MATTHIAS & MAXIME, de Xavier Dolan

I saw love disfigure me
Into something I am not recognizing.

Song for Zula

 

Xavier Dolan cumpriu trinta anos e faino reivindicando a dúbida, a amizade e as cancións pop. Matthias & Maxime, a súa última película, chega tras o terremoto que provocou o Gran Premio do Xurado para Juste la fin du monde no festival de Cannes fai catro anos, e a malograda The Death & Life of John F. Donovan (2018), na que o complicado proceso de posprodución fixo que o director eliminase ao Malick todas as escenas de Jessica Chastain. A crítica foi máis ou menos unánime ao considerar estas dúas últimas películas como dous fracasos: balbordo, histerismo e excesos por todas partes.

Matthias & Maxime supón a súa oitava película, e unha volta a un Quebec que nunca abandonou, para presentar a un grupo de amigos que se reúne durante unha fin de semana nunha casa xunto a un lago nos arredores de Montreal. Debido a unha aposta (perdida), Matthias (Gabriel D’Almeida Freitas) e Maxime (interpretado polo propio Dolan), amigos inseparables desde a infancia, aceptan protagonizar unha curtametraxe estudantil, dirixida pola insufrible irmá dun dos amigos do grupo, na que deben bicarse. A cámara corta antes do momento e o espectador non chega nunca a presenciar o instante. Matthias e Maxime, aparentemente, continúan coas súas vidas.

Maxime está inmerso nos preparativos para mudarse a Australia, fuxindo da precariedade, da súa familia e, probablemente, de si mesmo. Antes debe deixar a cargo da súa tía a tutela da súa nai (Anne Dorval, quen xa interpretou a varias “nais” dos filmes de Dolan), abusiva e ex-adicta, que se resiste con fereza a calquera axuda asistencial. De novo, varios trazos característicos do cinema de Dolan aparecen condensados na historia de Maxime: as gretas da familia disfuncional (como en Juste la fin du monde), as tensións materno-filiais (reflectidas en Mommy ou J’ai tué ma mère) ou a ausencia da figura do pai. O propio Dolan asegurou en entrevistas posteriores ao pase en Cannes que non sentía a necesidade de contar con figuras paternas no seu cinema.

No outro extremo desta particular balanza emocional está Matthias. Avogado prometedor, con parella estable e encamiñado cara á vida adulta, parece resignarse a que a marcha de Maxime significará o inevitable fin da súa amizade e, por extensión, dunha parte de si mesmo. Con todo, o bico eludido na pantalla e que nós, os espectadores, apenas vemos durante uns segundos como un reflexo durante a proxección da curtametraxe, vai perseguilo e atormentalo. Unha non-imaxe que fará aflorar, en ambos, sentimentos quizais negados e rexeitados durante anos.

Do mesmo xeito que a marca rosácea que percorre o rostro de Maxime, o bico entre ambos é unha pegada indeleble imposible de esconder. Funcionará como un catalizador de todo aquilo que calan e non expresan: a pulsión sexual, os cimentos cambaleantes do desexo e os íntimos tentáculos da amizade masculina que dan pé ao amor máis intenso. Porque, en palabras do propio director,  Matthias & Maxime trata da amizade e do amor, pero tamén da fraxilidade e a vulnerabilidade que supón ser un mesmo desde a mirada dos outros pero tamén debido a esa mesma mirada dos outros.

Comments are closed.