O RETORNO DO PADAWAN

É ben sabido que 隠し砦の三悪人 (La fortaleza escondida, Akira Kurosawa, 1958) foi unha referencia absoluta para George Lucas á hora de concibir a orixinal guerra das galaxias nos anos setenta. De feito, a estrutura do filme pode case verse como unha adaptación da do nipón, algo que o de California recoñece sen rubor e ata con orgullo. Se Star Wars (George Lucas, 1977) revolucionou o mundo do cinema foi precisamente polo seu xeito de renovar arquetipos clásicos cunha linguaxe hipercinética moi moderna e construír con estes elementos unha mitoloxía contemporánea que quizais só rivalice cos superheroes fundacionais do xénero na cultura de masas norteamericana – e, por extensión, occidental – na segunda metade do século XX.

De igual maneira que Lucas non agochaba os seus referentes, podemos ver no capítulo XIII de The Mandalorian (Jon Favreau, 2019-2020), titulado The Jedi e escrito e dirixido por Dave Filoni, unha transposición clara de 用心棒 (Yojimbo, Akira Kurosawa, 1961). O esquema é o mesmo. Un cabaleiro errante, un ronin, (neste caso unha muller, unha jedi), chega a unha vila por un asunto persoal que ao inicio descoñecemos. Busca algún tipo de información que a malvada maxistrada que goberna eses lares posúe. As súas habilidades permitiríanlle entrar na fortaleza onde se agocha a antagonista e obrigala a revelar o que desexa a punta de espada, pero o asunto non é tan sinxelo, hai civís polo medio, e Ahsoka Tano, personaxe creado por George Lucas e Dave Filoni para a serie Clone Wars (Dave Filoni, 2008-2020), que realiza aquí a súa primeira aparición fóra da animación encarnada na actriz Rosario Dawson, non avoga por procedementos sanguinarios.

O espectador sabe dende esa secuencia inicial, orquestrada ao xeito dun filme de samurais desprexuizado como 修羅雪姫 (Lady Snowblood, Toshiya Fujita, 1973), ao que se fai unha chiscadela, que Tano vai acabar por liberar a aldea na súa cruzada persoal. Aí é onde entra Din Djarin, o mandaloriano do título, pistoleiro errante que viaxa cunha pequena criatura verde ao seu coidado. Favreau ten dito que The Mandalorian é unha adaptación clara da saga manga 子連れ狼 (El lobo solitario y su cachorro, Kazuo Koike, Goseki Kojima, 1970-1976), que tería diversas adaptacións ao cinema, todas bastante nefastas e practicamente de categoría Z, pero que en Estados Unidos tiveron certo éxito, e de aí nace o show, de nada moi elevado, dende logo. Tampouco pasa nada, os seriais de ciencia ficción dos anos trinta eran a referencia de Lucas para Star Wars e vaia peliculón se marcou.

Pero aquí rematan as referencias nipoas, que comezan a ser pesadas. Non quixera que esta crítica se convertese nunha lista de easter eggs, pero é preciso comprender que o outro modelo que segue The Mandalorian dende o inicio é o dos westerns, especialmente o da figura do pistoleiro desencantado, un tanto cabrón, pero no fondo desinteresado, que popularizara Clint Eastwood na triloxía dos dólares de Sergio Leone. Djarin ten unha axenda persoal, mais continuamente, practicamente en cada capítulo, esta coincide coa de desprotexidos aos que remata por axudar, cando podería escoller o camiño fácil e egoísta e mirar para outro lado.

En The Jedi o proceso repítese, mais neste caso desdóbrase. O ronin e o pistoleiro son dúas caras da mesma moeda, modelos similares na cultura estadounidense e na xaponesa. Ao unir forzas Tano e Djarin, acaban por se enfrontar, respectivamente, á malvada maxistrada e ao pistoleiro rival que esta contratou. Un muro separa xeograficamente as dúas escenas simultáneas, que se nos mostran nunha montaxe paralela. No interior, estamos a presenciar un duelo ao estilo Shaw Brothers. A decisión de casting para a maxistrada non podía ser máis acaída. Falamos nin máis nin menos que da afillada de Bruce Lee, Diana Lee Inosanto, experta en diversos estilos de artes marciais. No exterior, Michael Biehn (si, o Kyle Reese de Terminator) dá a réplica ao protagonista Pedro Pascal. Fronte ao movemento de dentro, o estatismo no exterior, ata que se desencadea ese único disparo que acaba co mercenario no chan, claro. O xeito no que Filoni dilata a acción é dunha radicalidade tremenda nun show coma este.

A revolución técnica de The Mandalorian

De igual maneira, os silencios que se marca no segundo acto imprimen a The Jedi un ritmo moi particular no contexto de The Mandalorian. Quizais espídica de máis nas súas entregas semanais, con todo indo moi rápido sen que en realidade aconteza nada transcendente, Filoni opta xusto polo contrario. O mandaloriano achegouse a ese planeta para que a jedi o axude a comprender os poderes que el ve como inexplicables no rapaz. Nunha secuencia na que Rosario Dawson, maquillaxe enriba, está en postura sentada e con actitude de escoita ante a marioneta do Bebé Yoda, encapsúlase toda a esencia de Star Wars. Como unha actriz maquillada ata as cellas e un cacho de látex poden transmitir tanto? Moi sinxelo, pola simple maxia do cinema, que é o que falta noutros capítulos do mandaloriano. Máis pensar onde se pon a cámara, e non tanta gasosa. Uns simples planos-contraplanos coa correcta dirección de miradas son suficientes. A isto, claro, súmase unha pericia técnica con dous elementos que supoñen a verdadeira revolución tecnolóxica desta serie no seu conxunto.

O primeiro destes elementos é a depuración acadada cos animatronics – as marionetas, para entendernos –. A ambientación en xeral desta serie é doutra galaxia. Cando no primeiro capítulo desta tempada vin a un morador das areas cepillar os dentes do seu bantha – as monturas que levan estes aliens que atacaban a Luke na primeira entrega da saga no deserto – souben que o equipo dirixido por Doug Chiang (outro pescado da Lucasfilm pre-Disney, que xa traballara con Lucas) e Andrew L. Jones se marcaran aquí novos retos que están sobradamente conseguidos. Isto axuda moitísimo a mergullarse nun universo que está coidado co maior luxo de detalles e que todo espectador saberá apreciar, especialmente se é un fan irredento coma min, que pilla cada mínima referencia que se solta. E hai tantas… Nisto a serie cumpre con creces.

O segundo elemento, e isto seguramente revolucionará o mundo do cinema con efectos dixitais en xeral, é o estudio ideado por Industrial Light and Magic, coñecido como The Volume. Trátase dunha pantalla LED de grandes dimensións que cobre 270 graos con forma de círculo incompleto, cun espazo para deixar pasar os equipos. Se Lucas rodou dúas das tres entregas das precuelas practicamente na súa totalidade con pantallas azuis de fondo, ás que se engaden a posteriori os efectos xerados por ordenador, este proceso é o inverso, e resulta infinitamente máis fotorrealista. Vexamos o proceso de The Jedi para comprender como funciona isto.

Dave Filoni e a súa muller xa tiveron que evacuar varias veces a súa casa no norte de California polos incendios constantes que se veñen producindo nos últimos anos. Para el, un amante da natureza que ten no lobo o seu animal favorito, ver arder os bosques polos que pasea a diario é profundamente doloroso. En The Jedi quería que a máquina de guerra da maxistrada tivese causado unha devastación nese planeta que Din Djarin e Bebé Yoda visitan, precisamente pola sobreexplotación dos seus recursos naturais. Dende a primeira escena, vemos bosques calcinados e o ceo cheo de cinza, con fábricas traballando a toda máquina na liña do horizonte. Pois ben, eses bosques que se ven na serie son absolutamente reais, pertencen a filmacións auténticas de monte que ardeu. Como se integran no capítulo? Primeiro un equipo vai tomar planos recurso segundo as indicacións de cada director. Despois o equipo de efectos dixitais recibe esas imaxes e procésaas, chegando a editalas para que encaixen perfectamente na pantalla de The Volume. Se é preciso engadir trucaxes dixitais, faise, pero para cando os actores chegan ao set, xa todo se desprega tras os seus corpos e interactúan nun ambiente ben máis cálido que o dunha pantalla azul ou verde. En certa medida, isto é a evolución tecnolóxica dos fondos pintados do Hollywood clásico. Esta tecnoloxía, sen predicilo o ano pasado, permitiu rodar The Mandalorian nun ambiente seguro e a produción apenas se viu impactada polo covid-19.

Se a maioría dos directores da serie usaron esta tecnoloxía para crear mundos suntuosos e escenas repletas de acción cun fotorrealismo sorprendente, Filoni, que comprende ben o proceso por provir do mundo da animación, no que está doutorado cum laude, optou xustamente polo contrario. Dous personaxes, calados, mirando o un para o outro. No fondo, unha noite fantástica cunha lúa de ensoño que ilumina os seus rostros. A sutil música de Ludwig Göransson, con estilo propio, pero que convoca a miúdo as pezas de John Williams para fundir todo na mesma tradición, fai o resto. Dunha beleza que emociona.

Ao rematar de falar telepaticamente, Ahsoka revela ao mandaloriano moita información sobre o bebé, nunha secuencia que emula á actitude que Obi-Wan Kenobi ten no filme orixinal, ao contar a Luke a lenda de Darth Vader. En efecto, entramos no terreo do conto e o mito e Filoni revela por que Star Wars é tan poderosa e apela a tantos espectadores, de distintas sensibilidades, en todo o mundo. O padawan avantaxado de Lucas volve á esencia, aos valores universais recubertos dun clasicismo renovado que fan dos mellores momentos da saga algo imperecedoiro. Atopar o seu lugar no mundo, a espiritualidade, a familia… En poucos minutos tócanse todos os temas que definen a epopea de Mando e o seu bebé verde, un ao que pode chamar claramente fillo polo vencello afectivo que estableceron. Nun par de secuencias, a relación dos dous dá un paso de xigante como nunca antes viramos na serie. E reconforta ver que Filoni tamén pensa (como o inxustamente criticado Rian Johnson) que os jedi son tamén seres humanos e non están feitos de pedra. A adolescente Ahsoka que vimos nas guerras clon dá paso a unha versión máis madura ferida na alma, con fendas que dificilmente sandarán. Ese ton melancólico está sutilmente interpretado nos seus xestos e miradas por Dawson, unha actriz que non só emula á perfección a versión animada do personaxe, senón que o leva a outro nivel de evolución baixo a batuta dun Filoni que claramente garda con celo unha creación que quere coidar da súa man – el será o encargado de dirixir o seu spin-off –.

A evolución da serie no futuro

Djarin acabará por visitar outros lugares na súa aventura e deberá axenciarse aliados para plantarlle cara aos restos imperiais, que teñen plans malignos para o seu fillo adoptivo. A serie pareceu inclinarse nos últimos capítulos cara unha evolución lóxica do prototipo eastwoodiano do pistoleiro ao grupo salvaxe. Emulando filmes como Where Eagles Dare (El desafío de las águilas, Brian G. Hutton, 1968) ou Kelly’s Heroes (Los violentos de Kelly, Brian G. Hutton, 1970), Rick Famuyiwa márcase un divertido capítulo, o 15 – The Believer, no que Djarin e outros bastardos sen gloria se infiltran nunha base imperial para roubar unha importante información. Moi ben secuenciado e cuns personaxes carismáticos que evolucionan como deben dende que os viramos anteriormente, sen dúbida é a outra grata sorpresa desta tempada que seguín con maior devoción que convencemento no seu conxunto.

Resúltame curioso que as miñas dúas preferencias persoais sexan eses capítulos escritos e dirixidos pola mesma persoa. Coido que cando Lucasfilm ofrece liberdade creativa aos seus realizadores, sen andarlles enriba con esixencias para fans como colocar esta chiscadela aquí e esta outra acolá, todo flúe moito mellor e recibimos algo con autenticidade. Star Wars vén adoecendo nos últimos tempos, non só nesta serie, dunha certa condescendencia autorreferencial. Eu son un deses fans, berro ao escoitar o nome dese villano tan emblemático das novelas da miña adolescencia, recuperado agora para o canon; emociónome coa volta do meu jedi preferido para salvar o día. Pero estes golpes de efecto non abondan para construír algo que deixe un poso en todas esas nenas e nenos que soñamos cunha galaxia moi lonxana.

Claramente Favreau está a executar con esta serie o pistoletazo de saída cara un universo expandido que seguirá as regras do MCU de Marvel, cunha chea de produtos interconectados. A liberdade creativa debera estar por enriba destas conexións, sen descoidalas. Por poñelo en termos superheroicos, máis James Gunn e menos Peyton Reed, por favor. No equilibrio entre a innovación creativa e a tradición, esa coherencia co universo no que se inscriben as historias, radica a efectividade do futuro de Star Wars. Que a Forza os acompañe.

Comments are closed.