Pela del Álamo: “SEMPRE EMPEZO A CASA POLO TELLADO”


Pela del Álamo (Madrid, 1979) cheira historias na súa contorna próxima, absórbeas e devólveas convertidas en relato cinematográfico, nun proceso no que sempre deixa algo de si mesmo. En distintos labores, participou nas rodaxes de películas como Galatasaray-Depor, de Hannes Stohr, ou Somne de Isidro Ortiz. A súa primeira experiencia como director chegou en 2004, co documental A cuarta pista, sobre o fenómeno do Novo Circo. En 2007 comezou o longo proceso de produción de N-VI, un retrato da vella estrada que une Galicia e Madrid, compaxinándoo co traballo na súa propia empresa de produción, Diplodocus. Logo de catro longos anos, dá por concluída unha longametraxe que agora agarda pola súa estrea en 2012, e que cambiou a súa forma de ver o oficio.

Dentro do mundo do audiovisual hai algún posto que vostede non ocupase?

Pois creo que fixen case de todo. Comecei como produtor de curtas, logo pasei a asistente de dirección en publicidade, rexedor en estudio de televisión, localizador, guionista… sempre tiven que ser multitarefa para sacar traballo de todos os sitios posibles. Tamén fixen mudanzas, fun cociñeiro e camareiro que, desde que aprendín a facer cócteles, é a miña segunda profesión. Veño dunha familia de clase media, e recoñezo que nunca me faltou nada, pero funme de casa aos 22 anos, cando rematei a carreira, e desde entón págome eu os gastos.

O cinema probouno con Os días do kaos, non?

Si. E verás que sempre comezo a casa polo tellado. Antes traballara un pouco en televisión, de auxiliar de realización, e en publicidade, como meritorio de dirección, é dicir, como recadeiro. Pero aquí metinme directamente a director de produción e de produtor executivo. Foi a mellor escola que tiven, pero sufrindo moito (ri). Tiven que organizar a un equipo nos que case todos eran maiores ca min, mentres me encargaba de pedir axudas á Xunta. Paseime a semana de rodaxe durmindo unha hora diaria, e lidando con marróns que me viñan grandes, entre Vigo e Santiago. O título, Os días do kaos, veunos que nin pintado.

Que chegou despois?

Marchei a Inglaterra unha tempada. Traballei fregando pratos, mentres facía un curso de cámara e colaboraba nun par de curtas. Ao meu regreso, estiven nunha produtora, facendo de todo, e participei en varias producións de cinema. E así, despois de probar un pouco de todo, dinme de conta que o que máis me interesaba era o cinema documental.

É entón cando decide facer A cuarta pista?

Nese momento da miña vida, estaba rodeado de xente que vivía para o circo. Púxenme a facer vídeos con eles, e quixen retratalos de forma un pouco máis seria. E iso é A cuarta pista, un traballo cunha linguaxe moi televisiva, divertido e lixeiro. Quitando algún fallo de guión, ten unha postura e un estilo que me convencen, e aprendín moito. Foi a miña saída ao mundo, e deixoume entrever o que serían os meus próximos proxectos.

Pero, entre todos os xéneros, por que elixiu o documental?

Porque me permite viaxar e explorar a realidade, a materia. Esa é a miña meta, o cinema e a cámara só son un catalizador para facelo. Fronte a outros compañeiros, para os que a linguaxe e o valor das imaxes son un fin en si mesmo, para min o cinema é unha ferramenta, un medio, para dialogar co mundo. Aínda que vin bastante cinema, cada día son menos cinéfilo. Interésame a experiencia cinematográfica, a rodaxe, o contacto coa realidade. Adoro a Farocki, pero conecto máis con Kowalski ou Herzog.

Defínese coma un viaxeiro?

Para min, durante unha viaxe, todo cobra sentido, dáme igual que sexan tres días no Grove, ou un mes e medio en Kósovo. Tiven unha infancia itinerante, entre Galicia e Madrid, sen residencia fixa, e por iso creo que botei raíces no propio feito de viaxar. Para min, a estrada é un lugar identitario, que compartía coa miña familia e con ninguén máis.

De aí xorde a idea de facer N-VI?

Realmente, foi durante unha tempada na que traballei coma localizador, buscando lugares nos que rodar un anuncio de Mercedes. Estaba a sacar fotos dos viadutos de Pedrafita, e reparei na estrada pequeniña que pasaba por baixo. Lembreime da cantidade de veces que a percorrera cos meus pais, e empecei a pensar en como facer unha película sobre ela.

Un impulso nostálxico?

Non teño nostalxia do pasado, pero sentín a necesidade de volver á estrada, para saber que deixara atrás. Quixen contar a historia do mundo no que viviamos fai quince anos, no que viaxabamos máis amodo e con máis paradas. E fixen unha película por que é o que sei. Se fose xeólogo, tería publicado un estudo sobre o impacto da autoestrada no terreo.

Botando a vista atrás, parece que N-VI foi un traballo moi duro…

Foi un proxecto autoproducido, e agora doume de conta de que iso foi unha tolemia. Comeume moito máis tempo a preocupación polo diñeiro, por cobrar as subvencións e por conseguir o necesario para seguir adiante coa rodaxe que a cuestión creativa, e tiven que parar en varias ocasións para dar servizos con Diplodocus. Ademais, redactei folios e folios para tentar darlle unha base teórica ao documental, aínda que gran parte diso non se vexa na película. Foi demasiado. Fíxoseme interminable, tanto que polo camiño cambiou a miña forma de gravar, e hai cousas do comezo que agora faría doutra maneira…

"Quero gravar pastores. Serei un vampiro unha vez máis, e usarei a súa historia para coñecerme un pouco máis a min mesmo". (FOTO: Iván NespereiralCOH3)

Está satisfeito co resultado?

Ata que non o vexa proxectado nunha pantalla grande, non poderei responder. Pero recoñezo que foi un traballo satisfactorio, que saquei adiante case sen ningún aval, e pagándolle á xente que traballou comigo. Puiden establecer relación con persoas que non me coñecían de nada, e que me deixaron gravar na súa casa. Cheguei a unha chea de sitios, e abrín unha chea de despachos. Valorando a experiencia que adquirín, si que estou moi satisfeito, pero cústame desvincular a película en si mesma de todo o que vivín para rematala. Por iso non podo valorala aínda.

Cando nace Diplodocus Producións?

Durante a rodaxe d’A Cuarta Pista, quixen ter unha marca para autoproducirme. En principio, a empresa son eu só, é o meu nome comercial. Pero co paso dos anos, fun reunindo un equipo de colaboradores moi fiel, sen os que non sería ninguén.

Logo de dez anos vivindo do cinema, arrepíntese de non ter feito unha oposición?

É unha pregunta curiosa, porque levo dous anos pensando seriamente en presentarme a unha praza de profesor. Sempre crin, inxenuo de min, que ser autónomo me daría a liberdade de poder traballar no que me gusta, e de desenvolver os meus propios proxectos, escribindo e gravando o que me apetecese. Porén, a medida que en Diplodocus comezamos a prestar servizos máis complexos, relacionados coa produción, a posprodución, a montaxe… cada vez quedábame menos tempo para min. E cando xa estaba a consolidar clientes, entramos nisto da crise e empezou a falta de pagamentos…

Demasiadas preocupacións?

Nunca sei cando vou cobrar, nin sequera se vou cobrar. É imposible saber cando me vai entrar traballo, polo que non podo planificar. E todo o tempo libre que teño, váiseme en proxectos persoais, como N-VI. Aos meus 32 anos, estou un pouco canso desta incerteza.

Entón, como pinta o futuro?

Desexo frear un pouco e reformularme a forma de facer as cousas. Vou aforrar, vou facer unha viaxe longa e vou pensar seriamente se quero apostar por Diplodocus ou me poño de verdade a sacar unha praza de profesor. En todo caso, estou seguro de que en canto recargue as pilas, vou empezar a gravar algún proxecto novo…

Algunha idea en mente?

Quero gravar pastores. Son personaxes que me seducen, e creo que podería contar algo con eles. Verei que me din e logo serei un vampiro unha vez máis, e usarei a súa historia para coñecerme un pouco máis a min mesmo. 

 

Comments are closed.