ENTREVISTA A MIGUEL ÁNGEL HUERTA

Este texto forma parte da serie de entrevistas realizadas a docentes que iremos incluíndo ao longo deste mes no noso especial sobre cinema e educación. En consecuencia, os asuntos abordados son esencialmente os mesmos con tódolos participantes, co fin de ofrecer diversas perspectivas sobre unha mesma cuestión.


“A UNIVERSIDADE DEBE SER O FARO E NON A FACTORÍA”

John Ford é a Miguel Ángel Huerta o que Wilder a Trueba. O fervor deste estremeño polo mestre que “facía westerns” eclipsaría a de Torrente polo Fary, e a súa apaixonada defensa do cineasta das lentes afumadas, o parche e a pipa só se pode comparar en contundencia coa de Angela Merkel e o seu pacto fiscal. É máis: corre o rumor de que este cacereño retranqueiro foi un personaxe fordiano nunha vida pasada…

Miguel Ángel Huerta, Michi para amigos e alumnos, desempeña máis cargos na Facultade de Comunicación da Universidade Pontifica de Salamanca que Isabel Carrasco en León, mais, inda así, sempre se regala ese paréntese no que senta ante a súa pantalla de plasma, cos pés sobre a táboa, e revisiona algún dos poucos capítulos de The Sopranos dos que aínda non memorizou os diálogos. Mais, para diálogos, pensará el, os do seu admirado Paul Schrader, a quen define como “guionista compulsivo” e “crebacabezas existencial”, e cuxa “esquizofrenia artística e intelectual” desenfía nun libro publicado por Ediciones Akal.

Pero volvamos a Michi. Malia non concordar co conto de que “xa non se fai cine coma o de antes”, as súas querenzas cinematográficas si deixan entrever a un cinéfilo nostálxico, ou, como mínimo, clásico: de Hawks a Wilder e de Hitchcock a Peckinpah, aínda que o seu corazón merengue tamén alberga espazo para Buñuel ou Visconti. Proba visible deste clasicismo podería ser o feito de que, mentres a hibridación evolutiva do cinema contemporáneo obstinábase en diluír as fronteiras de xénero, el dedicaba incontables días da súa vida (incluídos sábados, domingos e festas de gardar) á súa tese doutoral Los géneros cinematográficos. Usos en el cine español 1994-1999, aos que define como “entidades que se transforman e readaptan en función dos intereses e necesidades dos usuarios”.

Dicía Kurosawa que cun bo guión pódese facer unha película boa ou mala, pero que cun mal guión o resultado sempre será unha mala película. Fiel a ese espírito, Michi coordina xunto a Pedro Sangro e Ernesto Pérez o Máster en Guión de Ficción para Cine y Televisión de la UPSA : “a meniña dos seus ollos”, confesa. Este máster conta entre os seus colaboradores con profesionais do talle de Enrique Urbizu, Rodrigo Cortés ou Xavier Pérez, e leva unha década formando a alumnos para “ser guionistas e non morrer flotando nunha piscina”.

Como profesor, Michi Huerta atesoura a cada vez menos frecuente virtude de contaxiar ao alumno o seu entusiasmo e paixón, grazas a unha oratoria (hai quen o chama labia) que reúne con eficacia a elocuencia avezada, o entusiasmo cinéfilo e o humor castizo. Aínda que logo non resulta tan convincente, ao seu pesar, cando toca avogar polo seu Real Madrid. Ardua tarefa a de avogado do diaño…

Michi Huerta: ardente cinéfilo e convencido madridista, e viceversa.

Os plans de estudo de carreiras como comunicación audiovisual, xornalismo, publicidade, belas artes, historia da arte ou filoloxía inclúen materias de cinema, pero, por que non existe unha facultade de cinema?

Creo que coa adaptación ao EEES e os plans de Boloña houbo algunha universidade privada que reconverteu a súa antiga licenciatura de Comunicación Audiovisual nun novo grao de Cinema e Televisión. E é posible que no futuro haxa quen siga esa liña, malia que cada vez ten menos sentido falar do “feito cinematográfico” se non é en relación coa revolucionaria paisaxe do “feito audiovisual” no seu conxunto. As imaxes en movemento viven actualmente nunha promiscuidade estimulante, difusa, híbrida e mutante. O asunto dá para divagar moito, tanto que ignoro se contestei correctamente á pregunta.

Cales cres que son as principais diferenzas entre aprender cine na universidade e nunha escola profesional?

A Universidade ten a obriga de cuestionar o sentido máis profundo da praxe profesional. Non só debe proporcionar ferramentas para un bo facer, senón que ten a misión de reflexionar sobre os principios, os procesos e as consecuencias do discurso audiovisual. Unha escola ensina o oficio e axuda a dominar a técnica. En calquera caso, non coñezo un cineasta importante que, pase ou non polas aulas universitarias, non dedique infinito tempo ao cuestionamento último da personalidade das imaxes que nacen da súa cámara.

Para moitos alumnos interesados esencialmente no cinema, a heteroxeneidade dunha carreira como comunicación audiovisual pode provocar, ao finalizar os seus estudos, unha sensación de saber pouco de moito e moito de nada…

Saber pouco de moito paréceme estimulante. O importante non é o que “coñeces”, senón o adestramento intelectual para saber adaptarte con naturalidade ao corredor polo que che penetres despois. Doutra banda, creo que o problema da heteroxeneidade dos plans de estudo corrixiuse en moitas universidades que conquistaron, por fin, a maioría de idade dos estudos de Comunicación Audiovisual. Ademais, a aprendizaxe é un feito que non termina nunca. Se o paso por unha facultade sitúate ao menos nun mapa, por esquemático que sexa, cada un debe ocuparse de decidir aumentar a súa visión pondo a lupa no territorio que máis lle interese.

Cal é o impacto que está tendo o Plan Boloña na Facultade de Comunicación? Que transformou, facilitou ou dificultou?

En si, nada. Pero permitiu ás universidades reformular os contidos dos seus plans de estudo. Algunhas aproveitárono e outras non. Afortunadamente, na que eu traballo pertence ao primeiro grupo e basta con escoitar aos nosos alumnos para saber que acertamos, sen dúbida algunha.

Que función cumpren os masters como especialización e achegamento ao mundo profesional?

Depende. Hai masters orientados á investigación e outros que teñen un perfil máis “profesionalizante”, utilizando a terminoloxía administrativa ao uso. Un máster, en calquera caso, obriga á especialización da que falabamos antes e vén en auxilio do alumno para ampliar a súa visión do territorio. Xa que unha me viu unha neurona ao auxilio coa metáfora da lupa recorro a ela de novo: un máster debe ser esa lupa.

Como valoras estes sete anos do Máster de guión da UPSA?

Que foron máis, xa que tivo tres anos previos como Curso de experto. Foi unha década apaixonante que demostrou que o amor polo traballo ben feito dá os seus froitos. Todo o mundo profesional e industrial coñécenos e recoñécenos como a referencia neste ámbito. Fai uns días comín con Enrique Urbizu, que visitaba as nosas aulas, e confirmábame que é un feito indiscutible. Estamos moi orgullosos do que logramos ser e da imaxe que teñen os nosos antigos alumnos de nós.

Cal cres que debe ser a relación entre universidade, industria e empresas?

Se tivese tempo daría unha resposta eterna, case un ensaio, a semellante pregunta. A Universidade debe ser o faro e non a factoría. Por desgraza, o discurso utilitarista e pragmático insiste en que o templo do saber debe porse ao servizo das necesidades industriais e formar profesionais que as satisfagan. Pero ese é o final definitivo da institución universitaria, que ten a obriga de centrarse no “deber ser” e non na transmisión do que “xa é”. Debe forzar ao pensamento crítico e propor alternativas, xamais empeñarse en reproducir mensaxes interesadas que adoitan terminar sendo destrutivas. Un ve Inside Job e atende aos mecanismos financeiros para dominar o discurso académico, e ponse a tremer sobre o papel de sometemento ao que a Universidade está chegando.

Que lugar consideras que debe ocupar o audiovisual no ensino de primaria e secundaria? Que se está a facer mal ou debera de facerse?

Debería ocupar a mesma relevancia que outras linguaxes, sexan a escrita, a falada ou a das artes plásticas. Os nenos deben aprender a ler todos os discursos, sexan escritos ou audiovisuais. Pero unha mestura de ignorancia e mala intención leva a considerar que os discursos audiovisuais son evidentes porque a imaxe vese e o seu significado compréndese ao instante. “Ver para crer”. Pero xa nos ensinou algo Kuleshov, creo. Un podería preguntarse as razóns que explican esta querenza ao analfabetismo audiovisual e ata podería contestarse que as decisións dos individuos están moi determinadas por esa ignorancia disfrazada de significados evidentes. Que se está a facer mal? Cando non se fai case nada estase a facer todo mal. A linguaxe audiovisual debe ter un papel esencial na escola e no instituto, pero sospeito que queda moi lonxe o día no que iso suceda.

Para rematar, unha pregunta para filosofar. Como se ensina a un alumno/espectador a enfrontarse a un texto fílmico?

O único modo efectivo que coñezo é o contaxio dunha paixón persoal sincera e intensa polo obxecto de estudo. Se ao alumno/espectador lle entra ese virus pasional que o leva ao pracer da análise, a función principal do docente estará cumprida.

Miguel Ángel Huerta é Vicedecano de Posgrado e Extensión Académica da Facultade de Comunicación da UPSA.

Comments are closed.