MID90S, de Jonah Hill

202113_1332959.jpg.1500x1000_q95_crop-smart_upscale

Hai unha clase de filmes, os chamados coming of age, nos que acudimos como espectadores a un proceso de madurez, crecemento ou aprendizaxe dun protagonista que vive unha época de cambios. No caso de Mid90s (Jonah Hill, 2018), ese protagonista é Stevie, un rapaz de trece anos que vive nun barrio obreiro de Los Angeles a mediados dos anos 90. Stevie ten que lidiar no seu día a día cunha nai ausente e un irmán violento que abusa del. Interésase polo mundo do skate e atopa amparo nun grupo de skaters maiores ca el, cos que comeza a saír.

Mid90s é o debut como director e guionista de Jonah Hill, que decidiu dar o salto á dirección despois dunha ampla carreira como actor. Hill constrúe o ambiente perfecto para esta historia, comezando pola decisión de filmar 16mm, tal e coma se estivese rodada no propio tempo no que ocorre a historia. A fotografía da película é coherente con isto e, sendo correcta, non sorprende en ningún momento con planos complicados nin grandes alardes técnicos. A cor, o granulado e o formato 4:3 apórtanlle á película unha autenticidade acorde coa historia. Tamén a música, formada case ao completo por temas noventeiros de The Pixies, Nirvana, Omega e demais clásicos daquela época, acaban por construír o ton do filme. Porén, hai momentos nos que o uso da música resulta un pouco excesivo e chega a desprazar a atención do verdadeiramente importante: as conversas, as miradas, o silencio. Por poñer algunha gralla ao filme, algunhas escenas precisarían un ritmo menos axitado, máis pausado, onde a música non estivese tan presente.

Destaca na montaxe a destreza coa que a imaxe québrase de forma brusca, un recurso que funciona especialmente ben. Hai varios momentos nos que a acción sufre un corte repentino, tanto a imaxe como o son córtanse de súpeto. Nun momento Stevie e a súa nai discuten a berros, e, no medio da bronca, que vai sendo cada vez máis intensa, de súpeto, o son párase e a imaxe córtase, pasando á seguinte escena. Unha ruptura da narrativa que deixa unha sensación de baleiro como deixan as discusións fortes na realidade. Poderían deixarnos a discusión completa ata que os personaxes se calmasen, pero o impacto da secuencia sería moito menor.

Unha das mellores sorpresas de Mid90s é o reparto. Os actores que forman o grupo de amigos foron escollidos por Jonah Hill dando preferencia á súa condición de skaters. Non buscaba actores profesionais, senón persoas que tivesen cousas en común co personaxe que ían interpretar. Así, cada personaxe ten a súa personalidade, todas ben diferenciadas (quizais mesmo un pouco estereotipadas), que os actores defenden con efectividade: nótase que coñecen na realidade o personaxe que interpretan. Destaca entre eles Na-Kel Allah Smith, que interpreta a Ray, o líder do grupo e o personaxe con maior sensibilidade, que acaba por ser mentor de Stevie. Ray é o personaxe máis profundo, o que coida dos demais e se preocupa de verdade pola situación de Stevie.

hero_mid90s-image

Porén, entre todos, destaca Sunny Suljic, coñecido por The Killing of a sacred deer (Yorgos Lanthimos, 2017), que con só 13 anos é capaz de encarnar a Stevie, o protagonista, un personaxe difícil, que sufre violencia, goza, fai skate e tontea coas drogas e o sexo. De feito, vendo Mid90s é imposible evitar pensar no delicado que debe ser facer a un rapaz tan novo interpretar a un personaxe que fuma, experimenta co alcol e as drogas e descubre a súa sexualidade. Sexa como sexa, a profesionalidade de Sunny Suljic deixa claro que ten merecido o papel protagonista desta película.

Hill ten a delicadeza necesaria para tratar temas como os pais ausentes, a violencia infantil, as drogas e a pobreza sen caer nos tópicos ou no melodrama. Stevie busca un lugar ao que pertencer, busca sentirse aceptado para non sentirse só, saír dunha casa que non é un fogar, e atopa un grupo de persoas que o aceptan como é. Aínda que ao principio trátano case coma unha mascota, co tempo Stevie descubre a amizade e lealdade. Cando Stevie ten un accidente de skate, súa a nai vai buscalo ó hospital. Alí, atópase con todo o grupo de amigos, que están agardando na sala de espera desde hai varias horas. É entón cando descubrimos que Stevie é un máis do grupo, que son amigos.

Mid90s non se desentende da crítica social. A personaxe de Fourth Grade, interpretado por Ryder McLaughlin, está todo o tempo cunha cámara na man, gravando a súa vida. A pesar de non deixar a cámara case en ningún momento, a idea de ser director de cine é unha utopía para el, de feito parece avergoñarse por manter a esperanza de poder chegar a selo. Os problemas da clase obreira están presentes en Mid90s permanentemente, a condición social dos protagonistas provoca neles a obriga de madurar antes do habitual.

A forma na que está filmada a película, o seu formato, a autenticidade das interpretacións e a música conseguen en menos de 90 minutos facer que mesmo os espectadores máis novos sintamos nostalxia dunha época que non vivimos. Mid90s non é unha gran historia, non conta nada que non teñamos visto antes noutras películas deste tipo, pero ten un punto de orixinalidade que reside na forma na que se conta a historia, con modestia, sensibilidade e afecto polo cine.

Comments are closed.