de la Fuente

Novedades Carminha. FOTO: Tamara de la Fuente

Logo das actuacións na Sala Metropol, os seguidores do festival camiñaron as rúas da cidade tudense para continuar a noite na Fabriquería, aberto especialmente para a ocasión, onde mesturados cos artistas invitados, pechouse a xornada a altas horas da madrugada coa cabeza lista para afrontar o derradeiro día do festival onde se proxectaría o documental gañador Costa da Morte (Lois Patiño, 2013). Nesa gran noite no Play Doc, o público deixouse levar pola atmósfera sen importar o reloxo, os cartos ou a choiva, gozando dun acontecemento como poucos se dan en Tui.

Comments are closed.