MARÍA (Y LOS DEMÁS), de Nely Reguera

maria-enfurrun%cc%83ada

A crise e as súas consecuencias parecen ter forzado un cambio de paradigma nos protagonistas de moitas películas españolas, especialmente naquelas de xoves directores. Se nos anos 90 e parte dos 2000 imperou o retrato dunha xuventude desnortada durante os vinte anos, na presente década obras de pelaxe e propósitos tan radicalmente distintos entre si coma Las altas presiones (Ángel Santos, 2014), 3 bodas de más (Javier Ruiz Caldera, 2013) o Requisitos para ser una persona normal (Leticia Dolera, 2015) son exemplo da penetración nun novo prototipo de indecisión, ancorado nunha franxa de idade moi superior, na que o entorno comeza a inducir un xiro vital xa entendido como tardío.

O título de María (y los demás) (2016), modélica ópera prima da barcelonesa con raíces galegas Nely Reguera, dificilmente podería ser máis elocuente de por si. A súa protagonista absoluta (Bárbara Lennie), vendedora de libros e proxecto de escritora ben entrada na trintena, que pasou a última etapa da súa vida coidando do seu pai viúvo, experimenta unha profunda revisión dos seus cimentos vitais ao anunciar este a súa nova voda. Con dous irmáns xa establecidos e un núcleo de amizades que empurran sixilosamente cara o compromiso, as ilusión de María pasan pola hipotética publicación da súa primeira novela e a súa incipiente relación cun home casado (Julián Villagrán), factores moi condicionados polas presencias de arredor e os medos internos. Despois de vivir tres décadas parapetándose nos demais, chega o momento de buscar unha identidade propia.

Reguera desenvolve boa parte do conflito persoal a través dunha sucesión de reunións familiares de clase media-alta, tan próximas ao retrato punzante de autores coma Felipe Vega ou Mar Coll – non en van, foi axudante de dirección en Tres dies amb la família (2009) – como a un estilo de comedia de situación aguda e elegante, aínda menos frecuente de atopar no cinema nacional. Porén, son os contados momentos nos que a protagonista aparece soa ante a cámara os que outorgan máis información sobre a súa perentoria necesidade de expresión e definición vital, sexa cantando ao volante do seu coche, fotografíandose a si mesma cun vestido de noiva ou no catártico monólogo final. Este punto apóiase por completo nos ombreiros dunha sobresaínte Bárbara Lennie, cuxas oscilacións aprópianse da película para enxendrar ao personaxe máis complexo da súa xa considerable traxectoria. Sobre a montaña rusa de emocións de María sostéñense tanto a incríble coherencia tonal do filme como o seu sólido retrato do paisaxe humano de fondo, pragado de secundarios cuxo deseño sobrepasa a construción arquetípica – cabería destacar a Jose Ángel Egido, o pai aberto a unha nova vida-.

maria-y-los-demas-1

Moi por enriba do seu desexo de arraigar, María é unha personaxe femenina definitorio do noso tempo, en cuxa perpetua incertidume existencial trasluce un forte desexo de independencia, as gañas de dar ao fin ese golpe na mesa co que case ninguén conta. A cámara de Reguera clausura o periplo polas súas inseguridades cunha carreira en travelling polas rúas de A Coruña, que pecha en si mesma a súa loita por amosar que se pode abrir un camiño propio, na línea daquela danza polas rúas de Brooklyn da Frances Ha (2012) de Noah Baumbach. O océano de oito anos de idade que separa ás dúas personaxes axuda a entender a alma mesma dun debut maduro e sorprendentemente cómico, cuxa virtude esencial é penetrar sen medo nese tornado de dúbidas que é espello de tantas existencias.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario