MEEK’S CUTOFF, de Kelly Reichardt

Michelle Williams interpreta a Emily Tetherow

A FRONTEIRA, A MULLER E O SALVAXE ·

“A conquista do Oeste é sempre un movemento, o termo western unha dirección”

Cleia Cohen

O mito da fronteira

Ambientada en 1845 en Oregón, Meek´s Cutoff móstranos o errático movemento polo deserto dunha caravana de colonos formada por 7 membros en dirección á terra prometida. Kelly Reichardt recolle e destila todo a épica da conquista do Oeste e a mitoloxía das viaxes en caravanas que estaba presente en William A. Wellman ou Anthony Mann e crea unha obra onde o rexistro do baleiro e do silencio aproxímanos aos western de Monte Hellman, cunha estética próxima á épica intimista e introspectiva do Gus Van Sant de Gerry ou Last Days. Disto último ten a culpa Chris Blauvelt, que traballara como asistente de cámara na ‘triloxía da morte’ co director de Kentucky. Blauvel realiza un traballo sublime captando as tonalidades do deserto, o ambiente opresivo e tenso no grupo de colonos, dotando á película dunhas texturas sensitivas e táctiles que provocan que a calor e a dureza do traxecto se apoderen do espectador por momentos.

Pero o traballo de Kelly Reihardt vai máis aló dun coidado formalismo. A cineasta mostra a crise e a creba da utopía americana a través do mito da fronteira. A fronteira xa non se conquista nin se explora en Meek’s Cutoff porque é un territorio de incerteza e dúbida. As paisaxes desérticas deixan paso ás paisaxes interiores e os valores heroicos ceden ante a necesidade de sobrevivir.

Que sería o western sen a muller?

O cinema do Oeste sempre foi un xénero no que a figura do home tivo maior peso que a feminina. Pero o western retrata a muller e a familia como factores fundamentais para o progreso e o desenvolvemento. A muller civiliza a contorna e actúa como un motor de cambio destinado a procurar a estabilidade necesaria para asegurar o futuro da parella e dos fillos. A muller como factor de equilibrio e garantes do futuro e depositaria da tradición foi un estereotipo recorrente nun grande número de películas do Oeste. Kelly Reihardt é consciente de todo isto e xoga con iso, ampliando todos estes arquetipos en Meek’s Cutoff.

A muller está moi presente na cinta

A muller está moi presente na cinta

Pero a cineasta americana non pretende masculinizar nin dotar de heroicidade as mulleres que retrata, como facía William A. Wellman en Westward the Women (1951). Máis ben todo o contrario. A seu cámara fai fincapé no cotiá dos seus xestos e accións, nos seus traballos e rituais diarios, bendicir ou preparar a comida. A cineasta americana filma todo aquilo que nos western dos anos 40 e 50 sería accesorio, innecesario, refugado á primeira de cambio: os tempos mortos. Quizais sexa el motivo polo que un ten a sensación de que nunca antes vira unha muller no Oeste, porque nunca antes na historia do cinema ninguén recollera os seus rostros e as súas expresións cansas, a ritualidade e o cotián dos seus xestos, os seus silencios e miradas deste xeito. E é que Kelly Reihardt sempre soubo filmar e dotar da súa xusta importancia eses xestos que parecen tan nimios pero que teñen tanto valor na vida, como se a mellor herdanza de Raymond Carver recaese nela.

O salvaxe

O indio no western sempre simboliza a loita contra unha cultura e uns instintos que son vistos como hostís, opacos e ameazantes; portadores dun primitivismo maléfico e unha cultura pagá que se opón ao desenvolvemento e á boa moral cristiá. Na maioría das ocasiones os indios nas películas aparecían sen personalizar ou individualizar, eran presentados sempre de xeito homoxéneo, nunha representación xeral do mal, presenzas belicosas e agresivas, seres primitivos, ignorantes e sen escrúpulos, corpos anacrónicos e molestos, un escollo que é necesario eliminar a toda costa para traer o progreso ao Oeste. Pero que ocorre cando nos atopamos perdidos no medio do deserto sen auga e a nosa única salvación é un pel vermella? Como deixar atrás todos eses prexuízos? Estas cuestións son as que articulan o núcleo dramático de Meek’s Cutoff.

A expedición perdeu a confianza no seu guía Sthepan Meek (Bruce Greenwood). Prometeulles que chegarían ao seu destino en 2 semanas. Levan 5. Os receos e o escepticismo crecen a medida que a auga e a comida escasean. A imparable verborrea de Meek e as súas narracións de fazañas con osos e enfrontamentos contra pagáns non conseguen tranquilizar un resentimento que empeza a reflectirse na mirada do grupo, unha sensación de motín planea como un asubío nas caravanas de colonos. A máis que dubidosa autoridade de liderado que Sthepan Meek ostenta sobre todo o grupo comeza a quebrarse como a terra húmida cando seca pola calor asfixiante.

Emely Thetherow (Michelle Williams) será a primeira en mostrar o seu descrédito ante a figura fachendosa e pedante do guía. O encontro cun indio Caiuse será el punto de inanición e ruptura con Sthepan Meek. O guía ten uns prexuízos tan opacos e escuros como a súa ancha barba, e non contempla a posibilidade de deixar con vida un pel vermella. Emely Tetherow e o seu marido Soloman (Will Patton) verán na figura sempre inquietante e ameazante do indio a única posibilidade de atopar auga e polo tanto serán partidarios de mantelo vivo.

O filme mostra a rutina, lonxe da épica do western

O filme mostra a rutina, lonxe da épica do western

O encontro co indio en Meek’s Cutoff, un corpo estraño, alleo e salvaxe que sempre foi a representación do perigo e do mal no Oeste, un intruso, que non pode ser eliminado porque esta vez vaise converter no símbolo da supervivencia e a esperanza. A figura do indio Caiuse (Rod Rondeaux) non será, entón, moi distinta á daquel corazón transplantado que portaba Michel Subibor en L´intrus (Claire Denis, 2004), un órgano alleo e estraño, procedente doutro que tiña que aceptar porque sen el estaría morto. Pero a incerteza, e desconcerto e o medo sobrevoan a expedición. Depositar toda a esperanza en alguén tan alleo a nós convértese nunha cuestión de fe. As barreiras culturais, raciais e lingüísticas que existen entre o indio Caiuse e os colonos parecen tan infranqueables como o deserto que cruzan. A hostilidade do deserto abrasador, a presenza ameazante do indio, a tensa calma que se respira, os silencios, as miradas acusadores que os colonos mandan ao seu guía, o lento paso das caravanas, a extraordinaria e inquietante música de Jeff Grace, a opresión dos planos e encadres de Cris Blauvelt, van creando que o clima da película se volva tan irrespirable e sufocante coma o aire de deserto.

A actitude, os xestos e as miradas que Emily Tetherow ten cara o indio Caiuse móvense entre o desconcerto, o asombro e o medo. A mestría de Kelly Reichardt reside en captar as dubidas, ansiedades e a desconfianza por medio da inevidencia, unha capacidade de facer palpable o íntimo e o interior por medio do silencio e os xestos que a cineasta americana manexa de forma brillante. O espectador é capaz de ler toda a inseguridade e o desconcerto na expedición de colonos cara o indio, o receo e o escepticismo cara Sthephan Meek sen que a penas se exteriorice de xeito verbal.

O plano final de Meek´s Cutoff é sen dúbida un dos planos máis brillantes que rodou a cineasta americana en toda a súa traxectoria (mellor plano del 2010?), a espiritualidade e a ambigüidade que transmite produce no espectador unha emoción próxima ao desconcerto, a mesma que debe embriagar aos colonos. Pode que nas súas mentes transite a mesma reflexión que facía o señor Peacock en The Stagecoach (John Ford, 1939): “A fin de contas, a viaxe foi interesante e proveitosa, non cren?”. O proveitoso da viaxe consiste, quizais, en desterrar prexuízos, o recoñecemento do outro como semellante e diminuír as barreiras que se erixen entre uns e outros.

Comments are closed.