PELA DEL ÁLAMO: “QUEREMOS MEDRAR EN CALIDADE, NON EN CANTIDADE”

pelacurtocircuito

Por terceiro ano consecutivo, Pela del Álamo ponse aos mandos do Festival Internacional de Cine Curtocircuíto. A cidade compostelana encherase de actividades e filmes durante unha semana que irá do 6 ao 11 de outubro e cuxos pratos fortes serán a visita dos directores Aki Kaurismäki e Jørgen Leth.

Décimosegunda edición de Curtocircuíto, a terceira contigo coma director. É esta a edición máis potente do festival?

Eu cheguei a Curtocircuito hai tres anos e desde o primeiro momento dixen que o meu proxecto para este festival era medio-longo prazo. Este é o primeiro ano no que podo dicir que Curtocircuíto parécese á idea de festival que teño na cabeza. Para consolidar un proxecto coma este fai falla tempo e porque hai que estender unha rede, uns procedimentos, xerar uns intereses e unhas expectativas para que logo as cousas empecen a ocorrer. E unha vez que un vai propoñendo cousas logo á súa vez está o retorno esencial, que é o público. Se temos público podemos ofrecer cousas importantes, porque ao final o importante é que haxa quen consuma esa proposta. E Santiago, pola cidade que é, ten un gran potencial. Pero está na nosa man saber traer a ese público e, apoiados polas salas cheas, por uns concertos cheos, poderemos seguir propoñendo cousas e crecendo. Non crecendo en tamaño. A min non me interesa tanto crecer en tamaño, aínda que si que houbo un pequeno cambio do ano anterior a este. A idea é ir crecendo en calidade. Non somos un festival que teñamos un millón de euros de presuposto. Entón o que temos que facer é espremer ao máximo os arredor de 140.000 que temos. Non é un gran presuposto pero, dados os tempos que corren, ben xestionados é abondo para traer á cidade cousas importantes.

Crecer en calidade e non cantidade. Plantexádesvos ampliar as actividades alén do voso calendario habitual?

Curtocircuíto ten que ser un festival compacto e moi moi intenso. Ese é o meu modelo de festival a día de hoxe. Dentro de dez anos, se eu sigo aquí, xa veremos se a cidade ou o festival precisa outro modelo. O festival ten que medrar sempre pensando na cidade. O primeiro que temos que conseguir non é aumentar as sedes, nin aumentar a programación, nin aumentar as películas a concurso; o que temos que intentar é ter programación todo o ano: iso é o interesante para a cidade, que Curtocircuíto, non só nas súas sedes habituais, senón nos centros socioculturais, en espazos multiusos, poida ofrecer á cidade programación cinematográfica de calidade. E sempre buscando sinerxias e colaboracións coas iniciativas privadas que hai na cidade coma NUMAX, Unitaria, etc.

No pasado colaboráchedes con Play-Doc, co Cineclube de Compostela, co colectivo LGBT, este ano estades irmandados co WOSINC… seguides medrando pero non pechades as portas a outros.

Hai formas e formas de medrar. Nós non queremos abarcar un montón de sedes e comezar a casa polo tellado. O que hai que facer é medrar de forma sostible, e a mellor forma de medrar é que os teus cimentos non estén soportados só por ti, senón por todas esas asociacións e iniciativas que mencionei antes a base de retroalimentarse. Esa retroalimentación xera unha expansión e fai que o festival chegue a máis lugares da cidade. Pero non empurramos nós sós o carro. Empúrrano a equipa do festival, a equipa do Concello e as equipas de cada unha desas iniciativas. Esa é a forma de facer cidade, e iso é o que eu quero para Curtocircuíto: ir medrando e ir colaborando con cada vez máis axentes culturais da cidade. Ademais, creo que aínda nos quedan moitas cousas por inventar e temos que seguir traballando nesa dirección: crecemento sostible.

Outra das características de Curtocircuíto é a súa programación dirixida a un público infantil. Intentades encher ese oco de docencia audiovisual que escasea na educación?

Como festival público que somos temos que ofrecer programación para todos os rangos de idade. Por iso está a sección ‘Criaturas’, onde veñen todos os colexios públicos interesados e lles ofrecemos unha programación semanal. Pero ademais diso, nós temos unha labor e unha necesidade de formar públicos. Obradoiros como o de Unitaria son pequenos graos de area que suman nesa dirección e, a verdade, hai poucas cousas máis agradecidas no festival que ver aos nenos vendo películas, ou mellor todavía, facéndoas.

Quizais, ademais de escasear esa formación audiovisual na educación, falte vocación de crear novos cinéfilos.

Nós unha das cousas que queremos facer é colaborar con todo o que reme na mesma dirección que nós: temos que sumar forzas. Nese sentido, non só traballamos cos máis pequenos, senón que tamén traballamos con adolescentes e coa universidade. En relación cos adolescentes, temos a sección ‘Teenage Riot’, que debe o nome á canción de Sonic Youth, que aposta por ofrecer aos rapaces filmes cuns valores que lles conviden a ter un pensamento propio e a decatarse de que, na vida e no mundo, hai outros camiños posibles alén de convencións. Esta sección ten esa intención: espertar, humildemente, conciencias ou, ao menos, curiosidade para que non sexamos todos clons.

Escasea a formación audiovisual nun mundo no que todo nos entra polos ollos. Por iso, queremos agradecer e pór en valor a todos eses docentes que si empregan o audiovisual como unha ferramenta de traballo para a aprendizaxe e coñecemento. Por iso este ano formalizamos unha sección chamada ‘Canteiras’. Un espazo para que os distintos institutos de Galicia nos que hai esta vocación audiovisual poidan presentar os seus traballos audiovisuais. Este ano contaremos co Instituto de Ensino Secundario de Celanova, que fixo unha peza marabillosa titulada Buscando a Bill Viola. Alumnos de secundaria contactaron cun dos artistas internacionais máis importantes da videocreación como é Bill Viola e fixéronlle este tributo. Vaise presentar en Curtocircuíto e iso é unha gran nova. Nós queremos seguir traballando nesa línea e comprometernos coa sección ‘Canteiras’ a que outros institutos poidan exhibir as súas obras.

10646721_868086466537941_6575445513043003404_n

“Hai poucas cousas máis agradecidas no festival que ver aos nenos vendo películas, ou mellor todavía, facéndoas”.

Entrando xa nos filmes que formarán parte do festival, que títulos ou directores se poden ir destacando?

Este ano nas seccións competitivas, tanto na oficial como en Planeta GZ, imos ter sorpresas moi moi chulas. Hai un gran descubrimento, que non o fixemos nós, xa se presentou en Galicia no (S8) Mostra de Cinema Periférico, pero para Santiago si será unha estrea. É unha cineasta, compostelana ademais, non moi coñecida por aquí, que é Helena Girón, cunha peza incrible que se chama “Sin Dios ni Santa María”. É unha curta experimental fabulosa, para min é dos meus grandes amores deste 2015 no que se refire a cineastas galegos. Tamén teremos a cineastas como Lois Patiño, aínda que non vou desvelar en que sección. E logo, en internacional, haberá cousas moi potentes coma Deborah Stratman, Jennifer Reeder, Mike Hoolboom, ao que o ano pasado lle adicamos a retrospectiva, Ben Russell e outros cineastas de primeiro nivel mundial. Tamén teremos ao gañador de Cannes deste ano a mellor curtametraxe, Ely Dagher, tamén un dos ganadores de Locarno… Creo que selección, e está mal que o diga eu, ten un nivel excelente.

Todos os anos escolledes un director que descubrir ao público, quen ocupa este ano a sección Púlsar?

Este ano adícase a João Salaviza que é un dos directores portugueses emerxentes, e xa non tan emerxentes, máis destacados. Ademais cremos que é un Púlsar perfecto porque nós o que queremos é traer, descubrir un cineasta novo cuxa cinematografía sexa xa rigorosa, única, particular… que demostrase ese percorrido sólido e que esté a piques de eclosionar. No caso de Salaviza é perfecto porque agora mesmo, mentres estamos tendo esta entrevista, el está estreando no Festival de Venecia a súa primeira longametraxe, Montaña, o cal, tendo en conta que nós o eleximos no mes de marzo, quere dicir que apuntabamos ben. Para nós é unha honra ensinar o seu traballo aquí en Compostela.

Sen dúbida, o prato forte do festival é a visita de Aki Kaurismäki. Que vos levou a pensar nel?

Nós pensamos en Kaurimsäki hai un ano e pico nun paseo por Portugal, e crimos que sería bonito telo con nós. Comezamos a facer as xestións con Rodrigo Areais, que é un produtor portugués, compañeiro noso, que produciu o filme O Tasqueiro de Kaurismäki. El comezou a facilitarnos as cousas e fomos a visitar a Aki a Portugal. El estaba disposto, sempre algo escéptico, porque non se fía nin da súa propia sombra, pero amosou boa disposición e percibimos o gran compromiso que ten cos festivais que arriscan e que asumen propostas fóra do que é o mainstream. Creo que iso foi o que o convenceu: o noso amor polo cinema e a nosa aporta pola contemporaniedade. A partir de aí, fóronse falando as cousas pouco a pouco. Logo el apareceu na inauguración de NUMAX, o que foi para nós unha grande alegría porque facilitou e reforzou ese contacto con Santiago. Desde aí todo foi rodado. A súa visita é para nós un acontecemento e é un luxo poder presentar a súa obra de forma pública nesta edición. O tema é a ver como o superamos no proxecto para o vindeiro ano… aínda que xa estamos planeando algo.

O que?

É moi difícil que ocorra, algo faremos. Temos un contacto directo e hai que traballar duro.

Traedes a Kaurismäki pero non para exhibir a súa obra máis coñecida.

Por un lado temos unha selección de filmes que Aki quere amosar porque a forma en que dialogan entre elas é moi interesante para el en relación á idea que ten do cinema. Temos desde John Huston ao seu axudante de dirección, Chilles Charmant, e outras máis. Todas estas películas non teñen absolutamente nada que ver entre elas e estamos desexosos de que Aki nos explique porque estas catro películas están conectadas. [ri] Non teño nin idea de que vai a contar ou de que pode pasar.

Por outro lado, a súa obra aquí en Santiago é coñecida é accesible, de aí que descartásemos a idea de facer unha retrospectiva sobre as súas longametraxes. Porén, está esa outra obra, casi descoñecida para o grande público, e que ten que ver coa parte máis gamberra e máis desenfadada de Kaurismäki, e o rol de Curtocircuíto é redescubrir estas pezas. Ademais, despois teremos un encontro co público e estamos seguros de que será xenial porque ademais Aki fala portugués perfectamente e isto vai xerar unha cercanía e un calor moi interesante.

Jørgen Leth ocupará a Retrospectiva deste ano. Sendo un director non moi coñecido a súa elección é arriscada.

A decisión de traer a Jørgen Leth é unha decisión persoal. Eu sempre pensei que nos diría que non. O ano pasado convidámolo pero non tiña dispoñibilidade e díxome “Call me next year”. Eu tomeille a palabra e este ano escribinlle. El é un dos meus referentes cinematográficos e, dun día para outro, estabamos intercambiando mails de ciclismo, de Eddy Merckx, de Indurain, de Laudrup e de Santiago, cidade da que el ten unha bonita lembranza xa que tiña un grande amigo vivindo aquí. É un luxo telo este ano connosco, quizais non sexa tan coñecido como Kaurismäki, pero é un dos grandes do cine contemporáneo e Lars Von Trier venérao, de feito protagonizan The Five Obstructions. Confío e agardo que o público de Compostela non se deixe enganar pola comparación entre nomes e veña a ver a Jørgen Leth porque é excepcional.

Kaurismäki e Leth en Santiago… pode que sexa o inicio dun “Casco Histórico” en Compostela…

[ri] Ogallá!

image8

“É un luxo ter este ano connosco a Jørgen Leth”.

Outro grande director que se une ao festival, neste caso como docente, é Oliver Laxe.

Cando souben que Oliver tiña a intención de voltar a Galicia, despois destes anos traballando e vivindo outra vida en Marrocos, pareceume bonito e necesario contextualizar a súa volta dalgunha forma en Curtocircuito. Para min, Oliver supón un antes e un despois da cinematografía galega. Claramente é un dos directores máis talentosos que deu Galicia e probablemente un dos que teña maior futuro. Sei que “As Mimosas” é un novo paso na súa aposta cinematográfica e contar con el antes da estrea da súa película é unha marabilla. Sobre todo porque Oliver é deses cineastas que goza ensinando e transmite unha paixón e unha conexión co cine que non percibes en moitos outros cineastas. É algo moi especial. Ten unha enerxía na docencia similar á de Guerín. Alén de gustos cinematográficos e comparacións, son dous directores que cando ensinan transmiten moito amor polo cine.

Ademais deste obradoiro, cales serán as outras actividades do festival?

Haberá unha mesa, que creo que é moi interesante e necesaria, sobre todo co caso que hai montado en Internet sobre como distribuír as túas películas, que se chamara ‘Modelos de distribución: converxencias en Internet’. Conteremos coas plataformas máis importantes de Europa como son DocAlliance, que é a plataforma de cine documental VOD máis importante e que está apoiada por festivais como CPX:DOC ou Visions du Réel, FestivalScope, que é a plataforma de referencia en todo o mundo, a Agência de Curta Metragem Portuguesa e un cuarto participante aínda sen confirmar. Moderará María Yañez que é unha experta e é da casa, e para nós é unha marabilla contar con alguén próximo que teña esa capacidade de moderar unha mesa moi importante. Ademais, están os obradoiros con Unitaria: un para nenos e outro máis especializado para técnicos de vídeos sobre VideoMix en directo.

Logo están as presentacións, que para nós é moi importante que Curtocircuíto estea atento ás novidades do sector cinematográfico e que sexamos un espazo para visibilizalos. Teremos a colaboración de festivais como FilmMadrid, Tabacalera, Filmoteca Vasca, e o novo festival que se fará en Pontevedra que se vai chamar Novos Cinemas, co-dirixido polo cineasta Ángel Santos. E logo iniciativas formativas como a xa mencionada Unitaria e La Plantación, que é o traballo de Lisa. Ela soa, desde Ourense, está convocando a xente como Ricardo Cases, Jon Cazenave, Jose Luís Guerín, Javier Rebollo, facendo unha labor encomiable no que se refire á formación. E a ela queremos darlle, tamén, un espazo en Curtocircuíto porque cando persoas como ela, soas, xeran espazos como La Plantación o mínimo que podemos facer e darlles visibilidade.

É a túa terceira edición ao cargo e o listón está moi alto. Non tes medo?

Creo que este ano as cousas van a saír ben porque teño unha equipa comigo fabulosa e na que confío cos ollos pechados, e iso dame unha tranquilidade enorme, e ademais conto co apoio do Concello, o que é algo novo e importante este ano. En calquera caso teño medo, respecto por non defraudar nos vindeiros proxectos á cidade. Obviamente ese medo convértese nun reto e é o que fai que nos esforcemos moito máis e que sexamos conscientes de que, se este ano chegamos ata aquí, o ano que vén podemos chegar ao mesmo nivel. Non se trata de superarnos constantemente, senón de manternos.

Falas do apoio do Concello. Este panorama de cambio político que parece comezar a debuxarse, cres que fará que cambien as cousas en canto á situación do audiovisual?

 Agora mesmo, o suposto cambio de paradigma político é moi interesante. Eu son escéptico por natureza, pero desde logo recoñezo que a enerxía, os apoios e a complicidade recibidas no último mes, mes e medio, son novas, son ilusionantes e son sinceras. Agora si compartimos co Concello unha visión do que ten que ser Curtocircuíto e, agardo e desexo, que isto traia cambios no panorama cultural da cidade. Tamén son consciente que, ao igual que Curtocircuíto é un proxecto a medio-longo prazo, a acción política e cultural tamén son proxectos a medio-longo prazo e sei que pasarán un par de anos ata que se poidan consolidar estas novas políticas. Pero creo que hai que confiar no cambio.

E, para rematar, o nome dese convidado misterioro do ano que vén…

[ri] Non… é moi complicado que ocorra. O que pasa é que hai un camiño directo e ese camiño directo está convidado este ano, non fará nada no festival pero está convidado. E xa veremos que pasa. É difícil, é difícil… pero hai que intentalo. Hai outra vía, máis ou menos directa… [pausa] de feito, estáseme ocorrendo unha idea… Hostia a idea que acabo de ter!

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario