PARASITE, de Bong Joon-Ho

Algúns meses despois da inhumación de Franco no Valle de los Caídos, en plena Transición, a editorial barcelonesa La Gaya Ciencia publicou unha serie de libros sobre sociedade e política para mozos lectores. Así es la dictadura, Las mujeres y los hombres o Hay clases sociales, eran algúns dos títulos daqueles álbums ilustrados que explicaban cuestións complexas de forma sinxela. A colección chamábase Libros para Mañana e foi reeditada hai pouco pola editorial Media Vaca baixo o mesmo nome; polo visto corenta anos despois o mañá non é hoxe, e proba diso é que se acaba de exhumar ao Ditador do seu mausoleo e seguimos dicindo iso de que “hai clases sociais”.

Polo menos iso é o que sacamos en claro tras ver Parasite (Gisaengchung) a última obra de Bong Joon-Ho (Memories of Murder, Snowpiercer) e aínda que facer unha lectura marxista poida parecer anacrónico e arriscado, non é tal xa que a loita de clases está ben presente neste filme que lle serviu ao director surcoreano para alzarse coa Palma de Ouro en Cannes.

É curioso porque de partida garda certas similitudes coa súa antecesora na Palma, a xaponesa Un asunto de familia (Manbiki kazoku) de Koreeda, xa que os protagonistas de ambas as cintas son familias pobres que buscan saír adiante. É certo que no punto de partida acábanse as semellanzas, no plano argumental seguen camiños diverxentes e mentres que a película xaponesa era un contido e sutil drama social, a coreana é un estridente thriller, a medio camiño entre a comedia negra e a película de terror. Aínda que ten moitos elementos propios do director, a incapacidade para definila con claridade -máis aló das limitacións do que escribe- radican na aposta por manter un ton ambiguo que lle senta estupendamente á cinta. Bong Joon-Ho transita pola historia coa suficiente pericia para ir cambiando entre os carrís dos xéneros pero non descarrilar nunca. O seu dominio da forma, concatenando inspiradas set pieces, é a demostración dun director que non abandona nunca a súa aspiración para entreter por riba de todo. Parasite é un artefacto formal elaborado e magnético, pero é que ademais, se rascas, hai fundamento debaixo.

Á familia de baixos recursos anteriormente mencionada contraponse outra de clase alta. As dúas son normativas -pai, nai, filla, fillo- pero de ambientes socioeconómicos tan dispares que parecen de mundos distintos. Ambos os mundos converxen cando o fillo da familia pobre acaba sendo o titor -engano mediante- da filla rica e fai cambalear a estabilidade da familia -lembramos aquí Teorema (1968) do, esta vez si, marxista Pasolini-. É entón cando a madeixa de relacións vaise complicando ata tecer unha trama, que non desvelaremos, pero que xoga coa tensión entre os de arriba e os de abaixo. Faio ademais sen utilizar ningún elemento disruptivo afastado da realidade social, aquí os monstros son bastantes prosaicos. Neste sentido contraponse á recente Us (Jordan Peele, 2019) e a diferenza desta, Parasite é capaz de transmitir máis sendo menos metafórica e pretenciosa.

Por exemplo, algo tan banal como unha noite de fortes choivas sérvelle a Bong Joon-Ho para subliñar as facilidades ou dificultades das persoas segundo a súa clase social. Nun momento da película, unha escena que non destripa a trama, unhas choivas torrenciais caen sobre a cidade e afecta de forma distinta a ambas as familias. Para a nosa familia protagonista é un drama pois se asolaga o canellón e o semisoto onde viven e acaban durmindo nun polideportivo; mentres que os que viven no barrio rico, na parte alta da cidade, son alleos ao drama e alégranse porque a choiva limpa e mellora a calidade do aire. Nunca chove a gusto de todos, pero sobre uns chove máis que sobre outros. A pesar de todo, as relacións sociais vólvense dependentes. Os de abaixo aspiran a saír da miseria vivindo como asalariados dos de arriba e, estes, que os de abaixo manteñan o seu confort “sen pasar da raia” como di o exitoso pai e empresario.

Por suposto, Bong Joon-Ho non respecta ningunha liña e traspásaas todas -as de xénero e as ideolóxicas- co seu habitual desenvoltura. É certo que, o director non fai ningunha alegación kenloachiana por así dicilo e mostra as miserias duns e outros sen caer no maniqueísmo. Pero o que si fai, co contraste que establece na película, é mostrar unha sociedade rota, cun ascensor social avariado que só funciona para ir ao soto e onde as empinadas escaleiras de ascenso teñen máis dun chanzo falso. Hai clases sociais, si, e están cheas de parásitos.

Comments are closed.