Procesos #25 – CGAI

Situado no corazón da cidade herculina, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) compatibiliza o traballo de exhibición do cinema actual máis destacable con ciclos de cinema clásico. A sala, lugar de culto para os cinéfilos galegos, é tamén o escenario de citas como a Mostra de Cinema Periférico (S8) e o sitio onde o público ten a ocasión de coñecer a directores coma Albert Serra, Carla Simón ou Pedro Costa. No pasado 2016, o CGAI cumpriu 25 anos nun momento marcado pola decisión da Xunta de despedir a un dos traballadores da institución, decisión que incide no momento de desmantelamento que estamos a vivir a nivel estatal nas filmotecas e arquivos.

Desde practicamente os inicios do CGAI, concretamente desde 1994, José María Rodríguez Armada, máis coñecido como Chema, traballa como proxeccionista ademais de botar unha man no arquivo do centro. Conversamos con el na propia sala de cinema para coñecer máis sobre a historia desta importante institución galega. A conversa, que se alonga máis do que a gravadora recolleu, lévanos polas diferentes partes do CGAI: desde o arquivo ou a neveira, onde se conservan os filmes en celuloide, ata o proceso de proxección. Chema aproveita para amosarnos, coa escusa de comprobar que todo funcione perfectamente para a sesión da tarde -na que se proxectará L’amour fou de Jacques Rivette (1969)-, toda a rutina de traballo.

Cales eran as túas labores como proxeccionista nos inicios do CGAI?

Principalmente preparar as proxeccións, pero ten en conta que daquela era todo cine. Era todo fotoquímico, o que supoñía máis traballo que agora mesmo. As xornadas tamén eran distintas, porque nestes anos cambiamos os horarios e días de proxeccións. Ao principio era de luns a venres e había só un pase diario. Despois comezamos a facer dúas proxeccións, de martes a sábado. Pasamos por varias etapas de programación.

Como dividides o traballo na actualidade? (proxección, exhibición, restauración,…)

Entre as outras compañeiras e máis eu. Ana Pena é auxiliar de proxección e restauración, aínda que agora está máis centrada no arquivo fotográfico. Beatriz Díaz está co arquivo de vídeo. Eu, como levo máis anos traballando co material, ‘palpando’ o fotoquímico, encárgome principalmente do tema cine. Repaso, limpeza e visionado de todo o que poida entrar no arquivo. Logo evidentemente hai que documentar, e ás veces non hai moito tempo para todo isto. Ademais, os procesos son longos e custosos, así que sempre depende dos fondos que haxa dispoñibles.

Ás veces hai cousas que chegan por casualidade, como o Noticiario Folk de Ramón Barreiro. Chegou da man dun particular. Proxectouse aquí o nitrato e logo fíxose a restauración, a copia de seguridade, logo telecine, dixitalización… Agora mesmo entra todo en dixitalización: colles unha cinta e fas un arquivo dixital. Pero neste caso era unha copia en 35mm. Pode aparecer de vez en cando algún negativo, pero normalmente son copias de exhibición.

De que ano é ese noticiario?

O “Noticiario Nº1” do ano 1932. Son as únicas imaxes que temos da República onde aparecen Azaña e Santiago Casares Quiroga. O que pasa é que dos demais non se conserva nada, tan só as referencias e descricións dos noticiarios.

E onde dis que estaba o primeiro?

Na casa dun particular, un investigador que estaba facendo un traballo sobre algo totalmente distinto. Atopou isto de casualidade, e decidiu traelo aquí. Despois nós fixemos todo o traballo necesario para, polo menos, poder exhibilo. Agora que xa se exhibiu temos aquí a copia para conservar durante moitos anos. Por desgraza aquí non temos unha cámara subterránea para os nitratos. O normal é que os nitratos de moitas filmotecas pequenas vaian á Filmoteca Española.

O nitrato é o formato máis volátil, non? O que causaba os incendios clásicos…

Efectivamente. Neses anos o soporte do 35mm era o nitrato. As películas fixéronse en soporte nitrato ata o ano 42, aproximadamente. En España ata máis adiante incluso, era o soporte fundamental. Os acetatos existían para os formatos pequenos (16mm, 9 e medio), pero para 35mm a cinematografía profesional utilizaba nitrato ata finais dos anos 40. Realmente non hai unha división clara, porque seguiu existindo ata os anos 50, pero despois practicamente desapareceu. O nitrato era o soporte básico, extremadamente inflamable. De feito aquí tivemos unha desgraza hai moitos anos, porque ardeu unha lata de nitrato. Non se perdeu nada importante, pero foi un susto tremendo. Tiveron que vir os bombeiros. Foi unha combustión espontánea, polos procesos de calor interna. O nitrato a partir de 40 graos arde, e logo xa non o apagas porque non precisa de osíxeno. Autocombustiona.

Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)

Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)

Agora está incluído nas bases das subvencións públicas que é obrigatorio ceder copias ao CGAI, pero como conseguides obras anteriores? Sempre son casualidades, como co noticiario?

Non, hai tamén uns traballos de pescuda e investigación. Eu persoalmente teño feitas listas e atopado cousas en arquivos estranxeiros. É cuestión de poñerse en contacto con estes lugares e sempre aparecen cousas. Por exemplo, hai imaxes dunha botadura que tiña Gaumont, que está no Gaumount Pathé Archive. É a botadura do ‘España’ en Ferrol, do ano 1912. Trátase da primeira gravación feita en Galicia. Eles conservan o orixinal, e o que nos deron é unha copia. É cuestión de buscar, porque xa se atoparon cousas en moitos sitios: en Arxentina, en Cuba… Claro, tes que contactar coa xente, falar con produtoras, investigadores, historiadores…

Hai alguén dedicándose agora mesmo á pescuda activa?

Eu mesmo, e tamén as compañeiras. Todos temos contacto con outras filmotecas, e hai moitas cousas por aí. Ningunha delas está nunha situación excepcional agora mesmo, pero segue habendo colaboración. É preciso facer un traballo de localización e restauración de materiais.

De todos xeitos, aquí pecharon todos os laboratorios de fotoquímico, así que hai que facelo fóra. Se temos tempo buscamos, e imos atopando cousas. Por suposto o ideal sería ter un plan de acción, que se fai, o que pasa é que logo hai eventos e situacións particulares que obrigan a cambiar esa ‘axenda’. E os presupostos, claro. Ás veces é necesario “tirar co que hai”…

Se as cousas se fixeran no seu momento, cando as copias están xa degradándose pero aínda nun punto que sexa reversible… Entre películas que se contraen, que se avinagran, que perden a cor… Hai cousas que son dificilmente recuperables, nin sequera ‘escaneables’. Hoxe en día pasa todo pola restauración dixital. O que se fai normalmente é tirar unha copia, un duplicado, e logo escanear ese duplicado e facer a correspondente restauración dixital. Finalmente volves a tirar outra copia do restaurado. Ese é o proceso máis habitual hoxe en día. Son procesos longos, e hai que inverter moitos cartos. Nós encantados de que houbera fondos para todo, porque o certo é que hai moito material que recuperar.

Cantas persoas adoitaban traballar aquí?

Hai moitos anos chegamos a ser 14 ou 15 persoas aquí. Entre traballadores fixos, becarios, xente con proxectos e demais. Agora somos 9. Fan falta cartos e xente, pero é un problema que teñen case todas as filmotecas.

Pasou tamén na Filmoteca Española, cando botaron a Chema Prado, despois de todo o seu traballo…

Exactamente. Co considerado que está e todo o que fixo… Foise moita xente dos que estaban con el, dos que puxeron a filmoteca “a andar”. Pero xa se sabe que en España somos un pouco ‘cainitas’. Sempre acabas facendo o que se pode, o que che deixan. É unha mágoa, porque agora mesmo alí tamén están tendo problemas.

Tamén é algo moi “de aquí” construír espazos enormes e agardar a que se enchan solos de contido.

Eu lémbrome hai moitos anos, cando puxeron a primeira pedra no Gaiás, que nos dicían que iamos ir para alí. Temos ata algunha anécdota: estabamos nunha ocasión quitando o falso teito para poñer un proxector, e a xente que viña xa preguntaba se estabamos desmantelando para marchar ao Gaiás. E aquí seguimos (Risas). O que si que nos gustaría é ter máis sitio. Hai moitas filmotecas que teñen ‘compartimentado’ o que son as oficinas e a sala, como a propia Filmoteca Española. A sala non está no mesmo edificio que o arquivo, que de feito ten varias sedes. Iso é o que pasa en filmotecas grandes, pero a nós non nos importaría ter outro sitio. De feito hai anos xa se explorara a posibilidade de ter a sala aquí e o arquivo aparte. Pero debería ser un almacén debidamente acondicionado.

Todo iso é unha inversión moi grande. Xa vedes que a cámara ten que estar cunhas condicións de temperatura concretas, para que se conserve co frío. Habería que facer como fixeron no Centro de Conservación e Restauración: preparar uns almacéns grandes e refrixerados de xeito gradual. Iso é o ideal. Nalgunhas cámaras grandes incluso se crioxeniza o material para que dure, como Walt Disney (Risas).

Entón, aínda que houbese inversión para máis restauración seguiría faltando espazo?

Agora mesmo non hai sitio para nada, aínda que se quixese facer máis. O ideal sería dispoñer de máis espazo acondicionado. Igual máis adiante, neste mesmo edificio, se trasladan algunha dependencia… No Gaiás teriamos sitio de sobra, pero agora xa se vai enchendo.

O ideal do CGAI é que está no centro da Coruña, facilitando a asistencia.

Por suposto, a sala ten que quedar aquí. Ademais xa renovamos para 20 anos máis. A asistencia é moi boa, pero tamén é necesario diversificarse. Afortunadamente hai outros sitios que tamén fan programación, como o Cineclube Padre Feijoo en Ourense, ou o Lumiére en Vigo.

O ideal sería ter un espazo máis amplo, pero o ideal é unha cousa e o que se pode facer, outra. Seguiremos resistindo. Aquí na sala o que vemos nos festivais é que a xente se implica. Hai moita afluencia, que é do que se trata, que veña xente a ver cine. O público vai cambiando, e ten as súas preferencias. No festival S8, por exemplo, hai un público de cine experimental, que xa está curtido nesta sala, e enchen todas as sesións. Oxalá que se enchera todos os días, pero non é o caso. De todos xeitos estamos na media das filmotecas en canto á asistencia por sesión. Hai que seguir traballando.

Found Sounds. Retrospectiva Bárbara Meter. (S8) Mostra de Cinema Periférico 2017

Found Sounds. Retrospectiva Bárbara Meter. (S8) Mostra de Cinema Periférico 2017

Queriamos algo de datos. Que volume de obras hai conservadas no CGAI?

En total sobre 3000, entre curtas e longas, tanto españolas como galegas e estranxeiras. Está todo na memoria.

Cal é a porcentaxe de produción galega?

Estará no 50 por cento, máis ou menos. Ten en conta que hai moitas máis curtas galegas que estranxeiras. Pero hai xente que sigue preferindo non deixar o seu material. Nós explicámoslle o proceso, pero algúns queren ter a súa película na casa. Existen moitas películas por aí, de xente que fixo cousas no seu momento e que preferiu telas na casa. Non queren depositar o orixinal, o cal é lexitimo, pero tamén unha mágoa.

Sen poñernos derrotistas, de cara ao futuro, a que nos enfrontamos? Canto material está en risco de perderse?

De momento non moito. Practicamente todo o que temos aquí está restaurado e duplicado. Case todo o que temos está para perdurar. Hai algunhas cousas que deberían facerse xa, pero non se fixo no seu momento e agora é moi difícil. Aínda así non é unha porcentaxe moi elevada. A maioría do que atopamos e se conserva está ben, para durar.

En canto á fraxilidade do cinema. Cales son as principais diferenzas que notaches ti co cambio de formatos? Principalmente á hora de preparar e proxectar o material.

Ás veces o programa non che recoñece o disco co DCP, sen ir máis lonxe. Normalmente o proceso é: cargar o DCP, preparar a secuencia, acender todo, comprobar o formato que ten que ir e listo. Co dixital non tes que cambiar. No 35mm se tes unha sesión con curtametraxes e longametraxes tes que cambiar de obxectivos, estar traballando constantemente. No dixital pos o formato e xa cambia solo, é automático. A min persoalmente gústame máis proxectar en 16mm ou 35mm, polo tema físico. Aínda que a cabina cada dia é mais incómoda para traballar. Antes non estaba o proxector dixital, nin a tarima. Había outro sistema que era máis cómodo. Hoxe por exemplo imos proxectar L’Amour Fou, de Jacques Rivette, que dura 4 horas. No sistema que tiñamos antes poderíamos pasala de seguido, pero agora hai que cambiar as bobinas. Iso por suposto implicaba que estiveras alí pendente. No 35mm sempre hai que repasar as copias, e aínda así ás veces hai perforacións ou piquetes, empalmes que están mal e que poden saltar en calquera momento. Non adoita pasar, pero tamén pode romper, porque o soporte acaba resecando.

Cando viñemos ao S8 este ano Luther Price traia a única copia do seu filme, porque non facía duplicados, e tivo que parar porque ía romper. Penso que precisaba un proxector e velocidade concretas…

Eu teño proxectado nitrato algunha vez, e ten que estar perfecto, porque se non… Pode pasar calquera cousa.

Volvendo á fraxilidade do cinema. Se rompe un disco duro ou copia dixital, acabouse, en cambio a película non.

A película pode romper, pero logo empatas, volves enfiar e tiras para adiante. Se rompe o arquivo… Normalmente se hai algún problema xa da un erro e tes que pedir outra copia, outro DCP.  Xa ten pasado. “Mándame outra copia porque a este disco, ou arquivo, pasoulle algo”. A solución é pedir outra copia, porque non vas volver a facer o DCP. Hai xente que os fai, ponlle subtítulos e todo. Ao final é informática, pero son procesos que levan tempo. Existen programas específicos, que normalmente son bastante caros, para facer os DCPs. Pero iso non nos toca a nós. Se chega unha copia mala hai que pedir outra á distribuidora. Ás veces son problemas co disco, ou outras cousas que si podemos arranxar, pero se o arquivo está mal…

Resulta irónico, non? Pensas que canto máis avance a tecnoloxía menos problemas haberá, pero…

Se hai problemas sempre che din que podes comprar outros servidores e demais. Hai que vender. Pero o mellor soporte de conservación é o 35mm. Principalmente porque sabes o que vai a durar, máis ou menos. Ao final en ambos casos trátase dunha reprodución constante. É un arte de reprodución. O que non podemos é perder o 35mm, os soportes orixinais. Hai que conservar a maquinaria de reprodución dos orixinais. Ao final acaba sendo unha moda. Todos os laboratorios que había con máquinas habería que conservalos, aínda que sexa como un museo. Porque é historia do cine, historia da técnica.

Falamos de formatos de conservación, pero hai que ter en conta tamén a proxección.

Evidentemente, tes que saber como funciona cada cousa. Entender o 9 e medio, o súper 8, 16mm, 35mm… Tes que saber como traballar con cada formato, como reproducilo. Incluso facer unha proxección en vídeo non sempre é tan sinxelo. Que formato precisa, que audio? Hai que axustar, ver cal é… Pero claro, segue sendo máis sinxelo que a película. Eu tiven que montar a película de hoxe en 35mm, que son 14 bobinas, e cando remate teño que desmontalas. Co dixital non hai que facer nada, nin rebobinar. Se antes tiña dous pases seguidos de 35mm precisaba tempo entre ambas proxeccións para volver a preparalo. No dixital podo rematar 5 minutos antes, darlle outra vez a ‘play’ e xa está.

O 35mm ten para min moito máis encanto, pero hai que estar moi pendente do que poida fallar. Se ao lector lle entra algo de po, por exemplo, tes que estar atento, porque calquera erro vese e escoitase inmediatamente. No dixital pode fallar unha tarxeta e pouco máis, pero en fotoquímico son moitas cousas. Hoxe por exemplo vou estar aí ao lado do proxector porque nunca se sabe. Esta copia por exemplo está bastante ‘trillada’, con moitos empalmes e reparacións.

Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) - Proxector

Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)

Á hora de limpar, facer empalmes e demais con que traballas?

Usamos cintas especiais que non deixan marca nin residuos. Antes usábase acetona, nas restauracións aínda se fai. Pero sempre se pode separar. Sempre se pode cortar. O ideal é non facelo, sobre todo nos finais e principios de cinta, onde a xente traballa sempre, porque acaban desaparecendo fotogramas. Na actualidade faise cunha ‘empalmadora’ especial.

Que é o máis raro que tes visto á hora de proxectar material manipulado?

A ver, aquí ten pasado de todo, pero nada especialmente grave. Téñenseme queimado motores, o proxector… É complicado o tema do foco, por exemplo. O outro día tamén fallou unha tarxeta con dixital. Houbo que poñer outra, pero arranxamos.

Antes mencionabas os servidores… Cres que Internet se presenta como unha alternativa a prol da conservación, ou que realmente non supón un avance? Se cae o servidor cae todo.

Tampouco hai que ser ‘catastrofista’. Hai pouco lin un artigo sobre a “idade escura” do dixital, explicando que en calquera momento pode desaparecer todo… Realmente a conservación dixital é fantástica porque facilita enormemente a distribución. Se algo bo ten Internet é a distribución masiva do coñecemento. Existen plataformas para ver de todo, e iso para os arquivos é moi bo.

Vense dando unha importante discusión dende os inicios dos arquivos dixitais. Hai xente que tiña un arquivo unicamente para conservar, e non quería difundilo. Pero outra xente opinaba que si debía exhibirse. Sempre houbo esas dúas posturas, e eu penso que efectivamente habería que difundir. E a mellor ferramenta é a rede: unha plataforma web, un repositorio dixital, espazos onde a xente poida ter acceso aos contidos e de paso que sirvan para conservalos, aínda que sexa en menos calidade. Dende logo Internet non debería ser a única vía. Hai moita xente que agora che pide que lle pases algo a dixital e logo tira os orixinais… Iso tampouco pode ser. Hai que conservar de todos os xeitos posibles, para telo máis controlado e logo poder difundilo como queiramos.

Entón, ten sentido a conservación sen exhibición?

Non, eu penso que non. Hai que conservar e difundir. Se ninguén o ve, non existe. A xente sigue sorprendéndose das cousas que temos aquí, porque non tiveron acceso a elas. É necesario chegar a un público, a difusión é fundamental, e hai que traballar nesa liña. É un dos principios que rexe as filmotecas: difundir aquilo que se recupera. Precisamente para que haxa unha retroalimentación co público. Fas que a xente sexa consciente do traballo, e iso tamén anima a que sigan traendo cousas.

De que cineastas tedes consciencia de que se perdeu moito co paso do tempo?

De José Gil, por exemplo. Dos Barreiro tamén hai moito que non se conserva. Hai cousas de Román que tampouco temos. Algunhas cousas incluso da produción de Suevia. Villar de Francos, Pardo Reguera… De Velo atoparanse incluso unhas imaxes en Rusia, pero aínda faltan cousas. Hai moito perdido por aí.

Realmente agora cal é o maior volume de obras que entra no CGAI?

Antes entraban máis, porque había máis produción. Se nun ano se facían 12 longametraxes xa entraban case 30 pezas coas copias. Pero hoxe en día… Cando rematan os prazos para cumprir coas subvencións si que entran. A maioría en DCP, na súa ‘caixiña’, e a ver o que duran.

Ao final son discos duros e, aínda que existe un estándar, tes que conservar a copia. O ideal sería facer un volcado e ter polo menos dúas de cada. Pero claro, para iso tes que ter uns servidores con moita capacidade. Un DCP pode pesar máis de 100gb. Son moitos ‘teras’ ao final. Nas televisións si que teñen esa capacidade, e agora están dixitalizando todo o seu arquivo. O fondo do NODO de TVE, por exemplo, tamén sería moi interesante para nós. Tamén o arquivo do centro territorial. Sería fantástico porque ademais están en 16mm, e conservan o fotoquímico. Foron pouco a pouco dixitalizando, pero teñen moito material.

Lembro que algúns investigadores (Fernando Redondo, Xurxo Chirro e Isabel Sempere) quixeron acceder ás imaxes de cando trouxeron os restos de Castelao a Bonaval, retransmitidas por TVE, e non lles abriron o arquivo. Tiveron que recorrer a unha copia de Youtube en ínfima calidade. É o que ti dis, existe un fondo moi interesante con moita memoria histórica de Galicia que está pechado en San Marcos.

Pero iso ten que cambiar. Antes non había nada, e agora pouco a pouco van subindo cousas: tes o NODO e distintos noticiarios na web de TVE. Antes eu tiña que ir á Filmoteca Española a buscar esas mesmas imaxes relacionadas con Galicia, anotar os números para facer logo dixitalización e facer copia. Hoxe en dia está todo colgado. Ata a Filmoteca ten unha canle en Youtube! Hai moitas cousas que xa están dispoñibles na rede, e hai moitos canais de difusión para ese contido histórico. Eu supoño que igual máis tarde ‘aparecerán’ os orixinais en 16mm. No seu momento estivemos apunto de asinar un acordo coa TVE para facer ese traballo de dixitalización, pero finalmente quedou en nada. Eu agardo que co tempo poidamos ter acceso a ese contido, que é moi interesante.

O que estamos vendo é que o acceso aquí no CGAI cada vez tamén é máis complicado. A biblioteca e videoteca están practicamente fóra de servizo.

Pero iso é unha cuestión de persoal. Se quedas persoalmente comigo, ou con outra compañeira que che poida abrir, non habería problema. Pero ao final estamos todos para todo, e así non se pode.

Comments are closed.