Porto/Post/Doc 2020: As pegadas do noso ser (II)

A nossa terra, o nosso altar (2020), de André Guiomar

Continuando coa nosa crónica da Sección Internacional do Porto/Post/Doc 2020 (podes ler aquí a primeira parte) chegamos ao cineasta André Guiomar, premiado como director emerxente co seu filme A nossa terra, o nosso altar (2020). Unha obra que, sendo propiamente documental, recolle dende unha óptica social os últimos alentos do barrio social do Aleixo, no Porto. Un ollar ao proceso de xentrificación e mobilización de millares de persoas que se deu nesta zona rodeada por urbanizacións ben acomodadas e cunhas vistas especiais á ribeira, o que deu ao lema ‘os pobres non tenhen dereito ás vistas do río’. 

O filme divídese en dúas partes, separadas temporal pero non espacialmente. A primeira resume seis meses de filmación durante o ano 2013. Un traballo que comezou con urxencia, xa que a destrución das cinco torres que conformaban o barrio fora iniciada no 2011, e esperábase que ao longo dese ano se demoleran as restantes. A segunda parte chega no 2019, cando voltan a chegar os avisos aos habitantes para desaloxar as tres torres que quedaran en pé durante eses seis anos.

O que mostra o documental é a realidade do barrio, con diferentes veciños falando sobre os acontecementos, e amosando como non concordan con esa decisión política de acabar co mercado das drogas e dos conflitos deslocalizando á xente. Non só en base ás súas palabras, senón ao mediar André entre nós e esa realidade que foi estigmatizada dende a súa creación no 1974. Resulta fascinante como a segunda parte do filme se atopa coa morte dun rapaz do barrio e o seu loito. Unha forza que emerxe dentro dunha poboación desgastada polo alongado proceso, que volve a unirse unha vez máis baixo os seus códigos para despedirse tanto do falecido, Israel, como do tecido comunitario que se xerou no Aleixo.

Deixando atrás Europa, voltamos ás historias de colonización, tanto aquelas do pasado que seguen vixentes, como outras que amosan novos síntomas de colonización en terras que xa sufriron o espolio. O primeiro filme a tratar é Of Land and Bread (2019), unha peza comunal, aínda que orquestrada por Ehab Tarabieh, onde as imaxes foron tomadas por diferentes palestinos mostrando os abusos sistémicos que se dan na terra ocupada. Esta visibilidade é posible dende 2007 grazas á iniciativa da organización israelí non gobernamental B’Tselem, que pon nas mans de diferentes palestinos cámaras coas que poder filmar e, dalgún xeito, defenderse.

Of Land and Bread (2019), de Ehab Tarabieh

A apertura funciona a modo de prólogo, cunha escena na que vemos a un israelí esixindo a metade da terra duns palestinos para plantar millo. Durante a conversa, percibimos que o israelí sinte unha autoridade vinculada a pertencer ao pobo elixido por Deus, ao que hai que entregar todo o que pidan, aborrecendo calquera papel legal que o contraríe. Despois deste prólogo, que simula para nós o primeiro contacto entre israelís e palestinos, sucédense unha serie de escenas, cada unha co seu título, que mostran as formas de reprimir, intimidar e mesmo agredir empregadas polas autoridades israelís en simpatía coa poboación civil.

O feito de estar presentes as cámaras non sempre consigue intimidar aos agresores, xa que parecen estar plenamente seguros dos seus actos e de que a superestrutura vai defendelos. Así, asistimos a momentos onde se pisotea, se intimida ás familias con crianzas ou se alardea sobre dar no branco con bolas de goma aos manifestantes. Existen gravacións interesantes que non están feitas por civís, senón por cámaras de seguridade onde militares israelís abaten e secuestran a crianzas, ás que tratan como posibles rebeldes nun futuro.

A dureza das palabras e dos actos filmados impactan no noso ollar, e habilitan unha realidade palpable e crible. Pezas como esta podemos atopalas tamén na programación do festival AMAL, celebrado en Santiago de Compostela. Trátase de obras cunha gran relevancia xa que, hoxe en día, acostumamos a consumir este tipo de imaxes nas redes sociais, mais supón unha mudanza importante ver un filme que desenvolve un discurso sólido máis aló do minuto.

O outro filme desta liña, que agora nos leva a terras africanas, é Days of Cannibalism (2020), do realizador Teboho Edkins. Edkins xa tratou anteriormente coa comunidade chinesa, en particular cos gángsteres no sur de África, onde el vive, e nesta ocasión volve a centrarse en viaxeiros chineses na procura de fortuna e dunha vida mellor. Na película, observamos como a entrada destes axentes externos na economía e cultura do sur de África provoca cambios no tecido. Os empregadores son todos chineses, explotando a terra e ofrecendo bens de primeira necesidade aos nativo de Lesoto.

Days of Cannibalism (2020), de Teboho Edkins

Neste documental permítesenos observar o inicio dunha nova etapa colonial en África, un feito que habilita a documentación e identificación dos síntomas. Vemos a uns chineses que teñen cero interese na cultura local, xerando os seus propios círculos de negocio e desfrutando dese ambiente nostálxico de karaoke que parecen levar consigo a outras latitudes. Aínda que o título pareza facer referencia aos actos de canibalismo que aplica a China con países como Zambia -onde a compra da débeda nacional fai que a gobernabilidade e a auto-xestión se poña en dúbida-, e a pesar de que estes actores individuais que aparecen no filme desestabilicen a orde social, hai tamén certa visión deles coma peóns en primeira liña.

Neste sentido, o director evoca unha falta de familiaridade e diversión na vida destes colonos que teñen á metade da súa familia no seu país natal, e que se atopan nun lugar onde non teñen ningunha ligazón cultural e co único interese de prosperar. Quizais é a relación próxima que ten Teboho con estes migrantes do capital o que fai que se suavice o discurso, presentando algúns trazos escuros respecto á pobreza e violencia da poboación local. Con todo, nótase un filme cuxa tese podía estar máis desenvolvida. De igual maneira, un debe visionar este western para continuar engadindo frames a esta realidade que nos queda lonxe e da cal un debe ter rexistro.

Collemos aire e trasladámonos ás alturas da serra arxentina da Puna, onde asistiremos a unha viaxe especial coa primeira longa de Alejandro T. Tarraf, Piedra Sola (2020). Este filme é un espazo coidadamente visual e sonoro a través do cal coñecemos a cosmovisión dunha comunidade de pastores de llamas a máis de 3 mil metros sobre o mar. O proxecto levouse a cabo cunha liberdade especial grazas aos tipos de axudas lanzados pola INCAA, similares ás axudas ao talento galego promovidas pola AGADIC, onde a figura do realizador absorbe a do produtor. Desta maneira filman un documental, que por momentos é ficción, no que se exploran as crenzas destes pastores ao enfrontarse á figura dun puma que está a cazar ás súas llamas. 

Ao longo da metraxe, afondamos nos pensamentos das xentes da zona, na maneira que teñen de relacionarse coa natureza (a Pachamama) con rituais baseados na folla da coca, e como interpretan os sinais da vida en relación cos seus antepasados. Un exercicio etnográfico con forte carga na narración onírica, cuxo discurso chega a ser transmitido en quechua segundo como se senten os habitantes, e no que se aprecia unha forte sensibilidade da equipa de rodaxe por esas costumes pouco retratadas nas filmacións arxentinas.

Piedra Sola (2020), de Alejandro T. Tarraf

Para rematar coa competición internacional, xuntamos dous filmes que falan do concepto de amor. Primeiramente, a produción francesa Goodbye Mister Wong (2020), do director laosiano Kiyé Simon Luang, un filme con toques melodramáticos que se cataloga mellor como unha ficción na que a personaxe principal é unha laosiana, France, descendente de franceses, que se ve atrapada no entorno rural do lago Nam Ngumat, así como entre varios pretendentes amorosos onde se ve personificado un pasado colonial e un presente con vistas á ‘turistificación’.

Nas antípodas está o filme Amor Omnia (2019), de Yohei Yamakado. Trátase dunha peza curiosa, que nos introduce nunha calibración da nosa experiencia como espectadores. Case dúas horas de filme, durante as cales máis da metade transcorren coa pantalla en negro, que supoñen unha chamada directa a quen está a ollar e, máis importante, a escoitar.

Se ben pode entenderse como unha ficción, na medida en que se está a performar unha lectura das Bucólicas de Virgilio, tamén o propio exercicio da voz en latín amosa unha reflexión arredor do documento. A latinista Solène Gaillot ten gran presenza na peza, ao ser a responsable desta nova partitura da obra de Virgilio, ademais da propia declamación que acompaña a metraxe. O feito de asistir a esta representación en latín convértese nun evento en si mesmo, xa que sempre nos preguntamos como falaban naqueles tempos, e este tipo de aproximacións enchen de beleza eses baleiros históricos. O filme incítanos a experimentar o negro como un espazo cheo de posibilidades, onde as palabras cobran vida e debuxan mitos, paisaxes e vivenzas rurais da época. Esta densa viaxe vese aliviada cos fragmentos visuais de quen a está experimentando dende a distancia temporal e espacial: colegas do director que se dispoñen fronte á cámara nese momento de paixón. 

Unha vez cuberta a competición internacional, comentaremos brevemente as restantes seccións para resaltar os gañadores e algunha curiosidade atopada no certame: 

Na sección Cinema Falado, que este ano pasou a ser competitiva, o premio SPAutores para o mellor filme en lingua portuguesa foi outorgado a Êxtase (2020), de Moara Passoni. Unha ollada persoal á experiencia dunha muller con anorexia, e como se conecta o sofrimento individual á colectividade. Na sección Transmission, espazo adicado aos movementos culturais vencellados á música, puidemos desfrutar dunha selección de seis documentais que foron dende White Riot (2020), que expón como o rock se colocou como movemento defensor contra o racismo na Gran Bretaña dos anos 70, até a viaxe do cantaor El Niño de Elche a América Latina para entrar en contacto coas raíces e a experimentalidade da música en Niños somos todos (2019), esta última dirixida por Sergi Cameron e galardoada nesta edición. Por último, co patrocinio do Canal180, o premio Cinema Novo polo que compiten as xuventudes estudantes do audiovisual foi para Há Alguém na Terra (2019), de Francisca Magalhães, Joana Tato Borges e Maria Canela.

Êxtase (2020), de Moara Passoni

Comments are closed.