NÚMERO 43

Onde estabas durante o confinamento? Por moitos filmes que visemos sobre un futuro distópico onde unha pandemia asolagaba o planeta, non estabamos preparados para ficar confinados nos nosos fogares. Pasamos por todos os estadíos: do ridículo acopio de papel hixiénico, á febre de facer pan na casa, á nova realidade coas caras tapadas con mascarillas. A imaxe que preside este número, a dos monxes de Le Fantôme de la liberté (Luis Buñuel, 1974), podería ser a escena de calquera confinamento agás pola ausencia de videochamadas – algo aínda futurista demais para o propio Buñuel.

Volve A Cuarta Parede e faino despois de varios meses de inactividade. O confinamento provocou unha verdadeira oleada de iniciativas desde a cultura de compartir filmes en aberto, crear contidos específicos para este momento social, e outras moitas máis. Desde a revista, decidimos non participar desta acción por dúas razóns. A primeira, e máis evidente, é que todo o noso contido está sempre aberto na web e dispoñible para os nosos lectores. A segunda, e a máis importante, é que non queremos participar dun capitalismo que, nun momento de parón mundial, segue a esixir que produzamos contidos. A Cuarta Parede quixo parar, e así o fixo, porque o confinamento foi o momento para estar pendentes dos nosos, preto deles, aínda que fose mediante pantallas. Un período de tempo onde vimos como moitos dos nosos amigos do cinema tiñan que deter os seus festivais, aprazalos a novas datas, volver a pensar como distribuír os seus filmes… A revista camiña ao tempo que o fai a sociedade, non queremos ir diante de ninguén. É por iso que agora, na nova normalidade (que palabro!), volvemos a retomar coas mesmas forzas de sempre este espazo para falar do que máis nos gusta: de cinema.

Este número 43 recolle, con carácter retroactivo, a interesante conversa que tivemos coas diferentes asociacións de profesionais do audiovisual galego. ‘O cinema galego ante unha nova crise‘ recolle as preocupacións por unha inexistente política cultural e as críticas por unha actuación gubernamental que chega tarde. Unhas críticas que, a día de hoxe, aínda non teñen unha resposta clara por parte do goberno autonómico. Todo isto, nos albores dunhas novas eleccións autonómicas que poderían devolver a posibilidade dunha verdadeira política cultural.

Ademais, daremos conta de filmes que chegan ás salas de cinema, como é o caso de A familia Samuni (Stefano Savona, 2019) o Matthias & Maxime (Xavier Dolan, 2019), e outras que chegan ás plataformas VOD, como Don’t go gentle: A film about IDLES (Mark Archer, 2020); todo, mentres volvemos, polo de agora, virtualmente aos festivais de cinema co recordo do que foi Intersección 2020 a través da presencia de pezas galegas na cita coruñesa. Isto, e moito máis, encherán A Cuarta Parede neste número 43… sempre que outra nova pandemia non nos deteña.

 

Dirección e xestión da web

Brais Romero Suárez

Coordinación

Jesús Silva Vilas

Deseño da cabeceira

Federico Scudeler

Consello de redacción

Laura Montero Plata

Víctor Paz Morandeira

Marta Pérez Pereiro

Jesús Silva Vilas

María Villamarín

Iván Villarmea Álvarez

Colaboran neste número

Alberto Hernando

Álvaro Pérez Dios

Brais Romero Suárez

Iago Tallys Silva Luz

Jesús Silva Vilas

Paloma Hernández

Sergio de Benito

CONTACTO

info@acuartaparede.com

Comments are closed.