MIA MADRE, de Nanni Moretti

Unha mirada cansa, unha vía intravenosa, a habitación dun hospital. Marguerita senta ao carón da súa nai. Despois de Habemus Papam (2011), unha sátira que circula ao redor dos funcionarios de Deus, Nanni Moretti deixa de lado o sarcasmo que caracteriza os seus filmes para tratar un tema autobiográfico e introspectivo, a enfermidade da súa propia nai. Mais o director italiano decide que será unha muller a que interprete o que él viviu uns anos atrás. Mia Madre retrata a realidade dunha muller solteira, que debe lidiar co seu traballo, a enfermidade da nai, unha ruptura e a educación da súa filla.

Marguerita é unha directora de cine que está a traballar nun dificultoso filme político, protagonizado por un famoso actor estadounidense. Ten ademáis unha filla adolescente á que educar; e estase separando do seu compañeiro. Con todo isto, debe confrontar a enfermidade da súa nai, da que ela e o seu irmán (interpretado polo propio Moretti) asisten e cuidan.

«She was just sleeping somewhere, now she’s come back to hold my hand, and we go walking, and the years have all melted away, yeah, I remember you like yesterday, and the summer’s here, so say goodbye to rain…» De novo Nanni Moretti acerta escollendo a banda sonora, adecuada como sempre ao guión. Aquí conviven soño, imaxinación, preocupacións, pensamentos e recordos; e ata os sentimentos máis tristes están impregnados dunha conmovedora dozura. Mentras que en La stanza del figlio (2001) os personaxes aceptan a realidade da pérdida, este filme trata mais ben o doloroso proceso que conduce á perdida, os lentos pasos que acompañan o recoñecemento do que é inevitable.

Captura de pantalla 2015-11-28 a las 20.22.48

O filme é unha análise sobre como a enfermidade afecta ás dinámicas da familia, asi como tamén unha reflexión sobre o vivido polo propio Moretti. Para isto, o director precisa alonxarse e adoptar un punto de vista diferente, interpretando o rol do irmán. Así, a historia é contada dende un punto de vista feminino, mediante tres xeracións de mulleres. A través da figura materna a protagonista explora a súa propia vida, na que os seus pensamentos e esperanzas agardan na fila do cinema.

“Mama, en qué pensas? No mañá”

Marguerita non acepta a situación na que se atopa a súa nai, o feito de que lle queda pouco de vida. Cando non se atopa no set, tanto ela coma o irmán pasan as horas nunha lúgubre e depresiva habitación de hospital ao carón da anciá. Moretti retrata moi ben a angustia da protagonista e a que tamén foi a súa propia; cando se atopa na rodaxe, por veces semella que está só presente en corpo, namentras os seus pensamentos están somerxidos en recordos ao redor da figura materna. Marguerita traballa coa ficción, mais fóra dos decorados está a vivir unha crúa realidade. O excéntrico actor John Turturro, xunto coas súas faladorías e mentiras, contrasta co personaxe aflixido e desolado da protagonista. Ademais, non existe comunicación entre o actor e a directora, nin con berros se logran entender. Doutra banda, a pesar de non falar, si que hai comunicación entre a protagonista e a súa nai. Ada non é quen de articular verba, mais a conexión nai e filla está sempre latente, e é retratada dun xeito tenro e cariñoso, mediante cómplices miradas e fermosos primeiros planos. Do mesmo xeito se retrata a cooperación entre irmáns, que se apoian o un ao outro.

Mais a introspección sombría tamén se contrarresta con algo de comedia, manifestada en forma de autocrítica e tamén ensinando as barreiras artísticas coas que ten que lidiar a protagonista, amosando os problemas que vive no set de rodaxe, xunto coa súa obstinación polo estilo de actuación dos actores; que só os logra confundir. En Mia Madre cóntanse en realidade dúas historias, a rodaxe dun filme nunha fábrica que aporta o toque de humor e conciencia social; e doutra banda a enfermidade da nai. Deste xeito, o vínculo entre as dúas historias é Marguerita, que loita con ambas, asi como tamén coas súas emocións.

A pesar do irrisorio personaxe de John Turturro, que pouco aporta, este é un filme xentil e astuto, que se vale da figura materna para reflexionar sobre as relacións materno filiais e fraternais, das relación humanas, pero tamén sobre a morte e cómo afrontala. O drama interno de Marguerita e a consciencia de que pronto se terá que despedir da súa nai fannos viaxar a través do tempo e os soños da protagonista, retratando a confusión e a incerteza da mesma. Por iso esta tamén é unha homenaxe á figura materna, peza central en torno á cal xira o filme, a adicada profesora interpretada dun xeito xenial por Giulia Lazzarini, disposta a ensinarlle latín á súa neta ata o seu último alento.

 

 

 

Comments are closed.