Ons, de Alfonso Zarauza

Situada na entrada da Ría de Pontevedra atópase a Illa de Ons. Un paraíso atlántico que contén un dos lugares máis estraños e pintorescos da nosa orografía: o Buraco do Inferno. Esta greta vertical a modo de pozo, que conecta directamente co mar, emite tenebrosos sons os días de temporal. Conta a lenda que se trata dos berros e saloucos das almas arrastradas polo demo, e para moitos non é o mar o que se atopa ao fondo da fisura, senón o mesmo Inferno. Alfonso Zarauza e Jaione Camborda, director e coguionista de Ons, a última película do director compostelán, non mencionan esta fenda no libreto, pero o misterio e o inquietante ambiente da película resoa e permanece como os berros daqueles que se lamentan desde as profundidades da illa.

Ons é unha película cargada de sonoros silencios, xa que neste caso os personaxes contan máis polo que calan que polo que din. Son poucas as liñas de diálogo que cruzan o matrimonio formado por Melania Cruz e Antonio Durán “Morris”, e en ocasións son as miradas as que obteñen o protagonismo lingüístico. Miradas como a que protagoniza o cartel da película; os ollos perdidos de Cruz enmarcados polo azul intenso do frío Océano Atlántico. Aínda que son moitas as producións nas que a ausencia de verbos pode chegar a parecer un capricho ao servizo dunha formalidade estética, en Ons é unha virtude innegable. Ao principio da cinta coñecemos a un reservado e deprimido Vicente (Morris), apesarado por algo que descoñecemos. Un home reticente a mellorar a súa situación, testalán en actos e parco en palabras. En contraposición, a súa muller Mariña esfórzase por tirar da súa lingua e empuxar o seu corpo cara a illa, onde espera que a súa condición mellore e o seu matrimonio non acabe á deriva. Alí agardan o irmán dela (Xulio Abonjo), a súa muller (Marta Lado) e a filla de ambos, un alegre matrimonio que vive por e para a illa; ela, fareira de tradición familiar, pasa os días coidando da alta torre.

A medida que avanzan os días, varios personaxes pintorescos interactúan co matrimonio protagonista, pero é sen dúbida Creba (Anaël Snoek) a máis estraña de todas. Esta muller sen nome, bautizada por Mariña, irrompe na monotonía da illa para revolver a orde das cousas e dar a volta ao relato. Como o resto dun naufraxio que o mar arrastrou á costa, Creba aparece varada nas areas de Ons, onde é rescatada e acollida por Vicente e a súa muller. Conforme pasan as xornadas, todo se enrarece e o misterio faise máis grande e latente. Vicente parece mellorar non só coa chegada desta muller, senón coa súa estadía na illa. O illamento que Ons lle brinda axuda a acougar a súa depresión e finalmente el mesmo pide alargar a súa estancia alí. Con todo, Mariña empeora aos poucos e a súa mente núbrase coma se a bruma da illa penetrase no seu interior. A realidade vólvese confusa e un máxico veo atrapa aos personaxes sumidos nunha ladaíña cuxo fin non parece avistarse. O certo é que, sen ser esta unha película fantástica, é tan máxico o misterio que case parece palparse a presenza dese ovni que Mariña afirma avistar de regreso á casa.

A illa produce unha especie de efecto gravitacional que afecta enormemente aos seus habitantes, mentres que o pesadume da protagonista alcanza os límites daquel desacougo que sente ao principio Vicente. Cando el mellora, ela comeza a padecer e a relación non termina de equilibrarse nunca na balanza. A estancia en Ons non só non funciona como bálsamo reparador, senón que remata sendo altamente tóxica. Ademais, o illamento físico que sofren os personaxes prodúcese tamén de maneira emocional, pois todos parecen estar sós a pesar de estar en compañía. Mariña e Vicente non falan, non se escoitan e, en definitiva, non se comprenden e os segredos cóanse entre pequenas gretas sen chegar a saír á luz. Coma se do Buraco do Inferno se tratase, intúese o interior de ambos pedindo auxilio, gritando en silencio aquilo que non se consegue dicir a viva voz. Mariña corre e percorre en círculos a illa, esforzándose de maneira constante por despexar a bruma e evadirse da realidade; está encerrada na illa e nos seus propios adentros. Doutra banda, Vicente é tentado por unha muller espida, coma nunha escena bíblica ou mitolóxica, e a súa experiencia na illa vese condicionada por este feito e polo accidente que arrasa o seu matrimonio. En ambos casos hai unha muller polo medio, pero ningunha delas é Mariña, polo que a tensión aumenta e a brecha entre ambos ensánchase.

Zarauza aposta tamén pola distancia á hora de encadrar os seus personaxes. Nalgunhas ocasións, a cámara parece flotar, como cando indica a Vicente o camiño cara á tentación ou se achega lentamente cara o rostro de Melania Cruz. A formalidade e a técnica póñense ao servizo da narración, e en moitas ocasións o fóra de campo importa máis que o que vemos en pantalla. De novo, aquí tamén se illa aos protagonistas mediante o uso da cámara e o portentoso deseño de son. Destacan as actuacións do matrimonio protagonista, xa que, aínda que non son demasiadas as palabras que regalan ao espectador, son moito máis valiosas as súas interaccións non verbais. Morris, xa consagrado como un dos mellores actores do panorama galego, volve ofrecernos unha brillante interpretación chea de matices e capas de suma profundidade. E é que aínda que o espectador non coñece os detalles daquilo que tanto o atormenta, rapidamente detectamos a súa depresión e a congoxa que arrastra desde hai tempo. Tamén Mariña, a personaxe de Melania Cruz, arrastra a súa propia áncora, xa que o peso da enfermidade do seu marido descansa sobre os seus ombreiros. Á actriz lucense podemos vela cada vez en máis producións, e o seu expresivo rostro atrapa a mirada do espectador cada vez que se manifesta en pantalla, por breve que sexa a súa aparición. A súa achega ao cine galego é tan notable que cabe esperar que a figura dos Mestre Mateo volva caer nas súas mans.

Poida que Ons sexa a película máis profunda e madura da filmografía do seu director. O pouso que deixa é tan grande que, conforme máis se pensa, máis sorprendente se volve o misterio. Ao final todo cambia: é el quen rompe o silencio preguntándolle a ela se está ben, pero á vez todo permanece, porque Ons segue sendo o lugar de escapada e encontro e a illa acompañará para sempre aos que alí estiveron.

Comments are closed.