PHANTOM LOVE, de Nina Menkes

EL BLANCO Y EL NEGRO ·

Calquera estratexia revolucionaria debe desafia-la representación da realidade; non é suficiente debater sobre a opresión da muller no texto fílmico; a linguaxe cinematográfica/ a representación da realidade tamén se debe cuestionar, para conseguir a distinción entre a ideoloxía e o texto.

JOHNSTON, Claire: Women’s Cinema as Counter-Cinema, 1975.

Phantom Love comeza cunha elegante escena de sexo de case tres minutos e medio de duración, algo bastante inusual nun filme norteamericano. A pel desenfocada, identidades anónimas, corpos despezados pola cámara; mais nin un aceno de pracer na cara da protagonista. É sexo aburrido, non compracente, monótono e submiso.

Esta primeira escena resume moi ben a situación vital de Lulu, unha muller que traballa coma croupier nun casino de Os Ánxeles. A súa existencia consiste invariablemente nunha repetición infinita de condutas, unha inesgotábel rutina da que é imposíbel fuxir. Día tras día, reincide nunha serie de rituais inamovíbeis coma lima-las unllas, ve-la televisión, repartir fichas ou xira-la ruleta, actos que a chegaron a somerxer nunha situación de compreto illamento do mundo.

Constantemente as súas retinas son bombardeadas por imaxes televisadas da guerra do Iraq, mais os seus ollos seguen baleiros, a súa pasividade é total e absoluta. A súa relación có exterior é sempre dende o interior, dende a comodidade do seu apartamento ou dende a cama, epicentro de toda a súa actividade. A súa interacción có mundo é, polo tanto, nula, non sendo máis cunha simple espectadora da súa propia vida e de todo o que acontece ao seu redor.

En canto ás súas relaccións persoais: unha nai opresiva e dominante, unha irmá vulnerábel por mor da súa enfermidade mental e a súa adición ás drogas de receita médica son os únicos lazos familiares que posúe. Por mor da imposibilidade de crear vínculos afectivos reais, paséase pola vida de Lulu unha figura masculina neutra e sen personalidade, único contacto real da protagonista e consistente na practica dun sexo tedioso e, de cando en vez, agresións.

En torno á súa figura créanse misteriosas atmosferas sonoras que lle son completamente alleas e que rebotan en cada centímetro da súa pel: os ruídos da rúa, os coches, o ambiente do casino. A súa inconclusa identidade reflíctese en todos os cristais e espellos ó seu redor, producindo diferentes imaxes dun único orixinal. Até aquí, Menkes emprega secuencias e planos que funcionan dun xeito compretamente autónomo (e autómata) para crear un conxunto que remite á sensación dun distanciamento e illamento total. Inevitábel, polo tanto, a constante lectura metafórica de cada plano por sí mesmo en relación cos demais.

Do mesmo xeito que a protagonista segue o seu camiño cara a liberación persoal, emocional, coma muller ou coma desexemos catalogala, o filme vaise refinando a sí mesmo, derivando cara á abstracción a través dun marcado patrón onírico-surrealista que culmina no intre da levitación e posterior explosión do corpo de Lulu.

John Gianvito, nunha entrevista á directora publicada no número 36 de Cinema Scope, sinala ese intre coma unha cita-referencia visual a El espejo (Andrei Tarkovski, 1975), interpretando esta imaxe poética coma unha liberación das ataduras do “seu propio eu e a súa propia vida”. Así, esta deriva poético-abstracta transforma un filme de marcado carácter lúgubre e misterioso nunha reconciliación coa propia identidade e o propio corpo feminino, a través da participación daqueles ingredentes pentencentes á maquinaria do subconsciente (a constante presenza de animais exóticos, interminabeis corredoiros, etc.). Un escuro filme que termina cun fundido en branco.

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.