MÁRGENES 2017: SECCIÓN OFICIAL

A chegada do mes de decembro adoita indicar o comezo do repaso do que deu o ano en cuestión en materia de cinema. Porén, desde hai xa 8 anos, hai un festival que reivindica este espazo temporal para ofrecer unha programación arriscada que dá voz a aquelas producións que se moven alén do tradicional e que, en moitas ocasións, non teñen a suficiente visibilidade. É o Festival Márgenes, que atopa xa no seu propio nome as razóns de ser: ollar nas marxes, naqueles espazos que ás veces quedan ocultos tras outro cinema que ten máis visibilidade.

María Cañas recibe o premio do xurado á Mellor Película

María Cañas recibe o premio do xurado á Mellor Película

Premio do xurado á Mellor Película, Expo Lio 92 (María Cañas, 2017) propón unha revisitación dun dos maiores eventos internacionais que España acolleu: a Exposición Universal de Sevilla 1992. O filme emprega fórmulas de apropiación e de manipulación da imaxe para crear un discurso que vai de temas coma o colonialismo español en América á corrupción e megalomanía política do momento. Temas de moito interese que se apoian en vídeos e testemuñas con grande acerto e que van de figuras coma o Subcomandante Marcos a políticos como Pepe Mújica. Porén, o acerto na escolla dos vídeos distánciase do gusto á hora de crear ese collage; non pola aposta polo absurdo na superposición de imaxes ridículas, senón porque o ridículo deste totum revolutum acaba por perder ao espectador dun mar de referencias que semellan máis propias dunha linguaxe de internet (onde a propia recopilación é o motivo principal) que ás dun filme deste tipo (onde a recopilación de vídeos debería encamiñar e dirixir un discurso determinado).

Porén, non é Expo Lio 92 un filme insoportable ou tedioso, ao contrario. O seu ritmo áxil e rápido fai que o espectador cruce as referencias, pasadas, futuras ou coetáneas á Expo 92, sen tempo para aburrirse ou distraerse do filme en si mesmo. Por atoparlle un referente, local, un pode pensar nos traballos de Juan Sebastián Bollaín, cineasta que habería que reivindicar máis, e traballos como Sevilla 2030 (2003); mais María Cañas constrúe este filme, non para atopar semellanzas con traballos anteriores, senón para destruír todo e así, desde a nada, comezar a construír de novo.

Tamén de referencias parte Tierra sola (Tiziana Panizza, 2017), premio NUMAX Exhibición, que toma coma punto de partido 32 documentais filmados na Illa de Pascua para centrar a súa mirada nun pasado colonialista e invasivo sufrido polos nativos da illa. Tizianna enfronta na montaxe as imaxes de diferentes documentalistas para amosarnos a visión occidentalizada que temos do lugar. Ademais, o documental recolle tamén a vida diaria e os proxectos de futuro do cárcere da illa, un lugar onde os propios presos poden abrir a porta para estar coa súa familia: pero, quen vai fuxir da illa máis aillada do planeta? A liberdade convértese, nesta lectura doble, pasado e presente, no tema central do filme e que, a través do uso destas imaxes recuperadas doutros filmes, vai ensinando un pasado de brutalidade e abuso de forza que, a día de hoxe, aínda segue presente para os paisanos da Illa de Pascua.

25 cines/seg (Luis Macías, 2017)

25 cines/seg (Luis Macías, 2017)

Oculto en varios dos filmes programados nesta VII edición do Festival Márgenes, a reflexión arredor do cinema parece un tema que se repite. Tamén en Los Mutantes (Gabriel Azorín, 2017) ou en 25 cines/seg (Luis Macías, 2017) aparece esta vertente meta. A primeira, centrada na Escola de Cine da Comunidade de Madrid, emprega os recursos propios dun cinema observacional para narrar o proceso creativo desprovisto de todo glamour. Digo desprovisto de glamour porque para Azorín o que importa non é a mística ou a maxia do cinema, senón a realidade, e así trasládase nas tres partes que o filme ten: na primeira, os alumnos da escola limpan a man unha parede pintada para a rodaxe dun plano mentres discuten sobre a propia rodaxe, a escola ou o absurdo do traballo; na segunda, alumnos e docentes asisten aos pases das producións filmadas na escola e soportan as críticas e as visións daqueles alleos á rodaxe mesma; na terceira, unha secuencia planifícase no futuro mentres, no presente, tan só oímos a rutina previa de traballo, etc. Tres visións de tres momentos da produción fílmica que avogan polo realismo e naturalidade nas testemuñas, mais, como ensinan nas clases de cinema, ás veces a vida non é suficientemente entretida para facer un filme dela… incluso cando a vida xira arredor do cinema.

25 cines/seg, pola contra, olla para esa parte tediosa e odiosa das producións: a burocracia. A mediametraxe de Macías parte, supostamente, dun filme nunca realizado sobre cinemas abandonados para convertirse nunha reflexión en voz alta sobre o estado do cinema na actualidade. As imaxes de salas de cinema abandonadas e sendo derruidas súmanse coa voz do director lendo o contrato que asinou cunha produtora para a realización dese filme inexistente e coa voz da produtora esixíndolle que asine máis documentación. Así, Macías constrúe, de forma sutil, o relato apocalíptico dunha realidade actual fílmica na que a arte creativa é agora unha suma de procesos burocráticos e técnicos nos que pouco importa o director, o tema a tratar ou contar unha historia.

A nota de cor dentro dunha programación moi crítica coa sociedade atopámola en Omar y Gloria (Jimmy Cohen, 2017), relato agarimoso e próximo desta parella de bailaríns de Danzón. Gloria, nai de Omar, filma por compulsión toda a vida a través de diferentes videocámaras que se van modernizando segundo a tecnoloxía avanza. Omar, pola contra, é o suxeito pasivo destes recordo que Gloria dirixe e filma. A vida ocorre a través do lente desa cámara que permite acumular os recordos nun soporte a proba do paso do tempo. O director consigue desaparecer do filme e ceder todo o protagonismo a esta parella de personaxes que se reflexan no lonxano eco dos Grey Gardens dos irmáns Maysles. Entre a broma e a tenrura, Gloria e Omar ábrennos a porta da súa vida e axudannos a encher de cor, aínda que sexa a través da pantalla, as nosas vidas. Unha visión optimista e hedonista da vida que é precisa en tempos tan escuros coma estes.

Ruinas tu reino (Pablo Escoto, 2017)

Ruinas tu reino (Pablo Escoto, 2017)

Tamén ten lugar en México Ruinas tu reino (Pablo Escoto, 2017), fantasmagórica adaptación da Odisea a un documental sobre mariñeiros no Golfo de México. Ancorados nun presente atemporal, os mariñeiros cruzan o barco dun extremo a outro aburridos dunha rutina laboral repetitiva. Entre Sísifo e Ulises, estes personaxes sen nome parecen estar pagando o castigo dalgún deus: a apenas metros de terra, estas costas próximas nunca parecen ser as do fogar que quedou lonxe. Nun intre, lese na pantalla “Hace diez días que no veo Atzlán”; Atzlán, lugar mítico de onde viñeron os aztecas, é esa Ítaca desexada polos protagonistas, o lugar onde Penélope agarda tecendo e destecendo ou, neste caso, camiñando entre a vexetación cunha linterna. Unha viaxe por un mundo de pantasmas que remiten a unha mitoloxía propia, a do mar, e na que participamos grazas á forma de filmar de Escoto, contaxiada claramente pola visión destes mariñeiros.

Tamén da búsqueda dunha mitoloxía perdida vai La siesta del tigre (Maximiliano Schonfeld, 2017). Entre a comedia e o cinema de aventuras, o filme narra a búsqueda de restos fósiles do tigre dentes de sable en Crespo, Arxentina. Sempre distante coa cámara e alleo á acción, o director consegue mimentizarse coa paisaxe para filmar esta fermosa relación de camaradería que os amigos metidos a paleontólogos manteñen. Sempre en altibaixos, a moral desta tropa de exploradores non se deixa batir polas derrotas do día a día, senón que estas fan que as victorias, poucas e pequenas, sexan narradas como epopeias. Como adoita ocorrer no cinema de aventuras, pouco importa en realidade o fin ou o obxectivo, é a propia aventura, o camiño percorrido, física e emocionalmente, o que acaba por enriquecernos.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario