MARRIAGE STORY, de Noah Baumbach

Ola! Puxen Marriage Story de primeira na miña lista do mellor do ano e penso que me arrepinto. Esta crítica é, máis que unha crítica, unha reflexión para ver por que me pasa iso e descubrir a miña opinión final.

Antes de nada, un meme.

Marriage Story estivo un par de semanas nos cines, nunha desas estreas limitadas de Netflix. Nese período non vin memes nin moito comentario máis aló das críticas positivas da maioría da prensa e así. Ía predisposto a que me gustase porque me gustaran moito dúas pelis anteriores de Noah Baumbach, Frances Ha e The Meyerowitz Stories, e paseino moi ben pasándoo mal coa película: Scarlett Johansson fai dunha actriz que hai anos tivo éxito cunha comedia tipo American Pie e dende entón traballou no teatro. Fíxoo co personaxe de Adam Driver, dramaturgo e director teatral de prestixio nunha compañía “alternativa”. Teñen un fillo en común e nun principio acordan non entrar en pleitos e separarse amigablemente pero logo non pasa. Os conflitos son, basicamente, a rivalidade entre Nova York (onde vivían) e Los Angeles (onde marcha ela), o dominio das prioridades artísticas e vitais del sobre as dela, a custodia do neno, as promesas e expectativas non cumpridas e a maneira de avogadas e avogados de xestionar todo isto. Eu metínme na película, que conta un lote de cousas con bastante calma, case sempre en escenas longas que dan pé a que Scarlett e Adam e mesmo Laura Dern (que fai de avogada dura) se luzan pasando de momentos tenros a momentos rabiosos (e a que se luza Alan Alda, avogado bonachón, nun ton bastante diferente). Nalgún caso, a peli acaba deixando espazo a digresións como o arranque final de Driver cantando “Being Alive” de Stephen Sondheim.

Traduzo unha estrofa sen moito coidado: “Alguén para abrazarme demasiado forte / alguén para ferirme demasiado fondo / alguén para sentar na miña cadeira / e arruinar o meu sono / e facerme consciente de estar vivo / estar vivo”. Pensándoo agora, podería parecer que a canción comenta a película e igual vén dicir que quererse e facerse dano son cousas que van da man (podería ser así, se Scarlett non cantase na escena anterior coa súa familia “You Could Drive a Person Crazy”, tamén de Sondheim). A miña reacción cando saín non sei se foi exactamente esa. Penso que ía comentando que por que hai que facerse mal, por que hai que dar aos avogados os cartos que podían ir para a universidade do noso fillo, POR QUE?? Se cadra estaba sobreactuando, porque a película non é tan dura (e pode ter algo bo en compensar os momentos de dramón con outros de humor patético). Se cadra estaban sobreactuando eles. Ou iso me dixeron despois os memes e parte do meu timeline.

Para daquela o mal xa estaba feito. O día seguinte a ver a peli entreguei a miña lista á Cuarta Parede e dende entón fun atopando máis tuits que me facían sentir un pouco mal.

Facíanme sentir así porque tampouco teño neste caso argumentos de peso para defender a película, máis aló da miña implicación emocional nela. Non sei se iso pode ser a base dunha crítica (creo que non), así que aquí estou, tentando falar máis dos procesos do gusto que do gusto en si. De aí que empezase falando dos memes e dos tuits: na época na que vivimos, unha lista do que nos gusta é unha performance, unha exhibición de trazos que din ao mundo algo sobre nós. Sobre onde nos encadramos, sobre que cousas rexeitamos. Quero ser o tipo de persoa que pon Marriage Story de número 1 na súa lista de películas do ano?

Pensándoo friamente, non. Por que dar máis espazo a día de hoxe (por pouco que sexa) a unha película estadounidense, de Netflix, que trata sobre artistas chachis brancos neoiorquinos? Agora mesmo, a película na que máis penso do ano pasado é Eroski Paraíso, e penso (ou quero pensar) que é unha película que di bastante máis de min que esta, e que fala de amor dalgunha maneira, pero para falar de identidade (que é máis importante). Pero deume por Marriage Story, e por iso estou aquí retorcendo unha crítica, preguntándome canto hai na miña identidade de artista chachi branco neoiorquino e tentando analizarme un pouco.

Se cadra teño dende pequeno unha debilidade por esa maneira de narrar do cine americano medio indie medio mainstream, cun toque popular pero non demasiado popular, supoño que ao estilo de Woody Allen. Poñéndome no peor, pode ser que nalgún nivel me gusten esas películas porque me fan sentir sensible pero sofisticado. Porque funcionan como unha ferramenta de distinción (non son un taquillazo) ao tempo que unha maneira de pertencer a certo grupo de xente (xente que non consume calquera cousa pero que tampouco rexeita todo o que vén do mainstream). Creo que pasou algo diso con Marriage Story: cando eu a vin non a vira ninguén, e polo tanto vela era bastante guai. Logo viuna moita xente e gustoulle moito. Logo viuna outra xente e xa foi coa mosca detrás da orella, porque cando unha cousa lle gusta a moita xente empezan a dar ganas de criticala (non sei, pensemos en Rosalía, salvando as distancias). Logo hai xente que a critica, e pode ser por gusto ou pola simple diversión de facelo. En calquera caso, hai un clima no meu timeline no que parece que hai que responder ao entusiasmo xeralizado por Marriage Story cunha falta de entusiasmo xeralizada.

E agora vou eu e respondo a esa falta de entusiasmo cunha autoxustificación, cando realmente é probable que se a tendencia segue empece outra oleada de resposta na onda de “pois non sei por que critican tanto Marriage Story se está moi ben”. En calquera caso, neste momento penso que me equivoquei moito facendo a lista, porque a responsabilidade de establecer unha xerarquía entre as obras doutra xente debería valer ou ben para facer unha afirmación de peso (non sei, defender un cine radical na forma ou no contido, ou defender un cine popular) ou, máis tristemente, para ir de guai (e tampouco demasiado). A min non me valeu para ningunha das dúas cousas, e aínda por riba levoume ao encargo de facer este texto, que é en parte un intento de ser sincero e en parte unha performance tamén.

As miñas conclusións? Creo que é difícil ter opinións fortes sobre as cousas. Creo que hai veces en que o diálogo sobre a cultura que poden traer as redes non compensa a dinámica de influencia que se crea (ou igual dígoo porque tampouco son capaz de escapar dela). E creo que volverei ver Marriage Story nun tempo, probablemente con miña nai na tele da casa, e que ese día saberei canto me gusta de verdade. Se iso daquela xa vos conto.

Comments are closed.