O ODIOSO QT

QT, coas súas siglas de DJ, sempre foi iso, un experto cociñeiro de potaxes, nos que mete referencias de todo tipo. Dende ese cruce de pistolas en Reservoir Dogs (1992) que recordaba ao City on Fire (1987) de Ringo Lam; pasando pola cita directa a The Graduate (Mike Nichols, 1967) no plano lateral de Pam Grier na cinta do aeroporto; ou mesmo con repeticións do mesmo calco, como a sensual boca de Uma Thurman ao chamar a Vincent Vega dende o interfono en Pulp Fiction (1994), remitindo a The Warriors (Walter Hill, 1979), xesto moi semellante al que repite Mélanie Laurent en Inglorious Basterds (2009).

Dende Kill Bill (2003-2004), o cinema de Tarantino intensifica esta tendencia xa obvia nos seus anteriores filmes, buscando por momentos unha estilización do orixinal. Eficacia do clímax aparte, a flor sangrante no peito do personaxe de Leonardo Dicaprio en Django Unchained (2012) está moito mellor filmada que a surrealista escena última do filme de Sergio Corbucci na praza de touros en Il mercenario (1968). Este é un nome que convén ter en mente cando se fala do realizador de Tennessee. As citas á súa obra son múltiples dende o inicio da súa carreira. O corte da orella de Reservoir Dogs provén de Django (1966), a orixinal; e en The Hateful Eight (2015), como se aprecia no vídeo de arriba, boa parte da ambientación da trama está sacada de Il grande silenzio (1968).

Non só iso, a vestimenta de Walton Goggins recorda, e moito, á de Klaus Kinski nesta película. As chiscadelas a outros e a el propio nos elementos do atrezzo na carreira de Tarantino foron constantes. Por exemplo, sempre se fuma tabaco Red Apple, sen importar se un se atopa no actual Los Ángeles, no Tokio de ficción ao que viaxa Uma Thurman, ou perdido da mano de Deus nunhas montañas nevadas antes de chegar a Red Rock. No antigo oeste de Tarantino, xa se fumaba este tabaco. As pipas, outra das chiscadelas internas á súa obra anterior en The Hateful Eight. Non funciona esa secuencia inicial no vagón coma un espello da que enfronta a Hans Landa co señor LaPadite ao comezo de Inglorious Basterds? Por outra parte, os stunt-man (ou women) ás veces tamén sofren destinos parecidos nas súas películas. Zoë Bell, con ese plano cenital que a enfronta dende o chan a Michael Madsen, é a cara B dunha Noiva malferida. A única cinta de QT na que pateou cus de homes, co seu propio rostro, foi en Death Proof (2007), a película bisagra de Tarantino. Non de todo lograda, para o noso gusto, pero que lle permitiu despois rodar con maior purismo dúas películas que explotan ao máximo a súa capacidade para construír tensión dentro das secuencias. Úneas con pequenos detalles que redondean a trama, alén da simple chiscadela narrativa xa establecido en Pulp Fiction de xuntar personaxes de historias distintas na mesma secuencia. O puzzle narrativo complícase. En Inglorious Basterds e The Hateful Eight, é onde esta estratexia lle saíu redonda. As dúas películas que mostran a un cineasta máis maduro.

Pero volvendo ás referencias, nos últimos filmes QT foise decantando cada vez máis polo western. Se ben non sempre se dedicou en aparencia a este xénero, dende o segundo volume de Kill Bill; John Ford, Sergio Corbucci, Sergio Leone e Ennio Morricone, por citar aos máis evidentes, xa estaban moi presentes. A secuencia final de The Searchers (John Ford, 1956), con John Wayne no marco da porta, emulouna nesta película, en Inglorious Basterds e, agora, en The Hateful Eight. Como se mostra no vídeo, as chiscadelas a Stagecoach (1939) son obvias, mesmo no nome do carromato, que parece pertencer á mesma compañía.

De todas estas referencias, a música de Ennio Morricone parece ser a máis importante, ata o punto de que en The Hateful Eight, é a primeira vez que escoitamos un tema do italiano, composto expresamente para o filme. Honestamente, cremos que xa non lle quedaba moita biblioteca a Quentin Tarantino deste home. Teríase visto obrigado a repetir temas xa usados noutros filmes. Aínda así, recupera un de The Thing (John Carpenter, 1982) e, de paso, xa que hai un paraxe nevado, reconstrúe en certo modo na escena da latrina, a dos cables que levan ao terrible monstro na película orixinal. En The Hateful Eight, esta escena fai predicir que algo terrible vai ocorrer, mesmo aínda que non coñezamos a chiscadela ao orixinal. Finalmente, córtaa de modo abrupto para volver introducirnos na posada. Aí si van acontecer cousas terribles. A orxía gore final rima con Reservoir Dogs, como tantas outras cousas neste filme, que teremos que estudar con calma; se cadra noutro texto máis sopesado, noutro momento.

O que está claro é que QT se ten en alta consideración a si propio. Crese un xenio, e así o mostra dende o cartel. Esta película é o seu 8 ½ (Federico Fellini, 1963). O 8 non está aí por casualidade, e na súa estrutura narrativa, quizais a máis complexa na súa carreira; demostrou que The Hateful Eight non só é un filme anti-racista que rele a historia a través do cinema das dúas Américas pre Guerra Civil – cuestión aínda latente – senón que se autoreferencia como compilación das súas filias e fobias, nunha moneca rusa que agocha moitas capas do Tarantino anterior. Non estamos seguros aínda de se este é o noso preferido, mais gústanos. Segue sendo tan mordaz e agudo coma sempre, mais xa non é o rapaz enérxico de Reservoir Dogs. Tarantino madurou. E está enfadado, cheo de odio, coma ese negro rodeado por unha panda de maníacos brancos, nunha montaña onde ninguén o escoitará berrar.

Comments are closed.