MOVIMCAT: CINEFILIA E COMISARIAR O DISPOÑIBLE

Stefano Miraglia no II Seminario de Crítica e Programación Online. Fotografía: María Meseguer

Stefano Miraglia no II Seminario de Crítica e Programación Online. Fotografía: María Meseguer

Ler este artigo na súa versión orixinal en inglés.

A cinefilia introduciuse na miña vida dunha forma moi estraña. Non foi nunha sala de proxección, malia que tamén vía moitas películas no cine. Foi no meu dormitorio, vendo o programa de televisión Fuori Orario (a versión italiana de After Hours) pola noite en RAI 3, a terceira canle da televisión pública. O programa podería ser descrito da seguinte forma: aparecen en pantalla imaxes dunha ou varias películas e outros documentos audiovisuais, case sempre sen ningún tipo de información sobre o que se está mostrando. Entón comeza a voz en off (en baixa calidade) dun home que (non) explica as imaxes e presenta as películas que se van a emitir. En moitas ocasións, a audiencia tamén pode ver planos do propio narrador (Enrico Ghezzi), pero o son e as imaxes non están sincronizados. Logo da presentación, empezan os títulos de crédito do programa: imaxes de L’Atalante, de Jean Vigo, coa banda sonora de Because The Night dos Patti Smith Group. Tralos créditos, vemos as películas programadas. Ás veces unha, ás veces dúas, ás veces máis, ata as cinco ou seis da mañá.

Movimcat(1)

Á esquerda, a obsesión do programador de Fuori Orario. Á dereita, a miña obsesión.

Ver Fuori Orario foi unha das actividades que axudou a conformar – a un nivel emocional e estético – a miña forma persoal de experimentar o cinema na pequena pantalla: a elección das películas, a forma extremadamente non convencional de presentalas, o misterio daquelas imaxes que se proxectaban durante a presentación – sen ningunha información sobre os autores, a liberdade na edición. Todos estes aspectos foron cruciais para min, pero levoume algún tempo entender que esta forma de cinefilia foi unha das cousas que me levaron a crear Movimcat.

Fundei o proxecto online MOVIMCAT – The Moving Image Catalog en decembro de 2016. Buscaba unha páxina web que me axudase a atopar películas estreadas en Vimeo por artistas e cineastas experimentais. Non había ningunha plataforma dese estilo, así que decidín creala eu mesmo. Estaba seguro de que xa existía unha audiencia para esas obras: artistas, estudantes, afeccionados, programadores de festivais, profesores e, entre todos eles, outra xente que, por unha razón ou outra, non poden viaxar para asistir a unha proxección pública. Ao principio simplemente dedicábame a buscar películas en Vimeo para logo recomendalas en Facebook. Máis tarde creei a páxina web e os perfís de Twitter e Instagram.

Movimcat é tan só outra peza minúscula no contexto global dos artistas e cineastas experimentais, cuxos traballos e procesos de circulación aínda estamos intentando comprender [1].

Cando a presenza online de Movimcat se fixo estable, ocorreu o máis natural: chegaron propostas para realizar actividades offline. No verán de 2018, invitáronme ao Festival Le Dôme en Montbazon (Francia). Os directores artísticos do festival, Baptiste e Constantin Jopeck, pedíronme presentar Movimcat a través dunha exposición, unha mesa redonda e un texto. Foi precisamente traballando na presentación deste texto [2] cando me decatei da influencia de Fuori Orario e do misterio e a emoción de ver películas só, pola noite, nunha pantalla pequena: era a premisa perfecta para ver horas e horas de cine online en Movimcat.

Dúass formas de programar: presencial e online

Dúas formas de programar: presencial e online

As principais actividades de comisariado en Movimcat son: seleccionar traballos audiovisuais que están dispoñibles de forma oficial e gratuíta en Internet, compartir e difundir a selección cos nosos seguidores nas redes sociais, construír un índice, crear programas especiais e invitar a comisarios externos. O concepto principal é seleccionar unha serie de obras que xa están dispoñibles na rede, unha práctica que, persoalmente, paréceme o equivalente ao espírito (ou ethos) de ‘faino ti mesmo’.

A verdade é que as miñas primeiras experiencias de curadoría foron un luxo: por aquel entón aínda era un estudante en Lyon, e tiven a oportunidade de colaborar no comisariado dunha exposición seleccionando obras de arte contemporánea da colección de arte pública da rexión (FRAC). A selección de artistas era un soño, e como estudantes tivemos acceso a case todo o que precisamos. Ese mesmo ano, mentres axudaba ao meu profesor de estudos de cine a organizar unha proxección pública de arte e antropoloxía visual contemporánea, tiven a oportunidade de comisariar unha pequena parte do programa, alugando e proxectando unha selección de películas en 16mm de Joãou Maria Gusmãou e Pedro Paiva. Non podía ser máis feliz.

Evidentemente, o soño rematou co fin dos meus estudos académicos en Lyon: acabáronse as oportunidades de comisariado financiadas e de alto nivel. A necesidade de empezar un novo proxecto requiría unha re-avaliación persoal: Que podo programar sen unha institución que me apoie?

Para min, a resposta foi traballar con aquilo que xa estaba dispoñible, obras que entraban dentro do meu campo de estudo e que eran accesibles online: artistas e cineastas experimentais. A práctica dalgúns artistas de eliminar os contrasinais de ‘traballos antigos’ [3] en Vimeo era algo que seguía con moitísimo interese, un tema de debate constante entre os compañeiros que traballan no cinema experimental e de animación. Esta estratexia converteuse nunha especie de nova convención, non só nun xeito de alcanzar un maior número de espectadores. Desde que empecei traballar en Movimcat levei este tema a espazos como Le Dôme ou Nomadica (Boloña), para discutilo en reunións e mesas redondas.

Movimcat exhibition at Le Dôme Festival

Exposición Movimcat no Festival Le Dôme

A decisión de programar o que está dispoñible levoume a facerme moitas preguntas: Como escoller as obras? Debo facelo segundo os meus intereses persoais? Que me interesa? Debería propoñer tamén traballos feitos por estudantes? Que importancia debería ter un tema e/ou unha práctica concreta á hora de combinar películas nun programa ou índice? Estas cuestións e as respostas que intento aportar – como unha especie de conversa (constante) cos demais e comigo mesmo – son o núcleo de Movimcat.

[1] Máis de dous anos despois da súa publicación, o libro After Uniqueness de Erika Balsom aínda é o mellor indicador para entender a situación actual neste eido.

[2] (*preview only), Le Dôme Festival, xullo 2018.

[3] Normalmente a regra é que os traballos presentados, para ser considerados nun festival de cine, deben ser recentes (ata un límite de dous anos despois da súa realización).

Comments are closed.