MÁRGENES 2019: UN ARQUIVO, DISTINTOS SIGNIFICADOS

Xusto a tempo para poder formar parte das compilacións do mellor do ano, o Festival Márgenes volve a inundar os fogares cun cinema independente que loita para poder ter espazo nas salas. Quizais por esta loita, o espazo que reclama Márgenes é o da web; así, toda a selección de filmes da Sección Oficial do festival atópase dispoñible na súa web no período entre Novembro e Decembro. Nove edicións onde o público pode, desde a comodidade do fogar, acceder ás marxes dun cinema que busca novas formas de expresarse a través do arquivo, o documental ou a remontaxe de imaxes apropiadas. Unha selección libre de filmes que insistimos en intentar tecer arredor de diferentes temas, como pode ser o arquivo de recordos, imaxes, etc.

Arredor da familia, El hijo del cazador (2019, Federico Robles, Germán Scelso) realiza un duro exercicio de recuperación de recordos familiares e político-históricos partindo da historia de Luis Quijano, fillo dun dos militares torturadores da ditadura de Videla. A narración, dura por momentos, recolle a testemuña de quen era un adolescente colaborador coa persecución política; agora, xa na etapa madura, Luis é un desterrado da súa propia familia por denunciar as torturas paternas de forma pública. O filme parece ser unha compilación de documentos persoais que axudan a acompañar a voz de Luis nesta reconstrución dun pasado que ninguén quere compartir. Porén, na segunda metade do mesmo, Luis empeza a gañar protagonismo sobre o seu pasado, amosando unha personalidade turbia que recorda, inevitablemente, á de Fred A. Leuchter no retrato que Errol Morris lle fixo 20 anos atrás. Non só pola opción de filmar con ese estilo tan propio de Morris, onde o protagonista mira directamente á cámara, senón esa estraña sensación de compaixón por alguén tan complicado e co que existe unha distancia abismal na forma de pensar.

Dunha forma máis mística, Millions (and millions) of Memories (Laura Rius Aran e Carlos Solano, 2019) tamén fala da reconquista da memoria. O filme comeza coa recuperación das imaxes filmadas por Carme, unha muller que, ante a morte do seu marido, busca na súa neta (Circe) unha compañeira para embarcarse en diversos cruceiros. O espazo que antes ocupaba o seu home, é agora un espazo ocupado por unha persoa xove, un sopro de vitalidade que acaba por romper o formato documental. Na metade do filme, máis ou menos, Carmen desaparece e Circe colle o peso do filme. Esta repentina desaparición fainos pensar na neta como unha alma atrapada nesas travesías ao longo do Mediterráneo, coa esperanza de volver a topar a Carmen. Porén, é Ulises, un rapaz da idade de Circe, o que aparece repentinamente dando lugar a unha posible trama amorosa onde apenas hai historia, pero si sensacións, emocións, recordos.

De Barrio (Xurxo Chirro, 2019) volve a transitar camiños moi coñecidos polo director galego. De barrio combina un dobre arquivo: a dos recordos recollidos a través de voces gravadas con anterioridade, como a entrevista que o seu irmán lle fixo a unha veciña de A Guarda, coa recreación in situ desa propia memoria. A voz é aquí a protagonista, posto que é a que activa unha memoria que, de non ser pola propia acción de filmar o documental, teríase esvaecido e desaparecido sen que ninguén se decatase. Porén, a aposta cinematográfica non chega a transcender, dando como resultado un filme que dialoga moi ben coa linguaxe propia de Youtube, pero que languidece á hora de programalo dentro dunha Sección Oficial como a de Márgenes. Non obstante, cómpre gabar o traballo de Chirro que, ao longo da súa obra e tamén a través das accións que leva a cabo dentro do Proxecto Socheo, destaca por apostar polo cinema non só como un medio de expresión artística, senón como unha videoteca onde almacenar os recordos dunha comunidade e abrilos ao mundo enteiro. En coherencia con esta forma de pensar, gran parte da obra do director guardés atópase dispoñible na súa propia web.

Los Pilares (Raúl Vallejo, Javier Cástor Moreno, Lucía Touceda e Claudia Negro, 2019)

Pechamos esta percorrido por diferentes formas de afrontar o arquivo coa que, posiblemente, sexa a mellor obra da selección. Los Pilares (Raúl Vallejo, Javier Cástor Moreno, Lucía Touceda e Claudia Negro, 2019) é un fermoso traballo a oito mans sobre a obsesión de Antonio García Zarandieta por filmar absolutamente todo. O que parece comezar como o proceso de documentación da construción da piscina familiar, acaba por converterse nun rito que se repite día tras día, filmando desde as uvas de fin de ano, ata a poda das árbores da finca. Nun intre, a muller pregúntalle por que segue filmando o que xa gravou, Antonio responde: “Porque nunca o gravei no día de hoxe”. Esa pulsión de Antonio contraponse á actualidade, onde filmamos máis que nunca pero nunca revisitamos as imaxes que captamos. Antonio grava por querer deixar constancia da realidade que viviu, do propio momento. Un retrato sinxelo pero cheo de fermosura, que nos fai conectar con Antonio a un nivel case familiar, como se toda a vida estivesemos alí con el: na festa de aniversario, nas discusións entre copas e amigos, naquel nadal onde só estaban a súa muller e el.

Comments are closed.