LUX FILM PRIZE: CINEMA E IDENTIDADE EUROPEA

© European Union 2017 - Source: EP

© European Union 2017 – Source: EP

O Parlamento Europeo vén de celebrar unha vez máis a entrega dun dos galardóns máis singulares do panorama cinematográfico actual: o LUX Film Prize, que este ano foi para a cinta sueca Sami Blood (2016), ópera prima da directora Amanda Kernell. Esta distinción, que acada xa a súa undécima edición, foi creada no ano 2007 coa intención de promover aquelas películas que amosan e poñen en valor a identidade e cultura europeas, así como a súa diversidade e riqueza (temática, lingüística…). Todos os anos, un panel de expertos fai un seguimento da produción cinematográfica europea para seleccionar un total de 10 filmes que se dan a coñecer durante o mes de xullo, no marco do Festival Internacional de Karlovy Vary. Tras varios meses de deliberación, reducen esta lista a tres finalistas, desveladas no Festival Internacional de Venecia. Finalmente, son os membros do Parlamento Europeo os que votan a cinta gañadora nunha cerimonia que se celebra en novembro na sede de Estrasburgo.

As películas que forman parte desta selección adoitan presentar un forte compromiso social, promovendo o debate sobre cuestións de gran relevancia comunitaria e que, a pesar de ser tratadas de xeito local, teñen un gran eco internacional. Para as tres obras finalistas o premio supón a súa promoción e subtitulado nas 24 linguas oficiais da Unión Europea, coa intención de facilitar a súa circulación e distribución nos estados membros. Pola súa banda, a cinta gañadora recibe un maior impulso para a súa difusión, así como unha axuda para producir unha versión adaptada para persoas con discapacidade visual ou auditiva. Como curiosidade, a estatuíña do LUX consiste nun rolo de película cinematográfica que forma unha Torre de Babel, representando a diversidade cultural e lingüística de Europa. Ademais da entrega do galardón, dende o ano 2012 o Premio Lux acadou un novo impulso coa instauración dos Lux Film Days, que teñen lugar todos os anos entre outubro e decembro nos diferentes estados membros. Durante estas datas, as tres obras finalistas viaxan polo continente a través de varios eventos como festivais e proxeccións simultáneas, nas que a iniciativa adquire unha nova dimensión no que se refire á participación e intercambio entre as audiencias dos distintos países.

Dende o Parlamento Europeo defenden este premio como unha “iniciativa única”, que axuda a difundir obras e problemáticas que, de outro xeito, terían moi difícil traspasar as fronteiras dos seus países de orixe. Na súa primeira edición, a obra gañadora foi a cinta xermano-turca Al otro lado (2007), de Fatih Akin. Dende entón, a listaxe de ilustres premiadas inclúe películas como Ida (Paweł Pawlikowski, 2013), Mustang (Deniz Gamze Ergüven, 2015) ou a vencedora da pasada edición, Toni Erdmann (Maren Ade, 2016). Todas elas continuaron acadando grandes éxitos, tanto en festivais europeos como internacionais, chegando nalgúns casos a alzarse co Óscar á Mellor película de fala non inglesa. Sami Blood (2016), que foi estreada durante os Giornate degli Autori no Festival de Venecia do ano pasado, convértese no último elo desta cadea. A película xira entorno a unha moza da etnia Sami, pobos tradicionalmente nómades que habitan na rexión de Laponia (a pesar de que a localización concreta da película nunca chega a especificarse). A historia, ambientada maioritariamente na Suecia de entre guerras, céntrase na crise de identidade que atravesa a súa protagonista. A causa dos prexuízos e vexacións racistas ás que se enfronta diariamente, a resolta Elle Marja (de tan só 14 anos) decide romper cos seus lazos familiares para intentar comezar unha nova vida lonxe da comunidade.

Sami Blood (Amanda Kernell, 2016)

Sami Blood (Amanda Kernell, 2016)

Outra das finalistas deste ano foi a aclamada Western (Valeska Grisebach, 2017), cinta alemá que acaba de gañar o Gran Premio do Xurado no Festival de Sevilla. Como explicamos na nosa crónica do certame hispalense, a última obra de Grisebach, que xa atraera miradas en Cannes, é unha sorprendente reformulación do xénero cinematográfico do que toma o seu nome. A obra afonda tamén nos conflitos de identidade e as relacións de poder entre dúas comunidades obrigadas a entenderse, ofrecendo unha experiencia cinematográfica de lectura complexa pero gratificante, e cunha importante dimensión social e política. O trío desta edición complétase con 120 BPM (Beats per minute), do realizador francés Robin Campillo. A cinta gala é ademais a candidata para representar ao seu país na vindeira edición dos premios Oscar, e foi outra das favoritas en Cannes, onde obtivo igualmente o Gran Premio do Xurado. Ambientada nos anos 90, céntrase nas actividades do grupo activista Act Up, organización en defensa das persoas con VIH/SIDA. Baseándose nas súas propias experiencias como militantes, o director e guionista de BPM reconstrúen o pasado para chamar a atención no presente, cunha obra apaixonante e chea de vitalidade, na que se reviven os anos máis duros da epidemia. Nesta edición do LUX, a única película de nacionalidade española que pasou o corte inicial foi Estiu 1993, o resplandecente debut da directora catalá Carla Simón, do que xa demos boa conta fai uns meses neste medio.

Entre as tres obras finalistas, todas de altísima calidade, Sami Blood é sen dúbida a máis convencional, tanto a nivel estético como formal e narrativo. O voto dos parlamentarios non adoita ofrecer sorpresas neste sentido, xa que acostuma a premiar a obra con maior vocación pública. Non obstante, nesta ocasión, o galardón á película sueca ten un valor engadido. Nun ano marcado por debates sobre o encaixe das distintas rexións e estados en Europa, e no marco dun premio que defende de xeito tan firme unha identidade comunitaria forte, é case un milagre atopar unha obra que lle dea voz a todas esas etnias e culturas minoritarias que se ven ameazadas pola ‘deriva global’. A pesar de caer en ocasións nun certo reducionismo con vocación pedagóxica, o filme de Kernell é unha obra sorprendentemente sólida e concisa, traballada con lixeireza narrativa pero cunha decidida atención ao detalle. Se as súas bondades cinematográficas non semellan suficientes, debería selo o feito de que poña o foco sobre unha realidade que tantas veces pasa desapercibida: a encrucillada na que se atopan algúns pobos e minorías en Europa.

“Este ano, as finalistas eran tres películas que abordan cuestións que afrontamos todos os días no Parlamento”, dixo Antonio Tajani, presidente do hemiciclo, durante o discurso de entrega do premio. Tajani tamén resaltou a dimensión máis pragmática do galardón, aquela que busca apoiar a industria cinematográfica europea como un sector industrial clave, coa intención de que sexa máis competitivo a nivel internacional. Pola súa banda, as actrices laponas Lene Cecilia Sparrok e Mia Sparrok, encargadas de recoller o premio, deron un discurso moito máis emotivo que xirou arredor da dura realidade que vive o seu pobo: “Aínda estamos aquí; aínda existimos. Cada día, a nosa xente sofre os efectos do pensamento colonial e racista, así como as consecuencias do cambio climático”. Falaron tamén da destrución á que se enfrontan a súa terra e a súa lingua, e asumiron o recoñecemento como “unha compensación para as xeracións de lapóns que foron tratados como cidadáns de segunda”. Para rematar, pediron á Unión Europea que lle dera as costas ás novas correntes de pensamento xenófobo, e que deixase de “pensar en termos de ‘nós’ contra ‘eles’”.

Unha vez rematada a cerimonia de entrega, o Parlamento acolleu unha conferencia e varios seminarios nos que tomamos parte os membros da prensa, algúns representantes das películas finalistas e diferentes cargos políticos, coa idea de abordar diversas cuestións de actualidade relacionadas co sector audiovisual europeo. Falouse principalmente dos novos modelos de exhibición a nivel internacional, e da capacidade do cinema europeo para posicionarse e promover cambios lexislativos. Os membros do Parlamento puxeron especial énfase na súa intención de preservar a “diversidade cultural europea, o crecemento industrial e a capacidade de decisión dos consumidores”. Durante os sucesivos discursos de carácter político, máis próximos á auto indulxencia e a promoción que a propoñer liñas reais de debate, repetíronse en innumerables ocasións os conceptos de “cinema europeo” e “identidade”. Por suposto, non faltaron voces que sinalaron o emprego indiscriminado e impreciso destes termos, pedindo accións reais para defender a produción comunitaria. Philippe Mangeot, guionista de 120 BPM, eloxiou as boas intencións do Premio Lux e a calidade das películas presentes, ao tempo que sentenciaba: “Esperemos que o Parlamento estea á altura das películas que selecciona”. Esperemos que si.

Comments are closed.