Número 45
O día 4 de febreiro de 2011, na cidade da Coruña, presentábase oficialmente A Cuarta Parede, a primeira revista dixital de crítica cinematográfica en galego. Un proxecto que nacía coa vocación clara de abrir un espazo para a reflexión cinematográfica na nosa lingua, prestando especial interese a ese cinema que moitas veces se atopa nas marxes. O obxectivo da revista nunca foi competir pola instantaneidade, polo volume das publicacións ou o número de visitas, senón ofrecer un espazo aberto para a análise e o diálogo, unha plataforma na que acoller e impulsar novas voces que quixeran iniciarse no mundo da crítica.
10 anos, 45 números, máis de 150 colaboradoras e preto dun milleiro de artigos despois, seguimos aquí. Hoxe celebramos con orgullo o décimo aniversario da revista, unha efeméride que non sería posible sen a colaboración de todas as persoas que achegaron o seu tempo, traballo e paixón ao longo de todos estes anos. Por esta razón, quixemos aproveitar a oportunidade para dar voz a moitas das persoas que xogaron un papel fundamental na historia da revista, ben sexa dende a dirección, o consello de redacción ou o corpo de colaboradoras, a través dun artigo conxunto no que puideron reflexionar sobre a súa experiencia con A Cuarta Parede durante esta década.
Por outra banda, entre as diversas actividades nas que estamos traballando para conmemorar este décimo aniversario, fainos especial ilusión anunciar a nosa colaboración coa plataforma de cine Filmin, que dende hoxe conta cunha canle comisionada pola revista, baixo o título: “10 anos de A Cuarta Parede”. Foron moitas as películas e cineastas que pasaron pola revista nesta década, deixando un arquivo de textos onde se exploraba a actualidade do cinema galego a medida que ía sucedendo. Por iso, pensamos que esta selección de filmes é un bo exemplo do que significou o cinema galego dos últimos anos, así como unha oportunidade para todas aquelas espectadoras que aínda non coñezan estas obras. Nesta liña, dedicaremos este mes a botar a vista atrás e lembrar algúns dos títulos galegos máis importantes da última década, a través das críticas e entrevistas publicadas na revista.
Mais non todo van ser lembranzas. Alén das celebracións, pensamos que a maior homenaxe que podemos ofrecer é seguir facendo camiño. Percorrendo festivais (físicos ou en liña), dando conta dos mellores filmes que cheguen á carteleira, creando video-ensaios e outros textos de análise nos que seguir dialogando coas imaxes. Construíndo recordos que celebrar dentro doutros dez anos. Moitas cousas mudaron neste tempo, pero a paixón polo cinema permanece.
Dirección
Jesús Silva Vilas
Edición e xestión da web
Brais Romero
Jesús Silva Vilas
Deseño da cabeceira
Federico Scudeler
Consello de redacción
Laura Montero Plata
Víctor Paz Morandeira
Marta Pérez Pereiro
Brais Romero
María Villamarín
Iván Villarmea Álvarez
Colaboran neste número
Sergio de Benito
Cecilia D. Nóvoa
Eloy Domínguez Serén
Ester García
Xan Gómez Viñas
Paloma Hernández
Alberto Hernando
Óscar Iglesias Álvarez
Óscar López Iglesias
Arturo Losada
Laura Montero Plata
Nacho Ozores Mosquera
Aldara Pagán
Víctor Paz
Álvaro Pérez Dios
Marta Pérez Pereiro
Brais Romero Suárez
Jesús Silva Vilas
Iago Tallys Silva Luz
Antón Varela
María Villamarín
Iván Villarmea
CONTACTO