O trio em mi bemol, de Rita Azevedo Gomes

O trio em mi bemol, de Rita Azevedo Gomes

Na década de 1950, xorde en Francia un dos máis poderosos movementos cinematográficos: a Nouvelle Vague. Os artistas desta corrente rebélanse contra as estruturas cinematográficas dominantes ata o momento e reinventan a forma de facer cinema. Son novos e dominan a vangarda do sector durante anos. Unha das súas figuras máis relevantes é Éric Rohmer, autor de obras como Ma nuit chez Maud (1969) ou Quatre Aventures de Reinette et Mirabelle (1987), a cal está composta por catro curtametraxes. Agora chega o que máis nos interesa: existe unha quinta aventura, inédita na película, que finalmente foi levada ao teatro por Rohmer. Esta obra, independente de Quatre Aventures de Reinette et Mirabelle, chamábase O trío en mi bemol (1988).

É o ano 2020, e en plena pandemia, a obra cae en mans de Rita Azevedo Gomes. A directora portuguesa mergúllase no proxecto de adaptar esta obra teatral á gran pantalla. Cabe sinalar que o filme foi rodado durante o segundo confinamento. A rodaxe foi posible grazas á súa sinxela posta en escena e o seu reducido elenco. Así nace a cinta que comparte nome coa obra de teatro orixinal e sobre a que versa este texto: O trio em mi bemol (2022). A directora portuguesa viña de rodar dramas de época e documentais moi valorados polo público e a crítica, e con esta obra deu un paso cara a algo máis contemporáneo e baseado nos diálogos. Continua así co estilo de Rohmer, apoiando gran parte da acción no desenvolvemento das conversas entre personaxes.

A obra mantén a estrutura orixinal, cunha parella de vellos amantes que se reúnen nunha serie de momentos esparexidos ao longo do tempo para conversar. A volta que quixo propoñer Azevedo Gomes é expor por enriba desta estrutura unha linguaxe metacinematográfica: unha vez comeza o filme, non tardamos en darnos conta de que o que en realidade estamos a ver é a gravación dunha película na que hai un director (Adolfo Arrieta), unha axudante e dous actores. A trama avanza con longas secuencias de ensaios ou gravacións, nas que se desenvolve a aventura da parella. Entre medias, hai pequenas escenas nas que vemos como os personaxes están interpretados polos dous actores. A estas escenas únense o director e a súa axudante, quen conversan sobre a propia obra e o estado da rodaxe.

Os protagonistas, Paul (Pierre Léon) e Adélia (Rita Durão) na metaficción, dan vida a dous actores que interpretan a unha parella de vellos namorados. Durante a maior parte da película, vémolos como eses personaxes ficticios. En menor medida, vemos escenas entre ensaios e gravacións, nas que os actores saen dos seus papeis para descansar ou falar co director. Malia ser conscientes de asistir á interpretación dunha ficción baixo as indicacións dun cineasta, as secuencias nas que interpretan aos seus personaxes son tan profundas, e contan cuns tempos tan contemplativos, que arrastran ao espectador á ficción dentro da ficción. En máis dunha ocasión, mentres vemos o filme, podemos descubrirnos esquecendo esa capa e simplemente deixándonos levar polos diálogos e as emocións.

O trio em mi bemol, de Rita Azevedo Gomes

A película está por tanto construída a base dunha serie de secuencias longas, de aproximadamente dez minutos de duración, nas que unha cámara estática grava escenas en plano xeral ou conxunto. Os personaxes deambulan e conversan dentro do plano, en liña co espírito teatral da obra. Os diálogos dominan o ritmo e a acción, son interaccións intelixentes, cunha sincera sensibilidade que axuda a entender o pensamento de cada un destes personaxes e a construír unha imaxe deles. Falan sobre moitos temas, pero principalmente a conversación adoita virar ao redor dunha serie de ideas que terán eco en toda a historia: a relación de Adélia con outros homes, a música, a filosofía ou a pasada relación romántica que compartiron ambos protagonistas. Paul é un home que goza do coñecemento, namorado da súa música clásica e especificamente dunha peza, o Trío Kegelstatt de Mozart, peza que tamén obsesiona a Adélia e que dá nome á película.

Doutra banda, entre estas secuencias, abandonamos ocasionalmente o relato para asistir ao proceso de filmación desta historia. Chegamos a escoitar varias veces o mesmo diálogo. Pola natureza dunha rodaxe, entre ensaios e diferentes tomas dunha mesma escena, reprodúcese varias veces o texto repetido. A directora aproveita a película para deixar unha reflexión consciente sobre o traballo de dirección, asinando algunha xoia como o momento no que a axudante do director (Olivia Cabeza) pregúntalle se deben repetir unha escena na que hai deficiencias técnicas coa luz, ao que este responde: “Sei porque o dis […] pero iso non importa; a escena é perfecta, as súas voces son perfectas e o que pasa é perfecto, non se pode repetir, non se pode refacer…”.

O trio em mi bemol é unha melodía agradable e reconfortante, na que as voces protagonistas vanse abrindo en longas secuencias para descubrirse entre as súas reflexións e sentimentos compartidos e individuais. É unha historia de amor, pero tamén unha historia sobre a música. Grazas ao xiro que inclúe Rita Azevedo Gomes, tamén é unha historia sobre o cinema, na que destaca a mirada dun director, o desexo de xerar sensacións e sentimentos, a procura dun “algo” que conecte aos creadores co público.

O trio em mi bemol, de Rita Azevedo Gomes

Comments
One Response to “O trio em mi bemol, de Rita Azevedo Gomes”
  1. Bego di:

    👌mis dieces!