NÚMERO 44

Fotografía: María Meseguer

Sumidos aínda na vertixe deste ano atípico, que pouco a pouco vai chegando ao seu fin, os meses de verán e outono supuxeron unha ventá a unha certa “normalidade”, que nos permitiu retomar unha das nosas actividades favoritas: asistir a festivais de cinema. Foi un ano para poñer en valor a importancia destes espazos nos que compartir e crear comunidade arredor das películas, algo tan necesario nos tempos que vivimos. Despois da cancelación de innumerables eventos debido á crise sanitaria, moitos festivais conseguiron levar a cabo unha nova edición a pesar das dificultades, adaptándose ás limitacións e optando nalgúns casos por formatos híbridos, combinando as actividades presenciais e a programación en liña. Este foi o caso de gran parte dos festivais galegos, que con gran esforzo e adicación conseguiron levantar proxectos fermosos que supuxeron un sopro de aire fresco. Un exemplo de resiliencia e bo facer que ben merece a nosa humilde homenaxe. Por iso, o número 44 de A Cuarta Parede está adicado a todos eles.

A pesar da tardanza, fainos moita ilusión presentar as crónicas dalgunhas das nosas citas habituais, que este ano se desenvolveron en distintas modalidades, con máscaras e distancias de seguridade, pero mantendo a súa esencia e carácter únicos. Neste número, Ester García dá conta do que foi a 15ª edición da MICE en Santiago de Compostela; Víctor Paz achéganos as crónicas transfronteirizas do IndieLisboa e o Play-Doc, mentres que Paloma Hernández debulla o que foi a última edición da Mostra (S8). Tamén temos o pracer de dar a benvida a novas colaboradoras á revista, como Antonio M. Arenas, que asina a cobertura de Curtocircuíto, ou Carla B. Miraz, que destaca o máis salientable do Festival Intersección. Ademais, se a situación o permite, volveremos a estar presentes este ano en Novos Cinemas, así como en outros festivais nacionais e internacionais, que seguen traballando con forzas redobradas para poder celebrarse con garantías.

Do mesmo xeito, seguiremos atentos ao incerto calendario de estreas, para reseñar os filmes máis destacables que cheguen ás salas de cinema nos vindeiros meses. Tamén poderedes atopar na nosa páxina os habituais textos de análise (como a revisión de Antón Varela sobre o filme Arima, de Jaione Camborda), vídeo-ensaios (como o que Nacho Ozores adica á cinta casaca Ayka), entrevistas e moito máis.

Finalmente, este novo número de A Cuarta Parede marca dúas mudanzas importantes. Por un lado, consolídase a nova dirección da revista. Por outro, asentamos un ritmo de publicacións máis acorde aos tempos e ás propias necesidades do noso medio. Como comentamos no número anterior, dende a revista decidimos non sucumbir á dinámica de produción incesante de contidos que se converteu en norma durante os meses de confinamento. Optamos por aproveitar esta época para parar, coller folgos e repensar o lugar que queremos ocupar. Un espazo repousado e acolledor, onde seguir escribindo, falando e lendo sobre cinema, mentres haxa alguén que queira acompañarnos. A porta está aberta.

 

Dirección

Jesús Silva Vilas

Edición e xestión da web

Brais Romero

Jesús Silva Vilas

Deseño da cabeceira

Federico Scudeler

Consello de redacción

Laura Montero Plata

Víctor Paz Morandeira

Marta Pérez Pereiro

Brais Romero

María Villamarín

Iván Villarmea Álvarez

Colaboran neste número

Antonio M. Arenas

Carla B. Miraz

Sergio de Benito

Ester García

Paloma Hernández

Alberto Hernando

Aldara Pagán

Víctor Paz

Álvaro Pérez Dios

Brais Romero Suárez

Jesús Silva Vilas

Iago Tallys Silva Luz

Antón Varela

CONTACTO

info@acuartaparede.com

Deixa o teu comentario