PHILIPPE MANGEOT: “SIGO CONVENCIDO DE QUE AÍNDA É POSIBLE CREAR CONCIENCIA NO MUNDO”

Despois dun triunfante percorrido por numeroso festivais internacionais, que comezou coa súa estrea na última edición de Cannes, chega ás nosas pantallas 120 battements par minute (2017), do francés Robin Campillo. A película, ambientada nos anos 90, está baseada nas accións reais levadas a cabo polo grupo Act Up, organización en defensa do colectivo LGTBI, durante os anos máis duros da crise da SIDA en Francia. Tivemos a sorte de conversar co guionista Philippe Mangeot (ex-membro da organización) e con Antoine Reinartz, un dos intérpretes do filme, durante a nosa estancia en Estrasburgo con motivo da entrega do Premio Lux 2017, ao que 120BPM era finalista.

Entrevista BPM

Como foi o proceso de traballar conxuntamente con Robin Campillo na escritura do guión de 120BPM?

Philippe Mangeot: Todo comezou cunha chamada de Robin. Nós coñecémonos durante os anos de Act Up, e nos 90 xa intentamos escribir algo relacionado co SIDA. A comezos dos 2000 rematamos unha historia chamada Drug Holidays, pero foi un fracaso. Estaba ben, de feito a min gustábame bastante, pero non puidemos levala a cabo. Finalmente decidimos parar, Robin fixo outras dúas películas e eu seguín escribindo para outros proxectos. Pasaron os anos, Robin volveu a chamar e díxome: “Mira, penso que é o momento. Xa é hora de que nos poñamos a traballar nas nosas lembranzas, sobre todo o que fixemos e o que nunca chegamos a dicir”, así que comezamos a quedar unha vez por semana durante un ano. O plan inicial era escribir acerca da “caixa negra”, que eran as reunións semanais da agrupación. Máis tarde chegou a idea de incluír unha segunda “caixa”: a habitación. Daba igual que fose un dormitorio ou un cuarto de hospital. Ese foi o punto de partida. Traballamos con ambas ideas intentando construír dous espazos nos que se identifican liñas de conflito e historias persoais que se entrelazan. Decidimos que todas as personaxes debían ser un conxunto de lembranzas e características extraídas de xente distinta , para que non se identificasen cunha persoa específica na realidade.

A maioría dos actores protagonistas eran nenos durante os anos nos que está ambientada a película. Antoine, ti tes algún recordo desa época ou das actividades levadas a cabo por Act Up?

Antoine Reinartz: O certo é que non. Nesa época eu debía ter 5 ou 6 anos, así que non teño recordos específicos de Act Up por aquel entón. O que si lembro son unhas reportaxes que emitía a televisión francesa sobre un grupo de xente nova en San Francisco. Estaban morrendo e dicían á cámara que esperaban que polo menos a súa historia servise para algo, querían que a xente fose testemuña do que estaba a acontecer. Lembro sentirme moi afectado por esas imaxes. Había mozos de 21 anos que soñaban con ser bailaríns, sabendo que probablemente ían morrer un par de anos despois. Eses recordos tiveron un gran impacto en min.

Sabemos tamén que cando liches o guión por primeira vez inmediatamente te sentiches identificado con Thibault. Por que querías interpretar a este personaxe?

AR: Foi moi sorprendente porque cando se estreou a película todo o mundo me dicía que a miña personaxe era un pouco antipática e ambivalente. Non demasiado agradable. Pero cando eu lin o guión pareceume sen dúbida o máis gracioso e intelixente.

PM: Porque é así! (Ri)

AR: Tiven claro dende o principio que quería interpretalo. É o líder, e por suposto sempre vai a estar cuestionado polos demais. Sabía que o papel de Sean non era para min, porque precisaba moita rabia para interpretalo, e iso non vai co meu carácter. Tampouco sabería que facer co papel de Nathan, resultábame moi complicado imaxinalo porque implicaba ser os ollos do público. Por outra banda, encántame o sentido do humor de Thibault, e o feito de que realmente está construíndo algo, convertendo a rabia en accións. Pode que nese sentido sexa o máis moderado.

Nunha entrevista anterior Philippe confesaba que escribiu o filme pensando na xente nova de hoxe en día, que non lembra a crise do SIDA e os acontecementos dos anos 90. Que é o máis importante que querías amosarlle a esta nova xeración?

PM: É difícil contestar a esa pregunta, porque seguramente mañá a miña resposta sería diferente. Penso que en Francia, a comezos dos 90, a xente dérase por vencida. Todo o mundo pensaba que nada ía acontecer, que nada ía cambiar. “Fin da historia. Non hai máis movementos nin agrupacións”. Pero nós estabamos morrendo, e decidimos inventar outro xeito de loitar. Teño a impresión de que a xuventude de hoxe en día pensa que non hai nada máis que poidan facer, pero eu sigo convencido de que aínda é posible crear conciencia no mundo. É preciso comezar con pequenas cousas, pequenas accións. Comeza polo teu propio corpo, despois trata coas organizacións que se dedican á investigación, aos tratamentos, aos coidados. Despois trata a educación sexual, e finalmente o capitalismo, porque a fin de contas a investigación está ligada ao capitalismo. Comezando con pequenos pasos, comezando por ti mesmo, podes facer valer os teus dereitos. Supoño que esa é a idea, demostrar que aínda pode suceder algo.

AR: Eu penso que esa é a lección máis importante que podes extraer da película. A nosa xeración é normalmente moi escéptica, e non sabemos como tratar con esta revolución. Vemos como todo se esborralla ao noso redor: a música, a prensa, o porno… O cine tamén está cambiando moito, e non entendemos nada. Por aquel entón a xente tampouco entendía nada sobre a enfermidade, non había case información, pero aínda así conseguiron organizarse e facer algo ao respecto. Penso que isto debería ser un exemplo para a nosa xeración, tan escéptica e ‘conspiranoide’. Esta película está sendo proxectada agora mesmo en todos os países democráticos, e demostra que temos a liberdade para actuar. Debemos cambiar as cousas.

(Chaman á porta para avisar de que esgotamos o tempo da entrevista. Antoine pide un minuto máis para nós, e Phillipe levántase para bloquear a entrada e impedir que nos interrompan de novo. Cun sorriso e un xesto da man indica que temos unha última pregunta).

Por que decidiches realmente que era o momento axeitado para contar esta historia?

PM: Vou a dar dúas respostas curtas: Primeira, porque os meus sobriños teñen agora mesmo exactamente a mesma idade que tiña eu cando era activista en Act Up, así que é unha cuestión de relevo xeracional. E segunda… Porque tal vez son necesarios 25 anos para deixar que a tristeza e as bágoas se expresen por si mesmas.

FOTO 2

*Entrevista realizada conxuntamente con algúns membros de 28 Times Cinema 2017.

Share SHARE

Comments

comments

Comments are closed.