O rural galego en tres xestos. A sección ‘Escolas: Xatería’ do festival Intersección

Xatería xorde da colaboración entre o festival Intersección e a galería de arte lucense Solaina, nunha chamada a voces de estudantes con traballos en relación co rural dende distintos ángulos. Se o leitmotiv do festival foi “a cidade” e, por conseguinte, a análise e a posta en dúbida do vínculo que partillamos coa mesma, Escolas: Xatería propón unha dicotomía rural-cidade dende achegas que poden vir de dentro do rural ou de fóra do mesmo. 

O abano de seleccionadas e a súa heteroxeneidade deu para percibir que moitas das problemáticas que leva carretando a nosa terra dende a chegada da modernidade e do posfordismo subxacen nestas imaxes xa que, a pesar de falar dende o agarimo e das intencións de asirse, o ronsel da perda é inevitable.

Para abordar o retrato do noso rural neste presente texto a partir dos traballos de Xatería permítome tomar unha das pezas, FaceLessTime de Cristina Chiarroni & Roquekes, construíndo tres seccións perante tres fotogramas. Pois FaceLessTime parte precisamente desa dicotomía que moitas veces se establece entre rural e cidade e esta relación, como a mesma peza afirma: “É difícil de entender”, ou non é puramente dualista. As voces no vídeo son as de Google Translate (rural) e a de Siri (cidade), e o texto está escrito por un sistema de procesamento de linguaxe natural, que imita a linguaxe humana. Polo tanto, é o sistema de intelixencia artificial, emblema da modernidade exacerbada, quen dialoga e sentencia dende o seu saber estatístico e automático.

O posicionamento por parte de Chiarroni & Roquekes de relegar á máquina as preguntas do que constitúe o rural pode marcar un achegamento dende as antípodas do que pensamos que é o rural ou, máis ben, indica que a influencia urbana asolaga ao rural ate tal punto que parece máis coherente consultar á computadora sobre que acontece co rural que ir aló a comprobalo.

  1. A partida
FaceLessTime, de Cristina Chiarroni & Roquekes

FaceLessTime, de Cristina Chiarroni & Roquekes

Enxames, de Adrián Salgueiro, é un traballo que mestura fotografía e colaxe e que ofrece reconstruír o pasado rural da aldea de San Xoán en Vilardevós a través da visión dos seus avós. As imaxes de arquivo, expostas mantendo a páxina do álbum cos buracos para os aneis do arquivador, e as fotografías de Adrián, dun formato que nos fai lembrar a fotografía de carné, revelan un punto de vista etnográfico que non vén de dentro de esa esencia rural que persegue o traballo, senón dun presente alleo. Aquí, pasado e presente divídense. Chama a miña atención a escolla do picado nos retratos, distinguíndose perfectamente das imaxes de arquivo e transmitíndonos un control sobre o suxeito. Así mesmo, a totalidade dos retratos actuais son individuais (o que reforza o formato carné), agás o dun rapaz enriba dos ombreiros dun home que rompe o patrón. As fotografías grupais dos labores campesiños pertencen a unha temporalidade que quedou atrás.

Semella que o recurso persoal da figura das avoas serve de ponte para falar desa partida do rural, reflexo da intuición da ausencia. A casa da avoa, de Ana Sánchez, son 56 fotografías que xiran entorno á casa e á leira da súa avoa. Estas imaxes mostran  actividades cotiás, labores campesiños, vestixios de habitabilidade. O traballo conecta pasado e presente, pero na percepción de hoxe hai un ton onírico, potenciado polo branco e negro.

Enxames, de Adrián Salgueiro (recollida na web do autor)

Enxames, de Adrián Salgueiro (recollida na web do autor)

Enxames, de Adrián Salgueiro (recollida na web do autor)

Enxames, de Adrián Salgueiro (recollida na web do autor)

  1. O asenso
FaceLessTime, de Cristina Chiarroni & Roquekes

FaceLessTime, de Cristina Chiarroni & Roquekes

Dentro das estratexias de uso de material familiar, Leite. sangue, de Laura MS, somérxenos na vida rural con imaxes veraces. O material VHS indícanos que as imaxes veñen da década dos 90, polo tanto, o contacto é co pasado. A diferenza dos traballos anteriormente comentados, Laura non ten un vínculo persoal con este material, ou polo menos non sabemos se o ten. Isto evita un posible relato romántico. A escolla das escenas móstranos a mulleres no seu traballo diario e no seu lecer, e aquí albiscamos unha fortaleza nos coidados do fogar, así como un sentimento de comunidade, habendo unha diferenza cos momentos nos que aparecen homes, ligados á caza, onde o son axuda a pór distancia. Ámbalas partes, mulleres e homes, chegan a un mesmo porto: Unha visión que amosa o que foi o rural sen unha intervención presente visible nun formato en uso na década (e que xa non o está); mais as pupilas que miran son as de hoxe.

Leite. sangue, de Laura MS

Leite. sangue, de Laura MS

  1. O abrazo
FaceLessTime, de Cristina Chiarroni & Roquekes

FaceLessTime, de Cristina Chiarroni & Roquekes

Hai dous traballos de Xaterías onde moi visiblemente interactúan o urbano co rural e onde este nexo está marcado na articulación de cada proposta: coa escisión dende o punto de partida do vínculo co rural, mais con pretensión de achegarse a el.

Voltamos á figura da avoa en Onde está a miña avoa?, de Nora Galván. Porén, aquí xa non vemos o seu corpo ou un achegamento á súa perspectiva. Nin tampouco hai unha convivencia con ela. Aquí hai unha chamada sen resposta. A neta, o presente urbano, chama á avoa tratando de acceder á natureza galega dende o formigón da cidade. A imaxe que vemos é a da imposibilidade. Ese corpo novo que retrata Nora con roupas e complementos que poderían asociarse á vestimenta dunha avoa campesiña é un claro engano baixo unha estética de influencia urbana e moderna.

Onde está a miña avoa?, de Nora Galván (IG da autora)

Onde está a miña avoa?, de Nora Galván (IG da autora)

Por último, Notas sobre habitabilidade en A Barca, do colectivo Cinema Semente, volve a trasladarnos ao elemento da casa (coma no caso de Ana Sánchez, ou tamén de Laura MS). Pódese habitar o rural dende a cultura urbana? Ou máis ben, como tería que facerse? É posible a integración?

Cinema Semente liga o habitar co feito cinematográfico. A forma de facelo é unha mistura entre a interacción e a escoita coa xente local da Barca e a autorreferencialidade dos membros do colectivo facendo cine, deixando constancia do seu estar na Barca.

Os protagonistas locais son dous homes: o campaneiro e o proxeccionista. Ouvimos voces de mulleres, vemos pasar entre planos os seus corpos, pero non chegan a testemuñar.

O fenómeno urbano está entre os habitantes pasaxeiros do rural sen ocultamento, falando  a cámara sobre as súas impresións e hipotéticos plans nese territorio que aínda non lles pertence. Entremedias chéganos o rexistro da contemplación e o gozo da natureza da Barca.

Notas sobre habitabilidade en A Barca, do colectivo Cinema Semente

Notas sobre habitabilidade en A Barca, do colectivo Cinema Semente

Comments are closed.