MONOS, de Alejandro Landes

A perda da inocencia e o paso da adolescencia á etapa adulta son temas ben habituais no cinema contemporáneo. Este período corresponde co descubrimento da identidade dun mesmo e a conformación do adulto que, de aquí en diante, será responsable de si mesmo e das súas accións. Se ben abonda pensar apenas uns segundos para atopar referentes neste sentido, hai outros filmes que tamén se achegan a este ‘coming of age’ desde unha visión bastante máis arriscada. Este é o caso de Monos.

O filme comeza nun lugar indeterminado dun país indeterminado durante un conflito indeterminado; mais apenas uns minutos bastan para que localicemos esta historia en Colombia (posiblemente sexan os nosos prexuízos, que buscan facer localista unha historia con claro carácter universal). Entramos no filme durante o adestramento do que semella un comando militar dalgún tipo. Nada diferenciaría esta película de calquera outro bélico de non ser porque este comando, os ‘monos’, son adolescentes. Pitufo, Pata Grande, Sueca, etc., son os integrantes dun comando paramilitar destinado a manter con vida a unha doutora estadounidense secuestrada. Non sabemos cales son os fins deste secuestro, nin porque esta doutora é o obxectivo do mesmo. Precisamente esta ausencia de información respecto ao contexto permite que nos centremos de pleno nas dinámicas da relación de este grupo de adolescentes formados e armados.

Semella obvio facer unha referencia á novela ‘Lord of the flies’, ou incluso tirar referentes cinematográficos con filmes como Apocalypse Now (Francis Ford Coppola, 1979), porén a forma de executar a historia que ten o director axiña se distancia do que son meras fontes de inspiración. Alejandro Landes filma aos ‘monos’ desde preto, permitindo que poidamos ver todas aquelas emocións e sentimentos que non son verbalizados: nun clima de guerra, non hai espazo para sentir piedade, perdón ou arrepentimento, mais ás veces estes sentimentos saen igualmente polos poros. Cada acción física destapa un sentimento que fai que coñezamos as debilidades destes guerrilleiros, que descubramos a empatía propia dunha etapa onde a psicopatía propia da guerra só está presente nalgún dos ‘monos’. A  linguaxe cinematográfica da guerra non está presente en Monos, xa que todas as accións físicas (loitas, disparos, etc.) son realmente motivadas por dilemas ou sentimentos. Un exemplo deste distanciamento do cinema bélico máis clásico é as imaxes desde as trincheiras, nas que vemos aos guerrilleiros desde o prisma duns lentes de visión nocturna. A cor verde inunda a imaxe, conectándoa directamente con aquelas imaxes dos bombardeos da Guerra do Golfo e aquel discurso sobre a simulación que Baudrillard berraba contra a saturación plástica das televisións.

Neste páramo verde que é o cume da montaña onde está o campamento base dos ‘monos’, axiña aparecen os xogos. Nun primeiro momento disfrazados dentro dos propios exercicios do adestramento, posteriormente na celebración do aniversario dun compañeiro, mais tarde nos primeiros bicos do espertar sexual. A realidade, a adolescencia, acaba por superar á guerra, que desaparece momentaneamente, permitindo que comando e secuestrada xoguen no barro, despreocupados polo que sexa que está a acontecer na base da montaña. Porén, a montaña é inaccesible, mais non unha fortaleza, polo que a guerra, como a néboa matinal, acabará por chegar ao cumio e deter os xogos.

Monos é evidentemente un filme sobre o paso á etapa adulta dun grupo de adolescentes. Mais é un cambio de etapa roubado. Non son eles os que desexan pasar a ser adultos, aínda que desfruten de xogar a selo, é o sistema corrupto dos adultos o que se apropia da súa adolescencia para suprimila. Apenas uns exercicios cun fusil abondan para diferenciar a quen é un rapaz xogando cun guerrilleiro armado. En ‘Lord of the flies’ a historia é a inestabilidade dun goberno en mans de nenos, mais en Monos non é a súa sociedade caótica a que nos preocupa: é a dos adultos que a permiten. Unha realidade que xa se está a vivir naqueles lugares onde abondan os conflitos bélicos, onde a adolescencia apenas é un rito de pasaxe para aqueles que poden ter unha vida aburguesada (?) onde os cauces seguen o seu camiño independentemente de quen apunte desde a beira do río.

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.