A HIPÓTESE DO CINEMA, de Alain Bergala

PEDAGOXÍA FÍLMICA ·

É un lugar común afirmar que a expresión audiovisual posúe máis ramificacións e posibilidades das que nunca tivera. Mais en plena voráxine deste amplo conglomerado, o cine, precedente e/ou compañeiro afamado e máis visible das restantes manifestacións, tenta conservar ou procurar a súa especificidade. Porén, a súa presenza nas etapas formativas académicas fica apenas esbozada, un feito que acontece tanto en ensaios e tratados didácticos como no espazo natural de aplicación, a escola. Os resultados pasan por sucesivas reformas educativas que parecen negar a necesidade dunha rigorosa cartografía capaz de revelar esquemas, estratexias, recursos e mecanismos, fixar estruturas e pautas para unha aprendizaxe a través de lugares polos que flúen fragmentos fundacionais da historia da arte e do coñecemento.

Fronte a este ensino deformado, atopamos a robusta, exemplar singularidade do sistema francés, exercida por métodos pedagóxicos pioneiros aplicados a disciplinas artísticas nos diversos graos académicos. La hipótesis del cine ten as súas orixes nunha experiencia do seu autor, Alain Bergala, prestixioso crítico e cineasta francés, que acepta en xuño de 2000 o encargo do plan de desenvolvemento e inserción das artes e a cultura nos colexios auspiciado polo daquela ministro de Cultura, o célebre Jack Lang. Alentado por un proxecto didáctico que propón a consideración da arte como un encontro do alumno coa súa alteridade radical, o punto de partida racha as nocións da pedagoxía tradicional. Bergala remite de modo directo á súa experiencia persoal de descubrimento e vinculación ao cine desde a infancia para darlle relevo a esta exploración. A concepción do cine como arte obriga a un esforzo de interpretación no que se precisan ferramentas que sirvan de contrapeso á sobrecarga indiferente de imaxes. O obxectivo non é outro que facilitar recursos e estabelecer estímulos para novas perspectivas críticas, abertas e participativas. A feliz confluencia que desprende o texto, facilitando paralelismos e marcos de actuación coincidentes entre as posibilidades combinatorias e creativas do cine e a aprendizaxe adoptada nas aulas, artéllase por medio dun texto onde o sincretismo e brillantez dos referentes sobre os que edifica o seu ideario-proxecto, entendido como proposta didáctica, abrangue un percorrido por todos os grandes nomes, cineastas e teóricos.

O esmero na lección e o desglose elaborado contribúen a unha comprensión total do feito cinematográfico, descartando fórmulas de falseamento; os exemplos seleccionados permiten acceder a un equilibrado conxunto de obras que toman como destinatario natural o público infantil e xuvenil baixo canons de respecto, intelixencia e chamadas da atención aos dispositivos que fabrican o relato fílmico, unha operación fílmica na que derruba Bergala o dito de “de Pokemon a Dreyer”, incorporando a idea antes de procesos graduais con materiais de calidade que o moldeado aos gustos da promoción cultural á moda, unha impugnación elegante dos procesos educativos á carta. A necesidade de integrar o coñecemento emanado de tantos outros (o excelso e sempre evocado Serge Daney, Jean Louis Schefer, Jean Narboni) e as súas aplicacións fílmicas prácticas, dende segmentos de Abbas Kiarostami ao Fritz Lang de Los contrabandistas de Moonfleet, devén en lúcida e pracenteira formación do escolar. Bergala sinala a pertinencia da figura do cativo como intermediario en toda unha serie de (fermosos) títulos como La noche del cazador, a propia Moonfleet, Un mundo perfecto, Un verano en casa del abuelo ou Alemania, año cero, procesos de identificación por onde outeamos as complexidades do mundo, puntos de inflexión nos que o mozo mestura (unha ás veces fráxil ou clara) comprensión e todo un cúmulo de incógnitas. Factores como este contribúen a conducir ao lector a infinidade de reflexións por medio dunha alternancia do descritivo, o informativo e o creativo que trata cuestións como os abusos da diferencia xeracional; a preeminencia do cine de calidade; a defensa da constitución dun capital de películas, videoteca de urxencia, para estender a todas as escolas; a elaboración de fragmentos postos en relación, asociacións e derivas interactivas que amosan o enramado de relacións da historia das artes.

Ao cabo, Bergala explicita os cinco puntos decisivos sobre os que asenta este proceso de transmisión cognitiva: a oferta antes das operacións mentais que das técnicas; a expresión da harmonía entre a totalidade e o fragmento; os fundamentos das tomas de decisión; o programa, a realidade e o actor; as eleccións de traballo baixo pulsións negativas e as decisións non-lóxicas que dan lugar a estimulantes resultados. Un traballo práctico realizado polos cativos pecha esta experiencia, expresión da capacidade de análise, integración e coñecemento do seu autor. Un ton entusiasta que roza a crenza desmesurada na educación e a difusión cultural nunha sociedade como a presente non chega a enturbar o conxunto. Como colofón ou mostra en absoluto anecdótica da influencia desta obra e as metodoloxías derivadas, as tradutoras ao castelán do libro son Núria Aidelman e Laia Colell, tan rigorosas como sagaces seguidoras en España de estratexias pedagóxicas moi similares.

__________

La hipótesis del cine. Pequeño tratado sobre la transmisión del cine en la escuela y fuera de ella

Autor: Alain Bergala

Editado por Laertes. Dispoñible por 16 euros.

Comments are closed.