MISS LEDYIA, de José Gil

Miss Ledyia 1

O pasado 4 de marzo, o Teatro Principal de Pontevedra acolleu o 100 aniversario de Miss Ledyia, primeira película de ficción galega, rodada no 1916 por José Gil. Un século atrás, tamén na cidade de Pontevedra, a equipa da película inauguraba unha nova senda da cultura galega na que os éxitos e a fama internacional chegaría cos anos posteriores. O presidente da Academia Galega do Audiovisual Carlos Ares, rodeado pola habitual comitiva de autoridades que acompañan a este tipo de acontecementos, lembraba aquelo que dixera Xurxo González sobre que o cine “é un acto de amor” e desexaba mil primaveiras máis ao cinema galego. Discursos aparte, a presentación do filme foi encomendada ao profesor Ángel Luis Hueso, que lembrou o carácter do cine primixenio como un cine case observacional onde as grandes historias era eventos cotiás: a chegada do tren, a saída da fábrica… Unha introdución percorrendo os inicios do cine e esta particular aventura que é Miss Ledyia, introduccón feita en perfecto castelán. Irónico aniversario celebrar a importancia da primeira película de ficción galega, celebrar a importancia do cine como ferramenta para a difusión da nosa cultura en castelán. Mais, deixemos a sorna e a crítica aparte.

Miss Ledyia relata unha historia de amor e intriga, como o cine clásico adoitaba. Ademais dunha relación de parella e da existencia dun posible triángulo amoroso, a película céntrase tamén no intento de atentado que o camarada Ruskin trata de acometer contra os reis de Suevia. Filmada na illa da Toxa, a película consigue despoxarse da identidade do escenario para pasar a habitar o universo cinematográfico. E é que, de non ser polos intertítulos en castelán, ou pola actuación dun xove Castelao, a peza podería pasar por ser un dos primeiros filmes de calquera país. Quizais sexa por este afán de abranguer o maior público posible que a trama sexa algo universal e extrapolable a calquera pantalla. Fronte ao exotismo que hoxe pode abondar na cinematografía galega onde se busca filmar os signos identitarios como algo único e propio de Galicia (a rapa das bestas, a xeografía galega, etc.), Jose Gil escolle filmar en Galicia, pero non filmar a Galicia.

Miss Ledyia 2

Entre as furtivas miradas a cámara dos actores, agóchase un dos guiños da película que cativa a curiosidade e o sorriso. Nun intre, a raíña de Suevia e o millonario Katzon preparan unha viaxe en coche. O chófer, que os agarda fóra do hotel, axúdaos a subir e arranca o vehículo. Mais este, a pesar das miradas impacientes a cámara do condutor, fica inmóbil. É nese momento, cando o condutor vai baixar a accionar de novo a manivela que activa o motor, cando un corte de cámara sitúa ao chofer ao volante, mirando ao fronte, e arrancando con éxito o vehículo. O que pode ser unha anécdota, cobra maior importancia ao considerar o feito de que José Gil, ademais de director da película, era vendedor de coches Ford. E, loxicamente, un vehículo seu non funcionando na pantalla non é boa publicidade.

Alén da fito histórico, Miss Ledyia é unha aventura artística. É o detonante dun novo camiño da arte galega que traería non só éxitos e recoñecementos máis alá das fronteiras galegas, senón que axudaría a crear un tecido industrial, máis ou menos grande, arredor do cinema. Curtametraxe ou mediametraxe, pouco importa a duración, Miss Ledyia é cinema, e o cine non se mide en minutos ou en metros de película empregado senón na importancia da obra: e, cen primaveiras de cine despois, é innegable que apostar por abrir o camiño da sétima arte en Galicia foi arriscado pero moi exitoso.

Non hai artigos relacionados.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario