NICOLAS WINDING REFN, RA E ESCORPIÓN


Nicolas Winding Refn púxose no mapa a nivel mundial coa súa penúltima película (Drive, 2011), pero antes de lograr certa relevancia mediática con aquel proxecto xa realizara oito longametraxes (unha delas para televisión) e varias incursións en publicidade e curtametraxes; o seu filme debut, Pusher, realizado cando contaba tan só con 24 anos, foi de feito unha adaptación en longa dun traballo case amateur que auto-financiou a modo de curta. Conviría con todo sinalar certas particularidades do propio Refn antes de falar do seu lugar no cinema como ‘auteur’, ou que se cadra en realidade sirvan para solidificar a personalidade única dun realizador que con tan só 48 anos xa pode relacionarse con nomes crave do cinema contemporáneo tanto europeo (Gaspar Noe, Lars Von Trier) como americano (Michael Mann, Quentin Tarantino).

Nacido en Dinamarca, froito dunha familia dedicada ao mundo do cinema. O seu pai é montador, traballando en ducias de producións como, por exemplo, Bailar en la oscuridad, mentres que a súa nai é directora de fotografía. Tras uns primeiros anos no seu país natal, mudouse coa súa nai e o seu padrasto a Nova York, onde residiu durante toda a súa adolescencia. Foi nesa época na que o mozo descubriu, aos catorce anos de idade, o cinema que o marcaría para sempre e que lle daría parte da súa sensibilidade estilística, inicialmente como un acto de rebeldía cara os gustos da súa proxenitora (amante da nouvelle vague francesa e outro tipo de correntes cinematográficas europeas), e finalmente como xerme válido da súa exploración da materia cinematográfica. A cinta que lle abriu os ollos foi La matanza de Texas (The Texas Chainsaw Massacre, 1974) de Tobe Hooper, sobre a que chegou a declarar: “cando a vin, decidín que non quería ser director, guionista, produtor, fotógrafo, montador ou responsable do son; quería ser todo á vez. E esa película probaba que era posible, porque aquela non era unha película normal.”

Baixos fondos

Refn acudiu á prestixiosa American Academy of Dramatic Arts durante a súa estancia en Nova York, pero foi expulsado de alí tras contradicir a un profesor e tirar unha mesa contra a parede durante a discusión. Este feito anecdótico sería posteriormente introducido nunha das súas películas (Bronson, 2008) pero define a grandes liñas o camiño que tomou o cinema do realizador desde o seu debut con Pusher (1996) até a actualidade: o impulso, a furia e a rabia, que se atopan presentes en cada encadre organicamente, de forma máis crúa ou máis estilizada dependendo da época na que fose filmada, e sempre en relación ao propio estado de ánimo -ou máis ben, persoal- do propio realizador, autor de todos os guións que filmou1. Merece destacarse, sobre todos eles, o da citada Bronson: cando lle ofreceron dirixila, Refn negouse ao atopala unha historia demasiado convencional. Tras pensalo de novo e pór como condición poder reescribir o que crese necesario, pasouse dun biopic ao uso a unha película que máis que narrar a historia de Charles Bronson conta a do propio Refn, canalizándoa a través da icona popular a introducindo vivencias propias tanto para reflectir o mito como á hora de deconstruílo, nótese as escenas fronte ao público, case teatrais, e as múltiples rebeldías do personaxe principal.

Bronson foi definida por certos medios como “La naranja mecánica do século XXI”, unha apreciación cuestionable pero non errada do todo. Aínda que é certo que a figura anárquica do protagonista remite aos drugos do filme de Kubrick, non tanto en feitos como en presenza e contexto, este tipo de personaxes poboaron desde o inicio a obra do seu realizador. Porén, a diferenza do traballo protagonizado por Malcolm McDowell, Refn quere aos seus personaxes e busca axudalos a saír adiante, máis que limitarse a representar a través deles os problemas do sistema. As súas historias adoitan virar ao redor de gangsters, personaxes fóra dos límites (legais, sociais), persoas obsesionadas con algo (droga, diñeiro) ou alguén (relacións), polo que a forma máis sinxela de rastrexar o seu estilo -literario, se se quere chamar así- é apuntar aos protagonistas que ha ir creando na súa obra, para entender que entre Frank (Pusher) e O Condutor (Drive) non hai tantas diferenzas como podería parecer.

O único que escapa un pouco ás conveccións do seu cinema é o One-eye, interpretado por Mads Mikkelsen na experimental Valhalla Rising (2009), dando vida a un personaxe que se limita a observar co seu ollo a contorna que o rodea nun caos controlado que toma como escenario o século X e a figura dos viquingos. Sendo unha película de xénero, é capaz de escapar aos seus conceptos base mediante o uso da imaxe e a abstracción que se crea con esta, convertendo o guión en algo moi secundario para abrazar o pracer puro do goce visual. Refn refírese a ela como unha cinta de ciencia-ficción, algo que ten todo o sentido se se contextualiza da seguinte maneira: o realizador admitiu descubrir con Stalker (Andrei Tarkovsky, 1979) como a ciencia-ficción podía facerse prescindindo da ‘ciencia’; Valhalla Rising non só abraza esa idea senón que ademais reinterpreta o estilo do xenio ruso adaptado ao contexto actual, cunha fotografía que remite á súa e un traballo de encadres que rende homenaxe ao autor, incluíndo -entre outras cousas- detalles clave como a forza da auga como elemento purificador.

Imaxe turbia

O cinema de Refn, temática á marxe, apoiouse até agora en dúas vertentes estilísticas. A primeira é a que levou a cabo na súa etapa inicial tanto na triloxía Pusher (1996-2005), incluíndo as producións intermedias como Fuera de sí (Bleeder, 1999) e Fear X (2003), caracterizada polo uso da cámara en man e a textura semi-documental, buscando ese realismo sucio que o definiu e inspirado por obras como El asesinato de un corredor de apuestas chino (The Killing of a Chinese Bookie, 1976) ou Malas calles (Mean Streets, 1973). Bronson levou ao límite as posibilidades anteriores, pondo non obstante a primeira pedra do que sería a segunda fase da súa filmografía, máis coidada a nivel estético (con máis orzamento, tamén). Así, o filme do recluso mostraba sacudidas nerviosas á vez que estilizaba certos elementos case abrazando o realismo máxico, conseguindo unha mestura que levaría mesmo máis lonxe en Valhalla Rising e á súa total evolución coa peza de deseño Drive.

O que fai especial a Drive, como neo-noir protagonizado por heroe sen nome, con persecucións como modernización dos duelos de cowboys, é a súa textura post-moderna, tan afastada en resultado final como conceptual doutros mestres da captura de referentes como Quentin Tarantino. Refn admitiu sen ningún pudor sentirse influenciado non só polo cinema dos 70-80 en xeral, senón por películas de cineastas como Walter Hill ou Michael Mann. A diferenza principal entre o danés e Tarantino é que mentres o segundo non se limita a coller elementos atmosféricos para construír a súa obra, indo máis lonxe (escenas completas, personaxes, escenarios) Refn é máis refinado. A influencia que exerceron sobre el outros traballos non é completa senón parcial, conseguindo crear unha mestura consistente e facela pasar por propia sen ningún problema.

Así, o seu Drive (apoiada por unha superlativa banda sonora retro) converteuse nun referente estético e xa conta -como Tarantino, véxase o primeiro cinema do inferior Guy Ritchie- con imitadores que tentaron, con de momento boa fortuna, recoller elementos da película para adaptalos a outro contexto. O pasado ano en Sitges proxectáronse dúas producións que encaixan nesta corrente post-Drive: por unha banda Spring Breakers de Harmony Korine, que comparte non poucos elementos co thriller de Refn en sentidos estéticos, de abstracción da imaxe e estrutural, ambas coma contos de fadas con final ambiguo. Por outro, Maniac de Franck Khalfoun, un estilizado slasher que recorre como aquela á banda sonora electrónica e a estilización da violencia para lograr un impacto maior. Refn non creou ningún novo xénero nin modelo cinematográfico; con todo, fixo algo case tan difícil como é crear un novo estilo -sen abandonar o seu propio- a base de recoller de aquí e alá. Un collage que, con Drive, bebe de aquí e alá para formar unha textura especial que, a xulgar polos seus trailers, terá unha extensión en Only God Forgives (2013), que se presentará este ano en Cannes.

Nesta nova produción Refn desprázase a Tailandia, facendo do seu escenario algo máis exótico e ao mesmo tempo máis rico en matices (cabería esperar) de cores e formas. Para entender este novo estilo do danés habería que apuntar a unha curiosidade, citándoo a el mesmo: “sempre me sentín fascinado polas imaxes, se cadra porque son disléxico e non aprendín a ler ata que tiña trece anos, así que as imaxes tiveron moito que ver coa miña forma de entender a narración de historias”, ao que engadía nunha entrevista a súa condición de cegueira parcial en relación ás cores, é dicir, que non pode ver tonalidades medias. Isto levou a que, nas súas palabras, “todas as miñas películas teñan contrastes de cores, doutra forma non os vería”.

Este recurso estilístico xorde así dunha necesidade pero ao mesmo tempo non se percibe como tal, pois é grazas a iso que se crean atmosferas moi particulares nas súas películas e secuencias que sen este tratamento cromático non terían tanta forza. A secuencia do ascensor de Drive o exemplifica. Coñecido ademais por rodar as súas películas en orde cronolóxica e evitando o uso de storyboards, para crear unha sensación orgánica na rodaxe e axudar así aos seus actores a desenvolver con naturalidade os estados de ánimo dos seus personaxes, tamén común no cinema de Refn é o uso dos xéneros como base para ser deconstruídos até quedar case irrecoñecibles. Perdoade unha vez máis a referencia a Drive, pero sendo a súa obra máis coñecida e a que máis lonxe levou o seu estilo, é a cita ineludible. Pero é este un filme que empeza como un thriller de acción, para converterse nunha cinta romántica e mudar a unha de superheroes (palabras do propio NWR) no seu terceiro acto. Bronson mesturaba sabiamente o drama, a comedia e o thriller. As etiquetas nas súas mans dilúense para crear híbridos nos que nunca se sabe que esperar, conseguindo sementar a sorpresa no espectador, tendéndolle emboscadas intelixentemente.

Refn ten así un estilo propio aínda que queda camiño por percorrer para separarse dos seus referentes e crear unha textura que con Drive parece explorar con certa forza, pero non cabe dúbida de que é un dos realizadores camaleón máis interesantes do cinema moderno. Podería ser o sucesor de Michael Mann, o Wong Kar-Wai europeo (a fotografía de Christopher Doyle nos filmes do hongkonés resoa con forza no danés) ou simplemente, podería ser Nicolas Winding Refn, en negrita. Un nome propio do panorama cinematográfico mundial. O tempo sempre pon as cousas en perspectiva, pero vivindo no presente non pode facerse máis que gozar do seu cinema, con ou sen ánimo de alzalo ao Olimpo, e esperar a ver se o seu traballo é capaz de influenciar a novos realizadores. Completaríase así o círculo. Un peche perfecto.

__________

1. Isto inclúe a adaptación de Miss Marple: Nemesis (2007), realizada para a televisión británica cunha novela de Agatha Christie como base.

Comments are closed.