PLAY-DOC 2014: O ANO DA FICCIÓN DOCUMENTAL

stop-the-pounding-heartHai unhas semanas tiven o privilexio de asistir ao seminario ‘A Crítica Intermedia’ dentro das actividades do Festival Play-Doc de Tui. No marco deste curso, déronnos a posibilidade de escribir unha crítica ou unha crónica entroutras opcións para publicar n’A Cuarta Parede. Por que explico todo isto? Pois porque quería ofrecer a miña visión do festival, mais non sabía moi ben que elixir, xa que foron moitos os traballos audiovisuais que me gustaron. Logo de darlle voltas e falar deses cinco intensos días coas miñas amizades, dinme de conta do que realmente espertara en min curiosidade, interese e, sobre todo, paixón, da que nos falou moito o crítico José Manuel López na súa sesión.

Sendo un festival de documentais había veces que non sabía se estaba no Play-Doc ou no Cineuropa. Confundíame porque este ano o vértice do festival foi a ficción documental, unha aposta arriscada xa que Tui non e Cannes, nin Berlín, nin Venecia, se non que é Tui. A maioría da xente que acode ás proxeccións está relacionada dun xeito ou doutro co audiovisual, mais outra moita vai simplemente porque o festival fica preto da casa, e é un bo xeito de pasar a tarde, cousa que explica porqué moitos espectadores entenden por documentário o que botan na dúas despois do xantar.

Logo dalgunhas proxeccións, escoitei como algúns dos presentes non entendía moi ben o que viran, nin eu tampouco moito: era aquilo documentário ou ficción? que se supoñía que había que crer? Mesmo na rolda de preguntas do filme Stop the Pounding Heart (Roberto Minervini, 2013) un home cun ton algo desafiante lle preguntaba ao director de fotografía Diego Romero se o que ocorría no filme era realidade ou ficción, coma se non houbese cabida no documentário para a ficción. Isto foi, a verdade, o que prendeu a chispa, e así levo dende o festival, dándolle voltas ao concepto que temos de documental e ao que a edición de Play-Doc deste ano nos ofrece.

orson-welles

Fuxir cara adiante

O documentário está vivindo unha época de auxe, e non só no cinema. Series de televisión coma The Office (Ricky Gervais & Stephen Merchant, 2001-2003) empregan a posta en escena do documentário para engadirlle frescura e verosimilitude á ficción. Só hai que acender a tele e facer un lixeiro zapping para ver como os híbridos entre documentário e ficción asolagan a grella (xente que canta, casas de empeños, restauradores, emigrados, bares, adolescentes embarazadas…. entre moitísimas outras historias). Non atopamos aquí tamén ficción? Porqué o espectador non se cuestiona nestes programas o que é verdade e o que está guionizado? Se a televisión adopta e ‘perverte’ o documentário, non é licito que os cineastas de non-ficción tamén exploren novas vías? Porque o documentário é un xénero cinematográfico, o cinema é arte, e a arte ten que avanzar, experimentar, atopar novas formas de expresión. Coido que é natural que neste momento de sobreexplotación do xénero, este se aparte do que estamos consumindo compulsivamente e explore novas vías coma as que propón precisamente Play-Doc.

A ficción documental paréceme unha vía tremendamente interesante, porque aínda que presente situacións que non son reais, colle moitos dos atributos do documentário para contar as súas historias. Daquela, porque nos custa tanto asimilalo? Por que as historias que nos contan non son reais? Tampouco o son os fakes, pero historias coma Vérités et mensonges (F for Fake, Orson Welles, 1973) ou Casas Viejas (Basilio Martín Patino, 1995) son facilmente dixeríbeis. Por qué? Porque empregan os códigos do documentário para facelos máis verosímiles?

Non supón nada novo dicir que no momento no que poñemos a camara nun sitio e non noutro a obxectividade desaparece porque se crea unha nova realidade, mais semella que á hora de ver un documental esquecémonos diso. Se cadra temos mente alienada polos reality shows, reportaxes e documentários da dúas, na súa maioría didácticos, que semellan ofrecer unha verdade única e obxectiva. Esquecemos que o documentário ten moito de visión persoal, de propaganda, de arte: xa La sortie des usines Lumière (Louis Lumière, 1895) non era máis ca unha posta en escena. A ficción documental non está así tan lonxe do documentário ortodoxo coma ás veces semella: recoñecemos os seus códigos, os seis modos definidos por Bill Nichols, os escenarios reais, as persoas normais e correntes representando un papel (ás veces actores), o fóra de campo, as entrevistas, a improvisación, a recreación histórica… cousas, todas elas, que aparecían dun xeito ou doutro nos filmes proxectados no Play-Doc.

verano de goliat

Alén dos límites

Cando vin o programa chamoume moito a atención que lle adicaran unha retrospectiva a un rapaz tan novo como Nicolás Pereda. Non saín de todo convencida da primeira das proxeccións da súa obra, Verano de Goliat (2010). Descolocoume un pouco, a verdade, mais sementou en min a inquedanza de saber que era realidade, que ficción, e onde se atopaba o límite entrambas. Vin tódolos filmes que puiden deste cineasta e fun descubrindo un mundo no que me deixou de importar se as historias eran reais. Pereda artella historias totalmente verosímiles nas que vemos reflectida unha sociedade bastante difícil de dixerir, sobre todo en El Palacio (2013) -para min, das mellores pezas que vin no festival- anque os toques de comedia fagan que o transfundo político-social se leve mellor. Pereda amósanos familias desestructuradas, incomunicación na parella, submisión da clase traballadora. Emprega o modo participativo para contarnos as súas historias, escoitámolo fóra de campo facerlle preguntas aos seus protagonistas, e en Verano de Goliat mesmo podemos observar como os actores ensaian para a escena do baile, ou como, en Los mejores temas (2012), o equipo técnico coloca as luces entre os personaxes que entran e saen de escena, como o actor que fai de pai muda a metade do filme por outro, unha idea que xa estaba, salvando as distancias, en Palindromes (Todd Solondz, 2004). A repetición, o emprego dos mesmos actores ou non actores, e o cinema dentro do cinema serán as claves para darnos conta de que o que estamos a ver non é de todo real, malia que ás veces a realidade supere a ficción (nunca mellor dito) xa que na rodaxe de Juntos (2009), que trata sobre a incomunicación dunha parella e o seu distanciamento, os actores, parella na vida real, estaban deixando tamén a súa relación, sen que Nicolás Pereda o soubese. Canto hai entón de realidade e canto de ficción nesta historia? De novo, onde están os límites?

Outro dos filmes a salientar foi o devandito Stop the Pounding Heart. Se cadra, empregar o modo observacional foi o máximo acerto para seguir a figura de Sara, unha moza extremadamente doce ao tempo que inquietante. Os planos longos fan que entremos no seu mundo interior para imaxinar constantemente o que lle pode estar pasando pola cabeza. A ‘observación’ fai que resulte o máis verosímil posíbel. É máis, se non nos din que a historia estaba guionizada pensaríamos que Sara se namorou realmente de Colby durante a rodaxe, cousa que non foi así. De novo, coma nos filmes de Nicolás Pereda, hai persoas reais que interpretan unha historia inventada, pautada, anque realmente sexan unha gran familia texana que vende queixos e leite e que educan aos seus fillos ao xeito cristiano. A relación que teñen entre eles é impresionante: transmítennos esa familiaridade, esa complicidade. Cómpre salientar os ‘discursos’ que bota a nai de Sara: podemos estar totalmente en desacordo cos valores que lle tenta transmitir á súa filla (pureza, fe, sacrificio), mais o xeito de falar é tan real que notamos que lle sae do corazón, e realmente penso que así sucede. Este é un dos achados da ficción documental: malia que a historia do namoramento de Sara sexa mentira, as palabras de súa nai non o son, e nos chegan como tal, coa verdade e pureza que ela mesma nos quere transmitir. O amor fica nun segundo plano porque vemos como viven e como se relacionan entre eles e coa natureza: iso si que e documental.

Para rematar, Nele Wohlatz e Gerardo Nauman, asinan outra das miñas pezas predilectas do festival, Ricardo Bär (2013), un filme a cabalo entre o modo performativo e o participativo: os directores contan a través dun comentario en off todo o proceso que pasaron para poder rodar o filme, falando directamente de ficción, de como atopan, nunha colonia alemana no norte da Arxentina a Ricardo Bär, un mozo entrañábel que quere ser pastor protestante; como o descobren nunha representación relixiosa, como deciden que queren que actúe tamén para eles, e todo o que teñen que facer para acadalo, dende traballar polas mañás co pai de Ricardo na súa chacra, até conseguirlle unha bolsa para realizar o seu soño de estudar para relixioso. Ese comentario é todo un acerto. A co-directora, Nele Wohlatz, explicaba no coloquio posterior á proxección do filme que ao comezo non tiñan en mente empregar unha voz en off, mais penso que iso é xusto o que lle da forza ao relato. Son honestos co espectador: dende o comezo afirman que Ricardo é o personaxe que queren para súa ficción, mesmo introducen tomas de como lle dan pautas para a actuación, como cando lle piden que peche a cortina do autobus por exemplo). Tamén Nanook en Nanook of the North (Robert J. Flaherty, 1922) é un personaxe ficcionado que pon en escena unha forma de vida: a súa vida real. Ricardo Bär narra o seu propio proceso de creación documental, o percorrido dos creadores para acadar o personaxe e rodar a súa historia, así como as trabas que lles presenta a comunidade na que vive Ricardo, por desconfianza ante o descoñecido.

O subxénero da ficción documental está polo tanto en auxe, e por sorte aínda ten moito que ofrecer ao cinema documentário: é un campo moi amplo onde a liberdade creativa pode dar moito de si. Certames como Play-Doc, Cans, Carballo InterPlay ou os obradoiros audiovisuais do VedraLab, por poñer algúns exemplos galegos, achegan o mundo audiovisual e cultural ás vilas e pequenas cidades do país, algo que antes estaba relegado ás grandes cidades. Aquel tempo xa pasou, e arestora existen plataformas online onde poder ver produtos audiovisuais de gran calidade, polo que estes festivais ofrecen, ante todo, un punto de encontro e unha referencia para que a xente poida ver e abrir os ollos a novas linguaxes audiovisuais, xa sexan ficción, documental, webseries, documentais web… Xa non fai falla vivir en Madrid ou Barcelona para estar ao tanto do que se move na industria e cales son as últimas tendencias! Por iso, poder gozar desta variedade documental nunha vila como Tui é, como dicía ao comezo da miña crónica, un auténtico privilexio ao alcance de tódolos públicos.

Comments are closed.