OS ENSAIOS COMO TENTATIVAS

31 Ensaios Audiovisuais 2

O seguinte texto é obra dun dos participantes do Workshop Crítica de Cinema realizado durante o Curtas Vila do Conde – Festival Internacional de Cinema. Este obradoiro consistiu, dunha banda, nun conxunto de clases maxistrais e debates con convidados internacionais, e doutra, na produción de textos críticos sobre os filmes exhibidos durante o festival, que foron publicados, periodicamente, na páxina do Público, no blog do Curtas Vila do Conde, e nas revistas Á Pala de Walsh e A Cuarta Parede. A versión orixinal en portugués deste texto atópase aquí.

Nesta vixésimo cuarta edición do Curtas Vila do Conde houbo espazo para unha cinefilia emerxente que aínda lida cunha dificultade de catalogación, persistindo algunhas diverxencias que, normalmente, os festivais de cinema tenden a colocar no nicho das sesións experimentais, a falta de mellor encadramento. Algúns dos filmes incluídos no programa de ensaios audiovisuais foron mostrados por primeira vez en pantalla grande, filmes producidos directamente para o Youtube ou plataformas similares, e que teñen sumado millóns de visualizacións. O programa tamén incluíu outros filmes raros, como A Movie (Bruce Conner, 1959), e títulos de autores consagrados neste xénero, como Mark Rappaport. A partir deste programa especial, gustaríame reflectir sobre o concepto de ensaios e sobre unha correcta auto e hetero referencialidade que estes filmes posúen, moito antes da era da Internet, porque eses conceptos, nesta era de información avasaladora, producen un tipo concreto de coñecemento moi semellante ao coñecemento do noso cerebro humano, á forma na que o procesamos e podemos así comprender o poder deste «logos» informático e partillado.

Nunha entrevista con Mark Rappaport, realizada por tres críticos do blog Á Pala de Walsh e incluída no catálogo do Curtas, o artista norteamericano, ao ser confrontado sobre o seu punto de partida, respondía: “Eu non sei ben o que procuraba”. Antes, ao ser preguntado pola voz en off, nunha resposta longa, recoñece que “estas conexións poden ser feitas a todo o momento”, referíndose a unha conexión entre Ophuls e Bresson. Estas dúas frases de Rappaport son, para min, moi reveladoras dunha forma de crear que non procura nada en particular, mais que está facendo camiño. A relevancia destes filmes é precisamente dar acceso a todas esas conexións que están continuamente a ser feitas, como en Debra Paget, For Example (Mark Rappaport, 2015), ou I, Dalio – or The Rules of the Game (Mark Rappaport, 2015).

Debra Paget, For Example (Mark Rappaport, 2015)

Debra Paget, For Example (Mark Rappaport, 2015)

Antes de seguir, convén matizar a tensión entre o Pop e o Escolástico. Coma sempre, hai nas máis diversas áreas unha base cultural e académica coñecida por todos; mentres que na área dos medios, pola contra, coido que hai unha lagoa, xa que as persoas acceden aos diferentes medios sen teren unha noción do que os precederon. Se non fose por esa lagoa, certos formatos ficarían máis claros e entenderíamos de que forma poderían ser reinventados, creando, así, en cada un de nós, unha rede de illas de coñecemento que nos dan forma dun xeito único. Esta idea é particularmente interesante nesta área de estudo, a área da creación, da realización e da escrita, indo ao encontro da innovación e estando inscrita nunha determinada tradición.

Hai unha metalinguaxe entrópica en plena formación dentro dos medios audiovisuais, incluíndo o cinema. Por iso, vemos filmes como What Is Neorealism? (::kogonada, 2013), Film of Her (Bill Morrison, 1996) ou mesmo The Vertigo of Anagnorisis (Catherine Grant, 2012), entroutros. Estes ensaios establecen relacións e crean pontes entre filmes que aparentemente non exploran as relacións entre si. Con todo, non o fan a través da inspiración, copia ou a parodia, como homenaxe. Estes filmes, en concreto, relaciónanse cos de Mark Rappaport e outros autores, como Shapes of Rage (Adrian Martin & Cristina Álvarez López, 2015) ou Gestos do Realismo (Margarida Leitão, 2016), tamén na noción que exploro no meu título, tirado de Montaigne, de ensaios como tentativas.

Gestos do Realismo (Margarida Leitão, 2016)

Gestos do Realismo (Margarida Leitão, 2016)

A palabra essais significa literalmente tentativa en francés; se quixermos ensaio, no sentido teatral, do exercicio e do tempo que permite que unha interpretación dun texto progrese por tentativa e erro até a perfección da representación no escenario. A pesar de que a obra de Montaigne aborda moitos tópicos persoais, os seus textos comezaron a ser valorados non só polo contido, senón tamén por ser textos que se crean como tentativa de construción do coñecemento, por ser un intento de reflectir por escrito sobre as ideas que nos cruzan a mente. Neste sentido, estes filmes son raciocinios a través de imaxes, son partillas de sinapses que poden, a través do cinema, comunicarse a outros.

Toda a tecnoloxía imita a tecnoloxía anterior, dun xeito máis eficaz, porque, se non fose así, toda a nova tecnoloxía sería demasiado difícil de dominar. Ora ben, a internet mimetiza, en moitos aspectos, a nosa forma de razoar, nomeadamente a conexión de neuronas en sinapses, para establecer conexións, autoestradas de coñecemento, vías rápidas de acceso á información. Estes filmes conversan co espectador dunha forma coidada e máis elaborada sobre unha idea que posuímos e que poderiamos comunicar na mesa dun café.

De l'origine du XXIe siècle (Jean-Luc Godard, 2000)

De l’origine du XXIe siècle (Jean-Luc Godard, 2000)

Seguindo esta reflexión, xorde a quebra da cuarta parede pola banda da cultura pop mediática, que reproduce a cultura pop social cunha interacción tan híbrida que resulta imposíbel saber onde comeza unha e onde remata outra. Por este motivo, quero promover a idea desta creación dunha rede de coñecemento, dunha network de referencias, na que xa non se sabe onde comezan ou rematan, mais que son responsábeis de producir momentos brillantes e innovadores. Existe unha historia das imaxes, como Godard a pensou, á que se refire Rappaport cando di, na entrevista antes citada, “se Godard non existise, eu non sei se conseguiría comezar a facer filmes”. Rappaport refírese aos aspectos máis técnicos das infindas posibilidades de facer filmes, fóra do contexto formal de Hollywood; mais tamén me parece que a suxestión de que o propio contido dos filmes pode ser distinto, e pode ser recriado por cada un de nós, como se entende dende Pierrot, le fou (Jean-Luc Godad, 1965), é válida. Nesta tradición godardiana de referencialidade cruzada entre as imaxes de ficción dos diversos filmes que empregou para as súas Histoire(s) du Cinéma (Jean-Luc Godard, 1988-1998), está esta rede de coñecemento, que confirma, como Deleuze aludiu e Godard pretendía nesa obra, ao cinema como forma de creación dunha Historia Universal do Home, a través da creación fílmica, quebrando a cuarta parede e sendo o cinema a liña avanzada dunha nova concepción civilizadora.

A publicidade da Apple no intermedio da SuperBowl nos anos oitenta, que remite ao libro 1984 (George Orwell, 1948), é algo que xurdiu no cinema, porque é imposíbel para unha xeración de cinéfilos e de receptores de cultura pop mediática amputar esas sinapses producidas. Un exemplo diminuto, mais significativo, apareceu cando Rappaport, no panel final dos ensaios audiovisuais, se referiu á velocidade do cinema, isto é, ao tempo dunha escena, patente nalgúns dos filmes mostrados, nomeadamente en Transformers: The Premake (A Desktop Documentary) (Kevin B. Lee, 2014). Trátase dunha necesidade dos cineastas para agradar ao público que creceu xogando aos videoxogos, mais tamén está pensado dunha forma inconsciente polos usuarios regulares dos medios, que reproducen a máis velocidade aquilo que ven. Esta práctica dos ensaios audiovisuais, polo tanto, emprega un dispositivo novo para crear un novo storytelling. Por conseguinte, crea un short cut entre a modernidade e a antigüidade, achegando esta última á anterior, para recuperar dese xeito elementos fundadores da cultura artística occidental. Patricia Waugh explicou este mesmo proceso coas seguintes palabras: taking as its starting point a previous work or genre, it inserts a metaphoric version of this into the ongoing (metonymic) literary tradition. This dislocates both past and present texts; the rearrangement of the original text or genre reveals the potential rearrangements of the present one” (Waugh, 1984). Nesta última frase é onde xulgo que está unha segunda lectura deste obxecto-concepto, non só como dispositivo, senon como intersección entre tradicións, a prol de ambas.

Transformers: The Premake (A Desktop Documentary) (Kevin B. Lee, 2014)

Transformers: The Premake (A Desktop Documentary) (Kevin B. Lee, 2014)

Esta reflexión lévame a outro aspecto que me gustaría salientar, relacionado cun poder que produce o coñecemento. Un poder, en concreto, que este coñecemento de entender as referencias e as conexións entre diferentes medios produce nos individuos, que así poden distinguir, dun xeito máis incisivo, a orixinalidade ou a interreferencialidade en distintos filmes, e concluír que ningún é mellor que outro. No fondo, ambos poden ser bos. O único poder real nunha sociedade tan mediática e con tanta información como a nosa é ter unha percepción de onde vén esta información e quen a transmite, para así poder escoller se a consumimos ou non, xa que o resto é imposíbel de controlar.

Para terminar esta ‘curta’ reflexión sobre os ensaios audiovisuais gustaríame lembrar algo moderno que se insire nestes obxectos fílmicos, parciais e moi recortados, cunha montaxe moi pronunciada, onde os experimentos de Vertov están moi presentes, e que é a esencia destas ‘tentativas’ de produción de coñecemento: o concepto de fragmento, que Schlegel definiu no Romanticismo Alemán como a nova forma de atinxir a síntese. Empregando unha dialéctica hegeliana, pode demostrarse que o fragmento, a través desa síntese, permite atinxir outras formas de realidade e de coñecemento. Schlegel, resumindo, suxire a posibilidade de que o fragmento sexa a concreción perfecta desa síntese, na medida en que é unha aniquilación, unha auto destrución, porque a súa natureza é ser incompleto, e desa forma poder estar sempre listo para ser reelaborado, sempre en devir. O fragmento, por estar inacabado, está sempre preparado para ser perfeccionado e empregado para construír a partir del.

Esta idea estivo moi presente durante o visionado destes ensaios audiovisuais, como por exemplo na forma na que os filmes de Rappaport lidan co corte, coa unión de ideas aparentemente inconexas, e con fragmentos de obras que, ao non posuír unha relación previa entre si, axudan a complementar o seu comentario en off. Outro caso sería a forma na que o fragmento non creativo, ao ser tomado doutras obras e estudado, pode servir para crear un novo coñecemento e unha nova natureza artística. The Face and The Mirror (Thomas Elsaesser e Jeremi Szaniawski, 2015) é un bo exemplo, xa que dunha banda permite coñecer mellor os filmes de Ingmar Bergman a través da análise da aparición de espellos neles, e doutra banda axuda a entender como esa figura foi asimilada por Bergman para logo amosar outros usos da mesma noutras obras, como en The Magnificent Ambersons (Orson Welles, 1942).

The Face and The Mirror (Thomas Elsaesser e Jeremi Szaniawski, 2015)

The Face and The Mirror (Thomas Elsaesser e Jeremi Szaniawski, 2015)

Estas tentativas, ensaios ou colisión de fragmentos son unha nova sinapse e un novo rastro, un entre moitos que interesa percorrer, porque tamén son viaxes pola memoria e polo coñecemento de cada un de nós, o que posuímos e aquel que aínda non relacionamos. Así, este coñecemento persoal, nunha era de avalancha de información, podería ser o xeito máis íntimo e achegado de conectarnos e partillar ideas e emocións.

Referencias bibliográficas

Verstraete, G. (1998). Fragments of the Feminine Sublime in Friedrich Schlegel and James Joyce. New York: State University of New York Press

Mendonça, L. et al (2016). “Interessa-me o Ponto de Vista da Lagarta Sobre a Maçã” – Uma Entrevista com Mark Rappaport (pp. 134-140), en Catálogo do 24º Curtas de Vila do Conde. Vila do Conde: Curtas CRL. 

Waugh, P. (1984). Metafiction The Theory and Practice of Self-Conscious Fiction. Nova Iorque: Methuen & Co. Ltd.

Ler a versión orixinal en portugués

Comments are closed.